Martes 23 Abril 2024

Que nome de muller lle darías aos edificios administrativos do campus de Vigo?

Os tres edificios administrativos do campus de Vigo, Reitoría, Xerencia-Servizos Centrais e o anexo a Xerencia, terán nas próximas semanas nome propio. Estas instalacións, que na actualidade se denominan polos seus usos, pasarán a ser coñecidas polo nome dunha muller. Para iso, o equipo de goberno decidiu poñer en marcha unha consulta pública para que a comunidade universitaria poida elixir entre unha lista de figuras femininas destacadas, para así render homenaxe, mostrar e recuperar a memoria de mulleres que contribuíron ao desenvolvemento de Galicia.

Esta proposta xa foi recollida polo reitor, Manuel Reigosa, na sesión do Claustro do día 18 de xullo, e como explicaba, trátase de “plasmar o compromiso da institución coa igualdade de xénero, polo que se avogou porque estes edificios teñan nomes propios, independente dos usos dados en cada momento, e que ademais sexan nomes de mulleres”. A consulta desenvolverase entre o luns e o venres da próxima semana a través das redes sociais da Universidade de Vigo e habilitarase un espazo na web da institución con toda a información e os enlaces para a votación.

Publicidade

Dúas propostas para cada edificio

Para o edificio de Xerencia-Servizos Centrais propóñense os nomes de Exeria e María Wonenburger. A primeira delas viviu no século IV, na provincia romana de Gallaecia. Muller curiosa, intrépida, audaz e forte, acadou moita sona pola súa viaxe a Oriente entre os anos 381 e 384, emprendida para coñecer directamente os lugares bíblicos e evanxélicos, e tamén a Tebaida exipcia, onde estiveron os ascetas do primeiro cristianismo. De Exeria como autora dun Itinerarium á Terra Santa fala por primeira vez Valerio do Bierzo, ao redor do ano 680, nunha carta dirixida probablemente á comunidade monástica de San Pedro de Montes.

Pola súa banda, María Wonenburger naceu en Montrove, Oleiros, en 1927 e foi pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias, cursou os seus estudos de Matemáticas na Universidad Central de Madrid, onde se licenciou en 1950. En 1953, recibiu unha das primeiras bolsas Fulbright, coa que puido estudar na Yale University, onde se doutorou en 1957 baixo a dirección de Nathan Jacobson. María Wonenburger traballou en teoría de grupos e álxebras de Lie, campo no que dirixiu oito teses de doutoramento. Foi autora dunha morea de publicacións científicas en prestixiosas revistas internacionais.

A consulta pública, na que pode participar toda a comunidade universitaria, ábrese o luns 8

Os dous nomes propostos para o edificio da Reitoría son Sofía Casanova e Ernestina Otero. Casanova naceu na Coruña en 1861, foi poeta, escritora e xornalista, a primeira española correspondente permanente nun país estranxeiro e tamén de guerra. Publicou novelas, contos, unha comedia e colaborou en xornais como La Época, El LiberalEl MundoEl Imparcial de Madrid, así como en publicacións galegas como a revista Galicia e en prensa internacional como a Gaceta Polska ou o New York Times.

A outra muller proposta é Ernestina Otero, natural de Redondela (1890), realizou os seus estudos de mestra elemental e superior en Pontevedra e foi unha das primeiras mulleres en obter o título na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio en Madrid. Desde o principio, a súa traxectoria estudantil e profesional opúxose, no que á educación das mulleres se refire, á ideoloxía dominante do momento orientada fundamentalmente á formación de boas fillas, nais e esposas.

Filomena Dato e Ángela Ruiz Robles son as dúas propostas para renomear o Anexo á Xerencia. Dato naceu en Ourense en 1856, foi unha poeta profusamente galardoada, que mantivo unha estreita amizade coa escritora Sofía Casanova e compartiu faladoiro e inquedanzas feministas con Emilia Pardo Bazán, Fanny Garrido e outras intelectuais. Colaboradora habitual en xornais da súa época, pronunciou conferencias en defensa das mulleres en intervencións públicas. En 1906 ingresou na Real Academia Galega como membro correspondente.

Finalmente, Ángela Ruiz Robles é coñecida por ser a precursora do libro electrónico. Naceu en Villamanín, León, en 1895 e finou en Ferrol en 1975, foi mestra, pedagoga e inventora, realizou un importante labor educativo orientado ao ámbito das ciencias co obxectivo de mellorar a calidade da ensinanza española. Deseñou a máquina taquimecanográfica, un mapa e un atlas lingüístico gramatical e en 1949 solicitou a patente da Enciclopedia Mecánica, considerado o primeiro libro dixital, cuxa fabricación dirixiu no Parque de Artillería de Ferrol.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Exeria, a curiosidade científica dunha viaxeira da Antigüidade

Nos seus escritos tenta comprobar viaxando ata Oriente que os datos que aparecen na biblia son certos

Tres edificios do campus de Vigo estrean nome de muller

Ernestina Otero, Filomena Dato e Exeria dan nome desde esta semana ás instalacións de Xerencia-Servizos Centrais; Anexo a Xerencia e Reitoría

Vinte mulleres de ciencia en Galicia que tes que coñecer

Como se adoita dicir, non están todas as que son, pero...

Exeria, Ernestina Otero e Filomena Dato darán nome aos edificios da UVigo

Preto de 3.000 votos emitidos a través das redes sociais decidiron os novos nomes dos inmobles administrativos da universidade