Un estudo da USC confirma que a pesca recreativa beneficia a saúde de quen a practica

É o primeiro artigo que establece unha asociación positiva entre esta actividade e o benestar físico e mental dos seus practicantes

Como contribúe a práctica da pesca marítima recreativa á saúde e ao benestar das persoas que realizan habitualmente esta actividade? É unha pregunta que, ata agora, non tiña resposta científica. No caso de Galicia, onde unhas 70.000 persoas (case o 3% da poboación) practican a pesca recreativa, contestar a esta pregunta non carece de importancia. Un equipo de persoal investigador, entre os que se atopan Pablo Pita, Sebastián Villasante, Gillian Ainsworth e Manel Antelo, da Universidade de Santiago de Compostela, acaban de publicar un artigo na revista Ecosystems and People que constitúe “o primeiro estudo que achega evidencia empírica sobre os beneficios para a saúde e o benestar dos pescadores asociados á práctica desta actividade”.

O traballo baséase en cuestionarios realizados a case 250 persoas que realizan pesca recreativa en Galicia, nos que se avaliaron as asociacións desta actividade con niveis de estrés, o consumo de peixe e marisco e a calidade do sono nocturno. Entre outros achados, o artigo mostra que no caso das persoas máis activas, “os índices de estrés reducíronse ata un 15,4% en relación ás menos activas”. “Amosamos que a práctica da pesca recreativa está asociada a menores niveis de estrés, segundo a percepción dos propios pescadores”, explican os autores do traballo. E engaden, na mesma liña, que “tamén demostramos que os pescadores recreativos máis activos consomen máis marisco na súa dieta”.

Publicidade

Beneficios para a saúde pública

Estes achados reforzan a idea de que a promoción de actividades recreativas ao aire libre repercute positivamente no benestar colectivo da poboación. Os autores do traballo afirman que “a pesca marítima recreativa é unha actividade relativamente barata e accesible, incluídas as persoas maiores, xa que non require un esforzo físico considerable”. Os potenciais beneficios colectivos son notables nas sociedades máis desenvolvidas, cunha poboación envellecida, xa que uns niveis máis elevados de benestar e saúde implicarían unha menor carga asistencial para os sistemas públicos de saúde.

As vantaxes esténdense tamén, por exemplo, ao ámbito alimentario: as persoas que practican a pesca marítima recreativa consomen unha maior proporción de produtos do mar que o resto da poboación, recibindo así unha achega de nutrientes que axudan a previr problemas cardiovasculares, respiratorios e mentais, ademais doutras patoloxías como o cancro. Estes resultados, segundo o equipo investigador, “constitúen a base para desenvolver posteriores investigacións sobre este asunto” e “reverter a notable ausencia” de estudos sobre o vínculo entre a pesca recreativa e a saúde e o benestar das persoas. Lembran que se trata dunha actividade que practican case 60 millóns de persoas en todo o mundo, e que xera uns 30.000 millóns de dólares anuais a través dos gastos e investimentos do colectivo de pescadores recreativos. Boa parte das persoas que practican a pesca marítima recreativa teñen unha idade superior á media da poboación, o que contribúe así a aumentar os anos de vida saudable para moita xente.

Publicidade

Fenda de xénero

Por outra banda, o artigo tamén fai fincapé na fenda de xénero, cuestión que o equipo de investigación da USC analiza dende hai tempo. Tendo en conta que só o 1% dos pescadores recreativos son mulleres, os autores consideran que “implicar máis mulleres na pesca recreativa aumentaría os beneficios sociais derivados dunha mellor saúde e benestar da poboación”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un texto inédito de 1760 saca á luz o achado dun corpo saponificado en Noia: “Foi unha profunda conmoción”

O cura de Fruíme investigou o caso e negou a santidade do cadáver, ao que o pobo lle arrincara varias partes para usalas como reliquias

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos