O Síndrome de Asperger é un trastorno neuro-biolóxico severo do desenvolvemento. As persoas que o padecen teñen anormalidades ou desviacións en aspectos como as conexións e habilidades sociais e o uso da linguaxe comunicativa, presentando comportamentos repetitivos ou perseverantes e unha limitada gama de intereses, entre outras cuestións. Os estudantes con esta diagnose caracterízanse por ter un desaxuste específico na integración da información, desde a recepción dos estímulos sensitivos ata a recuperación do aprendido. Por todo isto, á hora de abordar a súa inclusión educativa, os expertos e a normativa vixente indican que é imprescindible o deseño de medidas de apoio para favorecer a súa participación. Para contribuír a este obxectivo na educación superior, na súa tese de doutoramento Nuria Diéguez articulou un plan para adaptar a organización e a metodoloxía universitarias a este alumnado en base a experiencias de diferentes países. Esta folla de ruta, destacan os seus responsables, é única e pioneira en Europa pola súa exhaustividade, segundo informa Rosa Tedín no DUVI da Universidade de Vigo.
A tese foi dirixida polo catedrático Manuel Ojea, unha autoridade neste estudos
A tese, titulada “Síndrome de Asperger: dimensións organizativas e metodolóxicas na universidade”, estivo dirixida polo docente da Universidade de Vigo Manuel Ojea, que conta cunha dilatada traxectoria no eido dos trastornos do espectro autista, e é froito de cinco anos de traballo investigador. A necesidade de levar a cabo este estudo xurdiu, explica a doutora, “ante a necesidade concreta que se deu no campus de Ourense de ofrecer unha resposta educativa e social a un estudante con este trastorno que iniciaba os seus estudos na Facultade de Historia”. Para el configurouse un equipo de apoio co fin de avaliar as súas necesidades educativas e deseñouse e implementouse un programa adaptado ás súas características e necesidades. “Este proceso xerou a inquedanza de coñecer como era a resposta educativa ao alumnado con características similares noutras universidades”, salienta a psicopedagoga ourensá.
Caso no campus de Ourense
Deste xeito, a súa investigación estivo centrada no desenvolvemento deste caso concreto no campus de Ourense, antes, durante e despois da aplicación do programa durante cinco anos e na realización dun cuestionario a outras universidades con realidades similares, coa finalidade de contrastar os resultados. Nestas enquisas participaron universidades españolas, europeas e latinoamericanas. “Os resultados obtidos permitiron identificar as variables que mellor anticipan unha resposta adaptada, tanto organizativa como metodoloxicamente, a un proceso inclusivo de calidade e con garantía de atención á diversidade. Tamén nos permitiron establecer unhas pautas xerais para o deseño dun plan de actuación que facilite a escolarización deste alumnado”, subliña Diéguez García. A aplicación de dito plan á práctica universitaria foi medida mediante o estudo comparativo pre e postest realizada ao caso de estudo.
Os que padecen Asperger ven limitadas a súas habilidades sociais e de coñecemento
Autonomía persoal
A Universidade de Vigo ten un protocolo especial para estes alumnos
O alumnado con calquera tipo de necesidade educativa especial, que amose a posibilidade competencial de adquirir os obxectivos xerais de estudos de grao, aínda que sexa coas medidas de apoio, reivindica Diéguez García, debe ter o dereito a que se lle brinden os medios adaptados necesarios de acceso aos seus estudos, tanto na área das tecnoloxías como no ámbito das concrecións dos procesos cognitivos. “Sen lugar a dúbidas, a inclusión social, e por suposto a educativa, é un proceso eticamente esixible na sociedade actual, xa que negar ou impedir o acceso á educación en termos de equidade para todos os estudantes, teñan ou non necesidades específicas de apoio educativo, é algo reprobable, non só desde un exercicio moral senón tamén desde o ámbito da lexislación actual vixente”, advirte a doutora. Neste senso, indica por último, a Universidade de Vigo, ten establecido as canles legais facilitadoras dunha educación adaptada aos estudantes con necesidades educativas especiais, que se traduciu recentemente na elaboración dun plan específico para a integración do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo escolarizado nesta institución.