Investigadores galegos crean o primeiro manual de España sobre a submisión química

A obra aporta recomendacións para as entrevistas coas pacientes, así como o protocolo hospitalario por parte dos servicios médicos

O problema da submisión química é un problema emerxente de violencia contra as mulleres. Crédito: Shutterstock / Monkey Business Images
O problema da submisión química é un problema emerxente de violencia contra as mulleres. Crédito: Shutterstock / Monkey Business Images

O pasado verán unha onda de picadas a mulleres consternou á sociedade. As institucións alertaron do risco que corrían as mulleres de ser sometidas a unha submisión química, unha substancia que se enmarca nas Drogas como Facilitador do Asalto Sexual (DFAD) e que deixou múltiples testemuños de vítimas de violencia machista. Con todo, non existen datos fiables sobre a incidencia en España: denunciar neste contexto é moi díficil -tendo en conta que é unha droga que produce amnesia- e a substancia, debido a que se administra en pequenas cantidades, non sempre se detecta en análises toxicolóxicas. Dende a perspectiva científica non existía un manual que aportase unha base de coñecemento sólido sobre esta temática que tanto preocupa á sociedade e aquí radica un dos últimos estudos da Universidade de Santiago (USC) e a Universidade de Vigo (UVigo): a primeira monografía de España que recompila todo o que se coñece sobre a submisión química.

Sobre a obra titulada Submisión química e uso de sustancias psicoactivas nas agresións sexuais. Prevención, detección e intervención dun problema multidisciplinar, o coordinador e profesor da UVigo, Manuel Isorna, comenta que xurdiu por una “cuestión profesional”: “Toda a información estaba moi dispersa. Os profesionais tiñamos que acudir a revistas de dereito penal ou a unha revista da Garda Civil para coñecer como se facían as investigacións ao respecto, que pasaba coa custodia das probas de laboratorio ou o tempo que duraba a droga no sangue”, informa. En España non existen estudios de vitimización, co cal, non hai un mapa real sobre o que está acontecendo coa submisión química. “Os casos que se denuncian son só a punta do iceberg”, alega o investigador. O traballo tamén está dirixido polo catedrático de Dereito penal e Criminoloxía na Universitat Abat Oliba CEU, José R. Agustina.

Segundo datos do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses (INTCF) dos últimos cinco anos, nunha de cada tres agresións sexuais en España a vítima estaba baixo os efectos da submisión química. Como se suministra? Por dúas vías: mediante a súa administración de maneira encuberta en bebidas ou a través das picadas con agulla hipodérmica. Con todo, tamén se pode dar o caso que o agresor aproveite que a vítima estea baixo os efectos das drogas previamente por consumo propio. A coordinadora do Observatorio Noctámbul@s na Fundación Saúde e Comunidade, Ana Burgos García, sinala a invisibilización do consumo de drogas nas mulleres e o “castigo social” que padecen cando son vítimas de violencia baixo os efectos das substancias que elas consumen. De feito, o profesor Manuel Isorna comenta un caso no que a nai dunha moza que presentou substancias nas análises respondeulle cun “que esperabas?”, referíndose ao estado ao que se atopaba a súa filla antes de ser agredida.

Cando a vítima non ten claro ter sufrido unha agresión sexual é cando se debe activar o protocolo de submisión química

Entre os factores de risco de submisión química con fines sexuais, o estudo apunta que intervienen o sexo, a idade – as vítimas de submisión química enmárcanse entre os 20 e 30 anos-, a nacionalidade, padecer algunha enfermidade mental ou discapacidade intelectual, o consumo previo de alcohol e outras substancias psicoactivas, e por último, frecuentar locais de ocio nocturno. Á hora de abordar nos servicios hospitalarios unha agresión mediante submisión química, os expertos coinciden en que os diagnósticos son complexos e non sempre os axeitados. Un dos problemas importantes que sinalan son: “non recoñecer a urxencia da atención médica, non tratar á paciente como unha vítima ou non documentar as probas forenses axeitadas no momento oportuno”. Cando unha persoa non ten claro ter sufrido unha agresión sexual é cando se debe activar o protocolo de submisión química.

Síntomas

Os síntomas aos que lle deben prestar atención en Urxencias son a intoxicación repentina ao consumo de alcohol; amnesia parcial ou total; desinhibición; que a vítima esperte en circunstancias estrañas, como nun lugar inesperado, desnuda ou mal vestida; con restos de semen no corpo; e que presente molestias na área xenital. Nestes casos, os médicos deben atender á paciente de maneira inmediata para poder obter as mostras para detectar a substancia. A investigación deste tipo de delitos atopa unha grande dificultade pola tardanza da interposición da denuncia -se finalmente chega a darse-, a amnesia das vítimas e ausencia de sinais de defensa no corpo. A monografía indica que deberán terse en conta todos estes aspectos para comezar a investigación e tamén recomenda como deberían ser as entrevistas coas pacientes: nun clima de confianza, con linguaxe sencilla e tendo en conta as probables lagoas de memoria.

A obra proporciona un compendio de aportacións multidisciplinares sobre esta realidade e a diversa fenomenoloxía dos casos de vulnerabilidade e submisión química. As distintas contribucións combinan diferentes enfoques metodolóxicos e disciplinares, coa intención de “axudar aos operadores xurídicos a actuar con maior coñecemento ante un reto como o que plantexan estas novas formas de atentar contra a liberdade sexual”. Ademais, este manual inédito en España pode ser empregado tanto no ámbito académico e en determinadas especialidades do ámbito socio-sanitario (medicina e psicoloxía forense ou psicoloxía comunitaria), como no educativo, no sentido máis amplo da palabra, ou na área de criminoloxía. Nos últimos anos implantáronse unha serie de políticas públicas encamiñadas a protexer os dereitos sexuais das mullleres, principalmente tras o caso da manada que provocou unha ampla mobilización da sociedade. O ano pasado difundíronse moitas campañas sobre como se poden identificar as picadas nas pernas. Traballos como este axudarán a sentar as bases para elaborar novas políticas que traballen na prevención deste tipo de prácticas con fines sexuais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.