A UVigo triunfa cun software que simula os movementos da auga

O grupo Ephyslab, da Universidade de Vigo, está a obter grandes resultados co software libre que teñen desenvolvido para prever o comportamento de grandes masas de auga.  Creado en colaboración coas universidades de Manchester, Gante e Politécnica de Catalunya, o programa (bautizado DualPhysics) acumula xa máis de 25.000 descargas. E as súas simulacións son de gran utilidade para a enxeñería, por exemplo na construcción de encoros ou grandes diques ou paseos marítimos.

Cando se fan plans de protección de comunidades é necesario prever como lle afectarán por exemplo, inundacións debidas a un aumento do caudal dos ríos ou do nivel do mar, e así un longo etcétera de posibilidades. Para pór en común os últimos avances neste eido, expertos dalgúns dos principais grupos de investigación públicos e privados que traballan en España e Portugal neste tema déronse cita este martes e mércores no campus de Ourense.

Publicidade

Segundo informa Rosa Tedín, no DUVI, o encontro, que levou por título Iberian Workshop Advances on Smoothed Particle Hydrodynamics, estivo organizado polo Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo, co seu director Moncho Gómez Gesteira ao fronte. “Arredor duns 20 grupos de investigación traballan neste eido en toda Europa. Con este encontro, o que quixemos foi reunir en Ourense ás persoas que traballan na Península en métodos numéricos para resolver problemas de fluídos, principalmente da auga, co obxectivo último de compartir os últimos avances e novidades, de afondar en problemáticas comúns e de establecer sinerxías de colaboración”, apuntou Gesteira. Deste xeito, as sesións celebradas contaron coa asistencia e participación de expertos das universidades de Lisboa, Gante (Bruxelas), Politécnica de Madrid e Politécnica de Catalunya; da empresa líder en enxeñaría Sener e de CEDEX e do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas do Ministerio de Fomento, ademais de investigadores da Universidade de Vigo.

O software supera as 25.000 descargas

“A tecnoloxía de última xeración que empregamos para realizar as simulacións de fluídos é a SPH, a Smoothed Particle Hydrodynamics, que resolve o movemento da auga asumindo que cada parcela dela se comporta, por dicilo dun modo comprensible, como unha bola en interacción das demais”, explicou o investigador ourensán. Fronte á tradicional análise en cuadrículas, esta técnica permite simular á masa de auga como un conxunto tridimensional de puntos que se vai movendo segundo as condicións que se propoñan. Esta técnica, apuntou, resolve problemas que as técnicas convencionais non conseguen resolver de comportamento da auga baixo condicións extremas.

Publicidade

Para facer estas simulacións, comentou Gesteira, o Grupo Ephyslab creou en 2008 un software libre que actualiza cada ano e que permite aos usuarios baixar modelos para realizar estas simulacións con tecnoloxía SPH. A ferramenta, chamada DualSPHysics foi feita en colaboración coas universidades de Manchester, Gante e Politécnica de Catalunya e na actualidade xa conta con máis de 25.000 descargas. DualSPHysics pode aplicarse para simular fluídos, o seu movemento e a súa interacción con estruturas; para deseñar espigóns, xeometrías complexas polas que circulan líquidos e aplicacións industriais; para resolver problemas hidráulicos e de protección do litoral ou para realizar visualizacións, de por exemplo a auga caendo nunha copa, ou simulacións de alta resolución, de máis de 1000 millóns de partículas. “O noso programa permite non só simular o comportamento da auga senón tamén de obxectos relacionados con ela, por exemplo de coches arrastrados pola auga, algo moi importante en caso de catástrofes”, apuntou Gómez Gesteira.

A técnica SPH e ferramentas como a creada por Ephyslab, indicou o docente do campus de Ourense, o que fan é resolver problemas moi complexos, problemas que non teñen outra vía de solución pois requiren un tempo e unha capacidade de cálculo enorme ao chegar a unha precisión de 4 ou 5 centímetros cando se pode estar falando de masas de auga de dimensións moi grandes, como pode ser o caso da simulación da rotura dunha presa. Trátase, tal e como explicaron os expertos reunidos noIberian Workshop Advances on Smoothed Particle Hydrodynamics, dunha cuestión técnica moi específica e complexa pero que ten ao fin unha aplicabilidade moi relevante para a vida das persoas e das comunidades en condicións extremas e na prevención desas condicións extremas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Unha masa de aire africano trae temperaturas por enriba dos 30 graos en Galicia a partir do xoves

O fenómeno elevará as máximas ata 37ºC en Ourense e deixará valores próximos aos 30ºC en boa parte do territorio, con aviso amarelo no interior

Por que as choivas previstas serán insuficientes para acabar coa seca en Galicia: “A situación xa é moi severa”

A secura prolongada fai que o solo perda a capacidade de absorber auga, o que provoca escorreduras ante episodios intensos de chuvia

Un mapa europeo alerta da seca extrema e sinala os puntos máis críticos en Galicia

Algunhas das zonas afectadas son Fisterra, Vigo, A Estrada, As Pontes e Valdeorras