Un total de 101 millóns de euros procedentes da I+D+i ingresou a Universidade de Vigo no período comprendido entre os anos 2010 e 2013, unha cifra, que segundo afirmou o reitor, Salustiano Mato, evidencia que se acada o obxectivo plantexado, “a pesares dos tempos convulsos, tormentosos e difíciles”, en referencia aos recortes operados polo Goberno central en investigación, desenvolvemento e innovación.
Na presentación dos datos de I+D+i, na que Mato estivo acompañado pola vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, o reitor fixo balance do ano 2013 e do período correspondente ao seu mandato, contrapoñendo as positivas cifras acadadas pola Universidade á “dramática situación que se está a vivir na investigación española”, derivada da progresiva desaparición de convocatorias de proxectos de investigación da administración xeral do Estado, á que se suma a ausencia nos últimos anos de convocatorias de infraestruturas procedentes de financiamento europeo ou do orzamento xeral do Estado, así como as relativas a parques científicos e tecnolóxicos das distintas administración.
En 2013, a institución ingresou 31,6 millóns de euros, un 24% máis que no anterior exercicio
Neste escenario a Universidade de Vigo foi quen de incrementar ano tras ano os seus ingresos procedentes de I+D+i ata chegar en 2013 a 31,6 millóns de euros, un 24% máis que en 2012. “Traballamos buscando novas fontes de ingreso, pescando en caladoiros diferentes, diversificando o traballo a través da cooperación intelixente e agregando capacidades dos investigadores”, explicou o reitor, segundo informa o Diario da Universidade de Vigo (Duvi). Mención especial fixo Salustiano Mato á captación de recursos a través dos proxectos institucionais promovidos polo equipo de gobernó, e que teñen como obxectivo agregar capacidades de varios grupos de investigación de diferentes ámbitos e que no ano 2013 acadaron os 15,2 millóns de euros, o que representa un crecemento dun 64,4% respecto de 2012. En canto aos ingresos procedentes de proxectos de investigación europeos estes medraron en 2013 un 66%, acadando os 4,7 millóns, fronte aos 1,6 do ano anterior.
Outras cifras significativas do ano pasado foron as referidas ao volume das actividades de I+D contratadas ao longo de 2013 na Universidade de Vigo e que ascenderon a 8,5 millóns, 1,2 millóns máis que en 2012. Ademais creáronse na institución académica un total de 573 postos de traballo directos e inducidos vinculados á I+D, mentres que o número de actividades de transferencia ascendeu a 155. Pola súa banda os grupos de investigación, que en 2013 se presentaron a convocatorias en concorrencia competitiva, tanto autonómica como europea, captaron 7,8 millóns de euros para un total de 40 proxectos.
Aos máis de 2.000 investigadores que desenvolven o seu labor na Universidade de Vigo, responsabilizou o reitor dos “magníficos” resultados conseguidos estes tanos en I+D, “investigadores que teñen paciencia e que a pesares dos paus, seguen creando e despexando incógnitas e prolongando as fronteiras do coñecemento”. Para Mato estes resultados deben ser un motivo de orgullo para ese persoal investigador, pero tamén “un motivo de denuncia e protesta para lamentar a política equivocada do Estado en torno á I+D”, un Goberno ao que o reitor da Universidade de Vigo responsabiliza duns recortes que cualificou de “brutais” e ao que acusa de persistir na equivocación de non apostar pola investigación e o desenvolvemento.
O reitor, Salustiano Mato, critica os recortes estatais: “A pesares do Goberno temos futuro”
“Os nosos resultados deben servir de lección a quen está equivocado na súa política”, dixo Mato con contundencia. Fronte a esta política. Salustiano Mato, asegurou: “Somos quen de tirar para adiante e seguir traballando”. “A pesares do Goberno temos futuro”, engadiu, ao tempo que destacou que o balance acadado é froito dun traballo colectivo, “que amosa que temos un modelo de universidade de futuro, do século XXI no que todos estamos comprometidos”.
No seu repaso aos datos máis relevantes do ano 2013 o reitor da Universidade de Vigo fixo mención especial ao peso da institución no gasto de I+D autonómico, que acadou o ano pasado 111 millóns de euros o que supuxo un 66% do total de ingresos orzamentados pola institución para ese ano. Unha cifra que segundo Salustiano Mato confirma que “somos case a cuarta parte de todo o gasto de I+D de Galicia”. No apartado de transferencia cómpre destacar que o pasado ano o número de actividades ascendeu a 155, resultado da suma dos servizos tecnolóxicos a empresas e grupos de investigación (120), patentes nacionais e internacionais (21 e 4, respectivamente), contratos de licenza (8) e creación de EBT,s(2). Respecto de 2012 as actividades incrementáronse en 11.
Cuns datos nas mans “obxectivamente bos pero que non deben despistarnos do drama que vive a investigación española”, o reitor referiuse a obxectivos cara aos que a Universidade debe seguir avanzando. Tal é o caso da especialización, un camiño no que si ben se ten progresado nos últimos anos, Mato confirmou que “seguiremos ligados ás áreas de especialización para bañar a todos os investigadores”. O reitor fixou nun 40% o persoal investigador que na actualidade estase a beneficiar dos recursos derivados da especialización que se traducen en proxectos concretos como Campus do Mar, Vigo Tecnolóxico, Campus da Auga ou Campus CREA, e manifestou a súa intención de que con este tipo de proxectos institucionais se poda beneficiar e conseguintemente facilitar a captación de recursos a todos os investigadores.
Precisamente en relación cunha desas liñas estratéxicas de traballo como é a aeroespacial, o reitor avanzou, trala confirmación do Concello de Pontevedra que investirá 30.000 euros nesta liña: “Estamos traballando e máis cerca dun magnífico resultado”.