Xoves 18 Abril 2024

Exeria, Ernestina Otero e Filomena Dato darán nome aos edificios da UVigo

Tras unha semana de votación nas redes sociais, a Universidade de Vigo xa coñece os novos nomes para os edificios administrativos do campus de Vigo. Xerencia-Servizos Centrais pasará a chamarse Exeria; a Reitoría levará o nome de Ernestina Otero e o Anexo a Xerencia será coñecido co nome de Filomena Dato. En total, como explica a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, “entraron en contacto entre o visionado de historias de Instagram, impresións de Twitter e máis a interacción directa en Facebook un total 20.289 persoas”. Neste sentido, dende o equipo de goberno amósanse moi satisfeitos “coa participación, implicación e interese por parte da comunidade universitaria nesta iniciativa”. En total emitíronse 2.195 votos, sendo Facebook a plataforma na que participaron máis persoas.

Con esta proposta institucional tratábase de render homenaxe, mostrar e recuperar a memoria de mulleres que contribuíron ao desenvolvemento de Galicia e, para iso, propuxéronse dous nomes femininos senlleiros para cada un dos edificios. Deste xeito, cada unha das instalacións terá “un nome propio, independente dos usos dados en cada momento”, como indicaba o reitor na sesión do Claustro do día 18 de xullo, cando adiantaba a decisión de levar a cabo esta proposta.

Publicidade

Exeria, novo nome para Xerencia-Servizos Centrais

No caso do edificio de Xerencia-Servizos Centrais, no que actualmente está o despacho do reitor, o nome elixido pola comunidade universitaria foi Exeria, que obtivo a maioría dos votos, un 58%, fronte ao 42% de María Wonenburger. Por redes, Exeria foi a elección maioritaria en Instagram (53%) e Facebook (65%), non así en Twitter (46%). Deste xeito, o edificio levará o nome da autora dun Itinerarium á Terra Santa, da que fala por primeira vez Valerio do Bierzo, ao redor do ano 680, nunha carta dirixida probablemente á comunidade monástica de San Pedro de Montes. Exeria viviu no século IV, na provincia romana de Gallaecia. Muller curiosa, intrépida, audaz e forte, acadou moita sona pola súa viaxe a Oriente entre os anos 381 e 384, emprendida para coñecer directamente os lugares bíblicos e evanxélicos, e tamén a Tebaida exipcia, onde estiveron os ascetas do primeiro cristianismo.

Ernestina Otero para Reitoría

A redondelana Ernestina Otero dará o seu nome á Reitoría. A súa foi a escolla coas porcentaxes máis claras, acadando o 72% dos votos, fronte o 28% que obtivo Sofía Casanova. Nesta votación, houbo substanciais diferencias segundo as plataformas, acadando o 78% dos votos en Facebook e o 63% en Twitter, pero tan só o 34% en Instagram. Otero naceu en Redondela en 1890 e cursou os seus estudos de mestra elemental e superior en Pontevedra e foi unha das primeiras mulleres en obter o título na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio en Madrid. Desde o principio, a súa traxectoria estudantil e profesional opúxose, no que á educación das mulleres se refire, á ideoloxía dominante do momento orientada fundamentalmente á formación de boas fillas, nais e esposas.

Filomena Dato para o Anexo a Xerencia

Para o Anexo a Xerencia a comunidade universitaria elixiu o nome da poeta Filomena Dato, cun 56% dos votos, fronte ao 44% de Ángela Ruiz Robles. Neste caso, foi elixida maioritariamente nas tres redes sociais, cun 51% dos votos en Instagram, un 63% en Facebook e un 54% en Twitter. Desta escritora, nada en Ourense en 1856¬, coñécense poucos datos persoais. Profusamente galardoada, mantivo desde nova unha estreita amizade coa escritora Sofía Casanova e compartiu faladoiro e inquedanzas feministas con Emilia Pardo Bazán, Fanny Garrido e outras intelectuais. Colaboradora habitual en xornais da súa época, pronunciou conferencias en defensa das mulleres en intervencións públicas. En 1906 ingresou na Real Academia Galega como membro correspondente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Exoplanetas de spray e tinta: ciencia e arte alíanse nun proxecto internacional con selo galego

O artista vigués Tono Carbajo realiza unha residencia artística en Cataluña para desenvolver a súa obra visual e sonora a partir de evidencias astronómicas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores