A pesar do moito avanzado nos últimos anos en materia de igualdade de xénero no conxunto na sociedade, persisten importantes baleiros onde a situación segue sendo impropia do século XXI. No eido da investigación, unha das principais fendas amósase a través do coñecido como efecto tesoira, representado pola diferenza entre a proporción de mulleres e homes ao comezo da carreira científica (titulacións de grao, mestrado e doutoramentos) fronte ás últimas etapas, sobre todo na chegada ao recoñecemento de catedrático ou catedrática, onde as figuras femininas seguen sendo hoxe moito menores cós homes. As iniciativas en favor dunha maior presenza de mulleres en todo tipo de disciplinas de investigación son cada vez máis, e desde Galicia a Universidade de Vigo abordou desde distintas perspectivas esta situación. E co obxectivo de acadar unha igualdade real, a institución viguesa converteuse nos últimos anos en pioneira.
Hai máis dun ano, a UVigo aprobaba unha iniciativa que, ata ese momento, non impulsara ninguha institución académica española: contrarrestar a fenda de coidados, que afecta principalmente ás mulleres, a través dunha acción positiva nas súas convocatorias propias. Con esta decisión, respaldada polo Consello de Goberno, as persoas que afronten a crianza dunha filla ou fillo, ata que acade os seis anos de idade; o coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que non poida valerse por si mesmo a causa da súa avanzada idade, de accidente ou enfermidade grave ou que estea a recibir atención psicolóxica prescrita por sufrir violencia de xénero, teñen o dereito a solicitar que a avaliación da súa produción científica, docente ou de transferencia sexa equivalente á media acadada nos cinco anos anteriores a atoparse nas mencionadas situacións.
A medida tamén contempla que o dereito previsto nos supostos mencionados esténdese a calquera investigador da Universidade que obtivese un permiso ou excedencia por razón dos supostos de crianza de fillos e coidado directo dun familiar, previo informe favorable da Unidade de Igualdade e polo tempo de duración do permiso ou excedencia, ata a convocatoria de avaliación inmediatamente posterior a súa finalización
“Hai aínda unha desigualdade estrutural, derivada da fenda de coidados, que seguen invisibilizados, infravalorados e feminizados, e cremos que este tipo de accións positivas son necesarias”, explica Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da universidade viguesa. “Os coidados son para o ben de toda a sociedade, e todos e todas debemos involucrarnos neles, pero seguimos percibindo que hai enormes diferenzas, e debería atoparse unha fórmula para reducir o seu impacto”, engade Gómez.
“A medida xurdiu para paliar e minimizar unha fenda que é clara, e que existe, porque as investigadoras seguen véndose prexudicadas se deciden ser nais”, destaca Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da UVigo. Alén disto, manifesta Rubio, as mulleres seguen afrontando situacións de desigualdade nas avaliacións como as das convocatorias nos sexenios de transferencia e outros procesos. “Os datos están aí, percíbese unha invisibilización con sesgo de xénero que cómpre arranxar”.
Nos últimos anos, o equipo de Goberno dirixido por Manuel Reigosa desenvolveu varias iniciativas que xa espertaron interese noutras universidades. Unha delas foi a posta en marcha das salas de lactación nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense, converténdose nunha das primeiras institucións académicas en Galicia e España en dispoñer de instalacións apropiadas para que as estudantes e traballadoras puideran compaxinar a súa actividade coa lactación.
Problemas que agromaron pola Covid-19
Tanto Águeda Gómez como Belén Rubio coinciden en que a crise producida pola Covid-19, e a situación de confinamento para conter a pandemia, fixo patente o problema aínda presente da desigualdade. “Vímolo de varios xeitos; por exemplo, durante estes meses a moitas investigadoras con fillos fíxoselles máis complicado manter a súa actividade, aínda que fose teletraballando, algo que non aconteceu con tanta frecuencia no caso dos investigadores que tamén teñen fillos”, salienta Gómez. O problema evidenciouse tamén no envío de artigos ás revistas, un indicador que medrou nestes meses, pero de forma desigual: “Os datos expoñen que, en proporción, os homes enviaron máis papers cás mulleres, e isto pode ter tamén unha lectura en clave de xénero”.
