De Vigo a Xapón: así se adaptan as comunidades pesqueiras ao cambio climático

A investigadora da UVigo Xochitl É. Elías Ilosvay participa xunto a un grupo de expertos nun estudo na illa xaponesa de Shikoku

A investigadora predoutoral do Centro de Investigación Mariña (CIM) da UVigo Xochitl É. Elías Ilosvay participa xunto a un grupo de expertos e expertas na illa xaponesa de Shikoku nun traballo de campo que ten como obxectivo aprender como as comunidades de pescadores se están a adaptar ao cambio climático. Na costa occidental da illa de Shikoku as comunidades pesqueiras ven desde hai anos os efectos do cambio climático da costa.

Os profesores Naoki Kumagai, do National Institute for Enviromental Studies, e Jorge García Molinos, da Universidade de Hokkaido, estudan e documentan a tropicalización das augas, onde os corais están a desprazar ás comunidades de macroalgas de augas máis temperadas, con consecuencias importantes para a pesca”, explica a investigadora do Future Oceans Lab do CIM, que apunta que estes cambios ecolóxicos funcionan coma un laboratorio natural, exemplo dos impactos do cambio climático, que se agarda se produzan noutras zonas onde o quecemento é menos acelerado.

Publicidade

Aínda que a cultura xaponesa é moi diferente á galega, os sistemas pesqueiros de ambas rexións son moi semellantes, con agrupacións en cooperativas de pescadores, similares ás confrarías galegas, que lles provén dereitos de acceso e explotación e recursos pesqueiros semellantes con prácticas de maricultura de algas e bivalvos e pesca artesanal. “Non obstante, as diferenzas culturais e as barreiras do idioma, xunto á distancia, fan deste traballo de campo un gran reto”, asegura a investigadora do CIM, que destaca e agradece o labor de Kameyuki Seike, profesional do mergullo na costa de Shikoku, cun amplo coñecemento do sector pesqueiro da rexión. “Grazas a súa experiencia e liderado na coordinación deste traballo de campo, o equipo pode presentar a investigación ás autoridades locais de cooperativas, e acceder a entrevistar aos pescadores”, detalla Xochitl Elías.

Aínda que a cultura xaponesa é moi diferente á galega, os sistemas pesqueiros de ambas rexións son moi semellantes

O equipo de expertos percorrerá durante cinco semanas a costa oeste de Shikoku recollendo información sobre os impactos na pesca e as respostas do sector. Despois de manter reunións coas autoridades locais e representantes de cinco cooperativas pesqueiras das zonas norte e centro, onde testaron as enquisas e as entrevistas, estes días comeza a fase de entrevistas na zona de Uwajima, na prefectura de Ehime. “O equipo desprazarase cara ao sur, onde se unirá o doutor do Instituto de Investigación de Kuroshio Yuji Ise, para entrevistar ás comunidades máis afectadas pola tropicalización.  Agárdase que este estudo contribúa a entender o tipo de respostas de adaptación na pesca e así poder mellorar a xestión de recursos mariños baixo impactos do cambio climático na rexión e noutros lugares do mundo onde os cambios acontecen de xeito menos acelerado”, explica Xochitl Elías.

Publicidade

Unha investigación centrada nas respostas adaptativas

Enmarcada no proxecto ERC-StG: Clock: Climate Adaptation to Shifting Stocks, liderado por Elena Ojea, a tese de Elías abrangue as respostas adaptativas das comunidades pesqueiras ante o cambio climático, en lugares onde os cambios na diversidade acontecen dun xeito drástico. A investigadora do CIM analizou os lugares onde a pesca estivo máis afectada por eventos extremos de cambio climático e identificou dous casos de estudo nos que se centra a tese: Nayarit (México) e Shikoku (Xapón). “Estes resultados conforman o primeiro capítulo da tese, que foi recentemente publicado na revista científica Communications Earth & Enviroment”, sinala Elías, que tras finalizar con éxito o caso de estudo de Nayarit o pasado verán, aplicará a mesma metodoloxía na illa de Shikoku, onde está instalada desde mediados do mes de xaneiro. 


 Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo identifica as claves xenéticas da “adaptación evolutiva única” das píntegas das Illas Atlánticas

A UVigo participou na investigación, que achou que en dúas localizacións do parque nacional as femias dan a luz crías terrestres, en lugar de larvas acuáticas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos