A USC recoñece a “xenerosidade” dos veciños do Courel

Veciños e autoridades participaron este sábado na homenaxe que a Universidade de Santiago de Compostela lle ofreceu á veciñanza de Seoane do Courel, en gratitude pola súa colaboración para poñer en marcha a Estación Científica do Courel, inaugurada hai agora sete anos.

Neste enclave, catalogado como centro singular da USC, lévanse a cabo proxectos de investigación, ao tempo que serve de punto de encontro para a cooperación entre os diferentes grupos de investigación da universidade. Ao mesmo tempo, e segundo remarcou o reitor Juan Viaño, “contribúe ao desenvolvemento e dinamización da comarca”, a través da organización de diversas actividades formativas e de divulgación, así como de transferencia de tecnoloxía, abertas á participación da cidadanía.

Publicidade

Estación científica do Courel.
Estación científica do Courel.

Alén de manifestar publicamente a gratitude e o recoñecemento da USC ao pobo de Seoane do Courel, o reitor tamén quixo facer extensible o seu agradecemento ás administracións local, provincial e autonómica. Viaño resaltou a colaboración sustentable que manteñen coa USC o Concello de Folgoso do Courel, a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia, un apoio que incide no bo funcionamento da Estación Científica do Courel.

O reitor descubriu unha placa de agradecemento ao pobo courelán no marco dun acto público no que participou un nutrido grupo de veciños de Seoane, encabezados pola alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, así como unha ampla representación académica e científica, entre a que estaban os vicerreitores de Coordinación, Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, e Servizos Culturais do Campus Terra da USC, Javier Bueno, Andrés Barreiro e Carme Silva, respectivamente.

Publicidade

O director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro Rodríguez; a xefa en Lugo do Servizo de Coordinación da Área Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, María José Gómez, e os profesores e investigadores da USC Celia López Besteiro, Augusto de Castro Lorenzo e Manuel Antonio Rodríguez Guitián, tamén participaron neste acto cívico e de confraternidade, no que o enxeñeiro de Montes courelán José Manuel Blanco López, que exerce como técnico da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, construíu un documentado relato non exento de emotividade sobre a historia de Seoane do Courel.

A Estación é un importante elemento dinamizador de toda a zona

Antonio Rigueiro, lembrou na súa intervención algunhas das peripecias que forman parte da historia da Estación Científica do Courel, para logo detallar os servizos  e as posibilidades que ofrece este centro singular da USC. Nos seus 900 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas e baixo cuberta, a Estación Científica do Courel dispón de sala de conferencias (60 prazas), laboratorios de docencia e investigación (16 e 8 prazas respectivamente), salas de estar e traballo ademais de residencia para 8 investigadores. A planta baixa alberga a aula e os servizos xerais, polo que pode ser utilizada de xeito independente para todo tipo de actos.  Asemade, este centro da USC está dotado de equipamento informático, conexión a internet e material óptico (microscopios e lupas) de investigación.

A Estación Científica do Courel está preparada para acoller no seu seo a organización de cursos e conferencias así como visitas relacionadas coas actividades docentes de diferentes niveis (ESO, Bacharelato, titulacións universitarias de Grao e Máster, estudos de posgrao e doutoramento, Cuarto Ciclo, etc.). Así mesmo, está concibida como residencia de investigadores que realicen o seu traballo nese ámbito.

Esta centro universitario pretende tamén, salientou Rigueiro, servir de instrumento dinamizador da socioeconomía da bisbarra, facilitando as súas instalacións a institucións, entidades locais e asociacións para realizar distintas actividades. Busca así contribuír ao desenvolvemento comarcal e á mellora do nivel de vida da poboación rural mediante a realización de actividades formativas enfocadas ao manexo das tecnoloxías da información e a comunicación, o fomento do uso sostible dos recursos naturais e a formación en materias específicas vinculadas coa produción, transformación e comercialización de produtos agrícolas, gandeiros e forestais de orixe local.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo pioneiro desvela como responden as aves ao primeiro megaincendio rexistrado en Galicia

A intensidade das lapas reduciu a diversidade, mentres que a presenza de áreas con distinto nivel de afectación favoreceu a recuperación ecolóxica

Así será a ponte colgante do Courel que podería ser unha das máis longas do mundo

Enxeñeiros da Universidade da Coruña deseñan unha pasarela de case 650 metros suspendida a máis de 180 metros sobre o val do río Ferreriño, no concello lugués de Quiroga

É o leite de lúa de Aradelas o primeiro de Galicia? Outro depósito do Courel dispútalle o privilexio

Persoal do xeoparque descarta que a cova da Buraca das Choias acredite cientificamente a consideración de 'moonmilk'

Descuberto no Courel o leite de lúa, un depósito mineral único en Galicia

A formación atopada na sima Aradelas está composta de dous materiais que nunca se documentaran en territorio galego