Con todo, a crise da Covid-19 revelou tamén aspectos positivos na comunidade universitaria. Xusto antes do estado de alarma, a UVigo presentou un estudo que expoñía que arredor do 70% dos membros da comunidade universitaria manifestaba a súa disposición para mellorar os seus coñecementos sobre igualdade. Os resultados desta análise desembocaron nun itinerario virtual, cuxas dúas primeiras edicións se iniciaron entre marzo e maio, durante o confinamento, e contaron con máis de 1.850 participantes. Debido ao éxito da formación, que espertou interese mesmo noutras universidades, a Unidade de Igualdade lanzou a terceira edición, co prazo de matrícula aberto ata o 13 de setembro.
Un cambio notable, mais non suficiente
A Unidade de Igualdade da UVigo, creada en 2006, desenvolve no marco da comunidade académica distintas accións a diferentes escalas. Destaca Águeda Gómez os dous plans de igualdade completados desde o ano 2012. Á espera dos resultados do segundo dos plans (2016-2019), que se publicarán proximamente, o primeiro, desenvolvido entre 2012 e 2014, conseguiu unha elevada porcentaxe do cumprimento das súas accións. Águeda Gómez explica que estas medidas, xunto ao cambio social impulsado nos últimos anos polo movemento feminista, é tamén patente. “Observamos que as académicas, sobre todo as máis novas, son moito máis conscientes das inxustizas que persisten pola fenda de xénero, e que hai poucos anos apenas se reivindicaban”.
A evolución nestes últimos anos, explica a responsable da Unidade, fíxose patente nas actitudes da comunidade universitaria. “Hai unha importante masa de persoas, sobre todo os mozos, que se sitúa a prol do discurso igualitario, aínda que en certo xeito ambiguo e ambivalente, e outro grupo que defende abertamente a causa feminista”. Con todo, Águeda Gómez apunta tamén a existencia dunha minoría “negacionista” dos problemas de igualdade, “en sintonía con certos discursos que tamén colleron forza nos últimos anos”. Expón que “isto pon de manifesto o traballo que queda por facer”.
Neste sentido, as actividades de concienciación son habituais, e mesmo están xerando propostas que nacen da comunidade universitaria. É o caso dos puntos lila: “Foi unha idea do propio alumnado, que expuxo a idea de implantar estes espazos para evitar situacións de acoso sexual e por razón de sexo nas festas universitarias”, conta Gómez. A festa de San Pepe, patrón da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, no ano 2018, foi a primeira que contou con estes puntos lila, impulsados pola Delegación de Alumnado da devandita Escola, que este ano acadaron os premios UViguala.
Cátedra feminista
Outra dos proxectos postos en marcha polo equipo de goberno da universidade, co apoio da Deputación de Pontevedra, é a Cátedra de feminismos 4.0, que ten por obxectivo introducir a perspectiva de xénero na sociedade dixital. Entre outros plans de actuación, a cátedra contempla a realización dun seminario anual sobre feminismo e STEM a creación de bolsas para investigadoras para a realización de estadías de investigación en centros relevantes con perspectiva de xénero e a promoción dunha epistemoloxía científico-tecnolóxica con perspectiva de xénero e feminista.
Unha das liñas de traballo estará enfocada ao mundo dixital, onde segundo diversos estudos persisten fendas relevantes nos videoxogos, na creación de apps ou na presenza de figuras femininas en diversos repositorios, así como a persistencia de situacións de acoso por cuestión de xénero.
Outra das propostas máis recentes, presentada esta mesma semana, foi a incorporación da UVigo ao Manifesto Bibliotecas en Igualdade, no que as entidades asinantes se comprometen a “activar unha mirada crítica con perspectiva de igualdade cando a comunidade universitaria se achegue aos estantes das bibliotecas”.