Xoves 25 Abril 2024

Intelixencia artificial e coñecemento humano alíanse contra a desinformación

A iniciativa que lidera a USC pretende facilitar á cidadanía o acceso a información verificable

Humanos e máquinas achegarán o mellor de si para coutar algunhas das ameazas coas que se atopan as democracias actuais: noticias falsas, discursos de odio ou desinformación. Esta é a meta da iniciativa HYBRIDS, un novo proxecto de investigación transnacional, liderado dende a Universidade de Santiago (USC), cuxo obxectivo científico será deseñar e desenvolver novas ferramentas automáticas para contrarrestar a ameaza da desinformación, baseadas no procesamento da linguaxe natural e a intelixencia artificial.

A través deste proxecto que conta co apoio da Unión Europea (UE) e o UKRI (UK Research and Innovation do Reino Unido) desenvolveranse diferentes técnicas de deep learning a partir dunha análise exhaustiva do discurso público sobre temas cruciais a nivel global, como a saúde, a crise climática, o escepticismo europeo ou a inmigración, que terá en conta tanto os medios de comunicación tradicionais como os contidos publicados a través das redes sociais. Representantes das 14 entidades que integran o consorcio déronse cita este mércores 25 no encontro de lanzamento da iniciativa que se celebtrou no Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS).

Publicidade

Estratexia global

“A propagación de rumores e noticias falsas, a incitación ao odio contra minorías vulnerables e o acoso a través das redes sociais convertéronse nunha das principais ameazas para as democracias modernas”, explican dende o proxecto. Os parlamentos e gobernos das distintas nacións están a tomar conciencia da necesidade dunha estratexia global contra a desinformación, “asumindo que a estabilidade das sociedades democráticas depende tamén de que os cidadáns teñan acceso a información verificable, sendo así libres de construír as súas propias opinións a partir de datos obxectivos, cuxa veracidade poida ser demostrada”, apuntan.

Aínda que nos últimos anos producíronse avances significativos na detección automática da desinformación, segue sendo un campo pouco estudado, xa que se trata dunha tarefa “extremadamente complexa que require un profundo coñecemento semántico, así como distintos mecanismos de inferencia e razoamento baseados na linguaxe natural”, aseguran.

Intelixencia ‘híbrida’

Desde a súa concepción inicial, HYBRIDS asumiu a necesidade de contar cun equipo de investigación multidisciplinar, capaz de trasladar os coñecementos adquiridos nas ciencias humanas e sociais ás ferramentas tecnolóxicas baseadas nos algoritmos de Procesamento da Linguaxe Natural (PLN) e deep learning. Pablo Gamallo, docente da Facultade de Filoloxía da USC e experto en lingüística computacional, responsable do proxecto dende o CiTIUS, afirma que “o obxectivo final é xerar novos sistemas de interpretación neuro-simbólica, algo que coñecemos como intelixencia híbrida”. O investigador resume a esencia do proxecto ao afirmar que “a idea de intelixencia híbrida consiste en combinar as altas capacidades computacionais dos recentes algoritmos neuronais con representacións simbólicas que modelan o coñecemento humano, achandando así o camiño para superar as carencias dos actuais métodos de intelixencia artificial”.

Con todo, e a pesar destas vantaxes, ata a data publicouse moi pouca investigación no campo dos sistemas híbridos, debido á dificultade de atopar persoal de alta cualificación nestas disciplinas, tradicionalmente tan afastadas como a enxeñería informática, as ciencias sociais ou a lingüística. A posta en marcha de HYBRIDS —unha Rede Doutoral Marie Skłodowska-Curie financiada polo programa Horizonte Europa e o UKRI— contribuirá tamén á formación destes perfís en metodoloxías híbridas, que achegarán a súa experiencia neste e outros estudos sociais cun alto impacto potencial na sustentabilidade das boas prácticas democráticas en Europa.

HYBRIDS é o resultado dun consorcio internacional liderado dende o CiTIUS da USC, e nel participan un total de catorce membros (oito beneficiarios e seis socios) de sete países europeos: Francia, Alemaña, Italia, Portugal, España, Países Baixos e Reino Unido. Entre as institucións figuran seis universidades (USC, Queen Mary University of London, Radboud Universiteit, UDC, Université Caen Normandie e Universidade de Evora); tres centros de investigación (Consello Superior de Investigacións Científicas, Fondazione Bruno Kessler e Leibniz-Institut für Sozialwissenschaften); dúas fundacións sen ánimo de lucro (Fondazione Openpolis ETS e Fundación Empresa Universidade Galega) e tres empresas privadas (Factoria Software e Multimedia, Industrieanlagen Betriebsgesellschaft MBH e Newtral Media Audiovisual). O proxecto está dotado con 2,9 millóns de euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Un tratamento da USC para deixar de fumar logra a abstinencia do 77% de participantes

O estudo demostra que o uso de recursos tecnolóxicos, como as videochamadas e aplicacións móbiles, son efectivos para abandonar o tabaco

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións