A primeira muller galega en licenciarse en Medicina en 1925 e en abrir unha consulta de xinecoloxía en Vigo, tres anos despois, dá nome desde hoxe ao edificio Cacti-Cinbio do campus vigués. Olimpia Valencia López foi ademais unha galeguista comprometida e unha precursora da igualdade de xénero, dúas condicións que este martes lle foron recoñecidas no acto de inauguración do edificio que acolle o Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación, Cacti, e o Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, ademais do Servizo de Bioexperimentación.
A secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, presidiu un acto, no que ademais do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e os conselleiros de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria e Sanidade, Román Rodríguez e Jesús Vázquez, participaron as directoras dos centros África Gónzalez (Cinbio) e Irene Alejo (Cacti) e unha representación das 200 investigadoras e investigadores e persoal técnico que conforma o cadro de persoal. O acto comezou co descubrimento dun totem coa biografía de Olimpia Valencia e dunha placa conmemorativa da inauguración.
14.000 m² ocupan os dous centros, deseñados polo arquitecto Alfonso Penela, en cuxa construción se investiron uns 10 millóns de euros e nos que se albergan laboratorios específicos para grupos ou servizos, así como salas de uso común e zonas sociais e de estudo. Tralo seu equipamento, a actividade comezou no Cacti, que substitúe ao edificio que funcionaba no campus vigués desde a década de 1990, a finais do ano 2013, mentres que no Cinbio arrancaba en 2014. “Non inauguramos edificios baleiros”, asegurou Carmen Vela ao inicio da súa intervención, na que gabou a decisión da Universidade de Vigo de homenaxear a Olimpia Valencia, “situándose á cabeza do país en recoñecer ás mulleres”.
O novo edificio de investigación ten 14.000 metros cadrados con deseño de Alfonso Penela
Salustiano Mato foi o primeiro en tomar a palabra no acto celebrado este mediodía, no que denunciou a invisibilización histórica do papel da muller na ciencia e destacou a traxectoria profesional e persoal de Olimpia Valencia. O reitor da Universidade de Vigo situou ás e aos profesionais da institución no epicentro da consecución nos últimos anos de “grandes fitos que explican en gran medida por que este val de innovación, este espazo físico no que se instala o campus é o único en Galicia que ten centros tecnolóxicos”.
Mato referiuse ao Cinbio, en coordinación co sistema sanitario, como a punta de lanza da investigación en biomedicina no sur de Galicia. “Un centro que está dando xa moi bos resultados, estamos captando talento e tamén de aquí se están levando talento. Temos dous ERC e cinco spin-off en activo e 200 investigadoras e investigadores que están amosando unha produtividade moi importante”, detallou o reitor, que agradeceu o traballo que está a desenvolver o persoal científico e técnico, do que dixo “sodes o orgullo da Universidade de Vigo”.
Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria referiuse ao centro “como un dos mellores de Galicia” e incidiu na importancia de poñer á ciencia ao servizo da cidadanía.
Mentres, Jesús Vázquez asegurou que o de hoxe “é un día grande para a sanidade galega” e destacou a importancia de inaugurar un centro que leva o nome dunha muller que loitou contra os convencionalismos.
A secretaria de Estado de I+D+i foi a encargada de pechar o acto, no que lembrou a firme aposta do Goberno central pola biomedicina, un ámbito “ao que máis recursos dedicamos, xa que é a que máis impacto ten porque repercute na cidadanía”. Carmen Vela defendeu a calidade da ciencia que se fai en España, así como o das instalacións científicas e lembrou as boas posicións acadadas polo país no programa H2020, tanto en posicionamento en proxectos aprobados, como en retornos económicos atraídos, méritos que Vela atribuíu ás e aos investigadores e a institucións como a Universidade de Vigo.
O Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación (CACTI) proporciona apoio científico e tecnolóxico especializado tanto ao persoal investigador da Universidade de Vigo como aos organismos públicos de investigación (OPI) e ás empresas. O CACTI iniciou a súa andadura en 1991 e en 1995 estableceuse nun edificio específico de 3600 m2 no campus de Vigo.
O edificio rende homenaxe a Olimpia Valencia, muller pioneira na Medicina
O crecemento do seu equipamento e da súa actividade motivou o seu traslado ao edificio que agora se inaugura e no que a actividade se organiza en catro grandes servizos: determinación estrutural, proteómica e xenómica, nanotecnoloxía-análises de superficies, microscopía electrónica e seguridade alimentaria-desenvolvemento sostible (este último con instalacións en Vigo e Ourense). Completan a oferta tres servizos complementarios: detección remota, taller de mecanizado e taller Electrónico e de calibración.
Pola súa banda, o Centro de Investigacións Biomédicas aglutina as capacidades e coñecementos de catorce grupos de investigación en Biomedicina e Saúde da Universidade de Vigo, integrados en cinco áreas principais (cancro; inmunidade e inflamación; neurociencias, biosaúde e envellecemento activo; obesidade e enfermidades metabólicas) e tres transversais (bioinformática; bioestática; innovación: novos métodos de prevención, diagnóstico e terapia).
No período 2013-2015, os grupos integrados no Cinbio obtiveron proxectos por un importe de 8,5 millóns de euros en convocatorias europeas, outros oito millóns en programas nacionais e rexionais e case dous millóns en contratos e servizos con empresas.
Un dos proxectos máis importantes foi o proxecto europeo Biomedical Capacities Support Program (Biocaps) na convocatoria FP7-REGPOT-2012-2013, coordinado pola Universidade de Vigo e financiado con 4,6 millóns de euros para impulsar o Instituto Biomédico de Vigo (actualmente denominado Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, IIS-GS), entidade mixta entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Universidade de Vigo.
No referente á transferencia e á innovación, durante este período solicitáronse seis patentes (catro delas internacionais) e asináronse 129 contratos e servizos tecnolóxicos con 36 empresas. O persoal investigador do Cinbio son promotores da creación e impulso ao desenvolvemento de cinco empresas spin-off: FG2 Energy Control, Nanoimmunotech, Inbiogal, Nanofaber e Peloides Termales.