Docentes da UVigo recuperan as achegas da científica Eunice Newton Foote e replican os seus experimentos dende unha perspectiva feminista. Crédito: WSKU Public Radio News for Northeast Ohio.
Docentes da UVigo recuperan as achegas da científica Eunice Newton Foote e replican os seus experimentos dende unha perspectiva feminista. Crédito: WSKU Public Radio News for Northeast Ohio.

A pesar de ser a primeira científica en advertir, xa en 1856, que a concentración de CO2 na atmosfera podía provocar un aumento significativo da temperatura da Terra, Eunice Newton Foote forma parte desa longa lista de mulleres da ciencia que quedaron esquecidas. De feito, é ao irlandés John Tyndall ao que se lle atribúe esta achega, aínda que el a fixo en 1859, tres anos despois. 

Agora, máis de 200 anos despois do seu nacemento, un proxecto de investigación financiado pola Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo trata de poñer en perspectiva as importantes achegas desta pioneira da ciencia climática e dimensionar a importancia dos seus avances. Tras esta iniciativa está a directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Elena Alonso, xunto cos docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra Azucena Arias, Francisco Serrallé, Mari Lires e a experta Teresa Nuño, da UPV.

Publicidade

“Por que unha achega de tal importancia foi silenciada 162 anos e atribuída a Tyndall?”

ELENA ALONSO, directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da UVigo

O proxecto, titulado Unha mirada feminista á alborada da ciencia climática: pescuda, interpretación, valoración e réplica dos experimentos e achegas de Eunice Newton Foote en 1856, foi o que obtivo a puntuación máis alta da convocatoria da cátedra. A súa finalidade é determinar ata que punto foron importantes as investigacións de Eunice Newton Foote e cales foron os motivos polos que se desconsideraron no seu tempo e na actualidade. Ademais, trátase de revalorizar a súa figura e reivindicar as súas achegas ao ámbito científico e ao movemento a favor dos dereitos das mulleres, mediante diversas accións, como a revisión e tradución dalgunhas das súas publicacións ou a réplica de varios dos seus experimentos.

Elena Alonso, directora da EE de Enxeñaría de Minas e investigadora principal do proxecto, lembra que no ano 2019, cando se cumprían dous séculos do seu nacemento, “tivemos novas da existencia de Eunice Newton Foote a través dunha conferencia de Jon Perlin, profesor da Universidade de California”. O relatorio tiña por título A Ciencia non entende de Xénero: en busca de Eunice Foote que hai 162 anos descubriu a causa principal do quecemento global e “preguntámonos por que razón unha achega de tal importancia foi silenciada durante 162 anos e atribuída a Tyndall”. Foi precisamente esta pregunta, “sobre todo tendo en conta a relevancia do descubrimento de Eunice Foote no momento actual, o que motivou a nosa investigación”. Alonso considera que o traballo desenvolto “contribúe a visibilizar, con datos e evidencias, a achega de Eunice Foote ao coñecemento, tanto tempo silenciada e oculta no androcentrismo da ciencia e as comunidades científicas”.

No esquecemento ata 2011

Eunice Newton Foote naceu en 1819 e foi científica climática, inventora e activista a prol dos dereitos humanos. En 1856 propuxo, como conclusión dos seus estudos e experimentos, que a concentración de CO2 na atmosfera podía provocar un aumento significativo da temperatura da Terra, un efecto invernadoiro que provocase o quecemento global. A pesar desta importante achega e de ser a primeira física destacada de Norteamérica, o mérito do descubrimento foi para John Tyndall, ao que se lle atribuíu este avance en 1861. A pesar de que a súa figura comezou a ser reivindicada por científicas feministas en 1976, 1984 e 1992, o seu traballo foi case invisible ata 2011, cando o investigador Raymond Sorenson publicou un artigo no que rescataba a súa figura.

Ademais, das súas achegas científicas, Newton Foote tamén formou parte do grupo de redactoras da primeira Convención dos Dereitos da Muller de Seneca Falls (1848), organizada por Elisabeth Cady Stanton (1815-1902), na que confluían o movemento feminista e o antirracista abolicionista.

Revisión e tradución das publicacións e réplica dos experimentos

A fin de revalorizar a súa figura, no marco deste proxecto elaborouse unha biografía persoal e científica, revisáronse e traducíronse publicacións do século XIX de Eunice Newton Foote, do seu marido Elisha Foote e dos científicos Tyndall e Henry, sobre o quecemento global e as súas causas, así como outras publicacións actuais de Raymond Sorenson (2011), Roland Jackson (2019), John Perlin (2019) e Joseph Ortiz e Roland Jackson (2020). Outra das patas deste proxecto foi a réplica dos experimentos de Foote e das gráficas de correlación, mediante software, entre a absorción da radiación solar e a concentración de CO2 do aire.

Eunice Newton foi a primeira física destacada de Norteamérica

Para isto empregáronse materiais semellantes aos usados orixinalmente, catro botellas de 2 litros de PET, en lugar de cilindros de vidro. A experiencia realizouse expoñendo directamente as catro botellas ao sol, durante o mesmo período de tempo con aire seco e sen CO; con aire seco; con aire seco e máis CO2 ao 50% e chea de CO2 ao 100%. Os datos obtidos amosan con claridade a correlación entre a concentración de CO2 das botellas e a absorción da radiación solar.

Finalmente, o equipo de traballo tamén deseñou unha intervención educativa con perspectiva feminista para proporcionar modelos de mulleres científicas e crear conciencia sobre a importancia do cambio climático para o futuro da vida no planeta Terra.

Conclusións do estudo

A través da revisión e tradución das súas publicacións e do estudo detallado dos seus traballos, o equipo de científicas da UVigo foi quen de debuxar un percorrido pola vida e a obra da científica, facendo fincapé nalgúns aspectos pouco coñecidos. Por exemplo, destacan que se formou no Troy Female Seminary, unha institución de elite fundada por Emma Hart Willard, que estableceu o primeiro plan de estudos de ciencias para as mulleres, igual ou mellor ca calquera outro exclusivo para homes (Perlin, 2019).

“Non se recoñeceu o seu descubrimento pola misoxinia dos seus contemporáneos”

En relación aos seus avances sobre o efecto invernadoiro, recalcan que “a única explicación de que ninguén recoñecera que Newton foi a primeira en facer esta importantísima descuberta é a misoxinia dos seus contemporáneos”. O seu artigo sobre o quecemento global foi o primeiro de autoría feminina presentado nunha reunión da American Association for the Advancement of Science, e os seus artigos no campo da física foron os únicos publicados por unha muller, en respectadas revistas científicas, ata finais do século XIX. Foi ademais unha inventora notable, pero a maioría de patentes figura a nome do seu marido. Ademais, dende unha perspectiva actual, as docentes da UVigo consideran que a científica estadounidense foi “unha precursora da Axenda 2030, sobre todo no que respecta aos ODS 4, 5, 10, 13 e 16”. Destacan tamén a súa participación na redacción da primeira Convención dos Dereitos da Muller de Seneca Falls (1848), xunto a Elisabeth Candy Stanton.

Por todo isto, os resultados desta investigación, resumen, “amosan as sinerxías entre a perspectiva feminista, o ámbito científico, o tecnolóxico, o xurídico social e a educación científica”. No caso de querer transferir estes resultados ao ámbito educativo, engaden, “as políticas ambientais e de igualdade poden constituír achegas para ofrecer referentes ás alumnas de titulacións STEM, así como para desenvolver proxectos de ámbito local, provincial e mesmo europeo, relacionados coa sustentabilidade e a Axenda 2030”.


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.