Un equipo de Vigo estuda o impacto do cambio climático nas capas máis altas da atmosfera

O físico Juan Antonio Añel liderará un proxecto internacional que estará integrado por institucións de renome como a NASA, o MIT e a Universidade de Oxford

O Instituto Internacional de Ciencias Espaciais (International Space Science Institute-ISSI) acaba de escoller o físico da Universidade de Vigo (UVigoJuan Antonio Añel para liderar un equipo internacional que estudará durante os próximos dous anos os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo do proxecto estará integrado por once institucións de sete países.

“O ISSI fai unha convocatoria anual para financiar equipos de traballo nos temas máis relevantes do momento en investigación espacial e de monitorización da terra. Polos nosos últimos resultados sobre os impactos do cambio climático, varios colegas suxeriron a posibilidade de presentarse á convocatoria e pedíronnos que a liderásemos e así o fixemos”, comenta Juan Antonio Añel.

Publicidade

Tres obxectivos e recomendacións

Os obxectivos do proxecto son varios. “En primeiro lugar, avaliaremos en que estado nos atopamos para monitorizar os impactos do cambio climático nas capas máis altas da atmosfera, xa que agora mesmo temos unha gran falla de datos e sistemas de observación e as misións de satélite previstas nos próximos anos non solucionan estes problemas”, detalla Añel.

En segundo lugar, o proxecto proponse construír unha base de datos de observacións da atmosfera media para poder estudar mellor ditos impactos. O terceiro propósito da iniciativa será cuantificar o impacto das emisións dióxido de carbono na ionosfera e certas propiedades da atmosfera alta, tales como a densidade de electróns. “Isto é importante porque está afectando á navegación de satélites e ao seu tempo de reentrada na atmosfera e aumentando o tempo de permanencia en órbita do lixo espacial e polo tanto aumentando a súa cantidade”, di o físico da UVigo. Por último, no marco desta iniciativa farase un informe con recomendacións sobre como solucionar estes problemas.

Publicidade

“Os impactos do cambio climático nas capas máis altas da atmosfera son aínda moi descoñecidos”

“O noso coñecemento dos impactos do cambio climático segue moi restrinxido á superficie e á parte máis baixa da atmosfera do planeta. Por cuestións como a falla de observacións de toda a atmosfera antes da aparición dos satélites artificiais, os impactos nas capas moi altas ainda son moi descoñecidos”, explica Añel. Porén, subliña, “é importante abordar este oco no noso coñecemento” pondo como exemplo como “o aumento do lixo espacial pode ter efectos moi perniciosos sobre as operacións de satélites ou en misións orbitais”. Así, engade o físico da UVigo, “incluso se ten probado que pode dar lugar a erros en medicións con sistemas de posicionamento como o GPS, algo que hai que cuantificar adecuadamente”.

Participación de prestixiosas institucións

No equipo do proxecto, ademais da UVigo, tamén están a Universidade de Oxford, a NASA, o MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts), o Centro Nacional de Investigacións Atmosféricas de Estados Unidos (NCAR), o Centro de Investigación Antártica de Reino Unido, a Charles University de República Checa, o Instituto Nacional de Investigacións Avanzadas da India, o Instituto Meteorolóxico de Finlandia, o Instituto Meteorolóxico dos Países Baixos e a Universidade de Leeds. Por parte da Universidade de Vigo participan Juan Antonio Añel, como líder do proxecto, e Laura de la Torre, ambos físicos do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-Centro de Investigación Mariña) e docentes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense.

Por outro lado, Añel lembra que o Instituto Internacional de Ciencias Espaciais, impulsor do proxecto, “funciona como instituto de investigacións avanzadas de referencia internacional no eido espacial, especialmente dedicado ao estudo da influencia do Sol sobre a terra e ciencias planetarias, que facilita a investigación en colaboración de todas as axencias espaciais dos diversos países”. Na actualidade, engade, o ISSI está financiado principalmente pola Axencia Espacial Europea (ESA), a Academia de Ciencias de Suíza e a Axencia Espacial de Xapón e conta coa participación de institucións como o Centro Nacional de Investigacións Espaciais de China, o Instituto de Investigación Espacial de Rusia e a Nasa.

Recoñecemento ao traballo e á constancia

Este proxecto, apunta por último Juan Antonio Añel, “ten a súa base no traballo que vimos desenvolvendo dende hai case dúas décadas en Ephyslab, que en certa forma comezou ca miña tese de doutoramento sobre o estudo do impacto do cambio climático na tropopausa do noso planeta”. Pondo en valor a importancia de que sexa a UVigo a que “estea liderando un equipo coma este e neste tema”, o físico do campus de Ourense destaca como “é reconfortante que os nosos colegas, algúns de centros con gran tradición na investigación espacial e con gran prestixio, coma a NASA, o MIT, NCAR ou a Universidade de Oxford, consideren que temos a capacidade para coordinar o traballo conxunto neste tipo de investigacións”.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como defendernos dos mosquitos: que funciona e que non contra esta praga estival

Os repelentes con DEET e picaridina seguen as ser os máis eficaces, mentres que as velas de citronela, pulseiras ou ultrasóns carecen de respaldo científico

O verán galego é 1,8 graos máis cálido que hai 60 anos

O investigador do CSIC Dominic Royé explica que aumentou a temperatura media e cada vez hai máis eventos meteorolóxicos extremos como ondas de calor, secas ou alteracións nos patróns de choiva

Catro claves para crear bosques urbanos e combater a crise climática dende as cidades

Unha urbe sen árbores posúe unha menor infiltración de auga, temperaturas máis altas e unha poboación con máis enfermidades

Galicia rompe o tópico: en 2025 rexistráronse máis horas de sol do habitual

O documento confirma o aceleramento do quentamento global ao recoller unha temperatura media de 1,1 graos por enriba do promedio anual normal