O satélite que espallou o galego polas estrelas

Xosé María Díaz Castro; Un paso adiante, Galicia; Ata as estrelas; Rosalía de Castro; Mil primaveiras máis… En morse e dende a súa órbita, Humsat-D, satélite espacial lanzado pola Universidade de Vigo en novembro de 2013, contribuíu a esparexer o idioma galego polo espazo [vídeo], nun acto simbólico que pretende demostrar que non hai límites para o idioma de Galicia. Aconteceu na confluencia de dúas datas sinaladas: o Día das Letras Galegas e o Día Mundial das Telecomunicacións, durante a entrega dos Premios de Poesía, relato curto e tradución literaria 2014 da Universidade.

Díaz Castro, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas neste 2014, non podía imaxinar cando escribiu o verso O galego ata as estrelas que o seu desexo chegaría a converterse en realidade. Esas palabras, as do seu nome, as do primeiro verso de Penélope, a súa obra máis coñecida… Todas elas foron emitidas na soidade do espazo polo satélite do grupo aeroespacial da Universidade xunto coas de Rosalía de Castro e as de Mil primaveras máis, en homenaxe a Álvaro Cunqueiro, outro baluarte da cultura galega estreitamente ligado á cidade de Vigo. A entrega dos premios é un acto concibido tradicionalmente para festexar o idioma galego, pero este ano serviu para estreitar lazos entre as letras e a tecnoloxía. E tamén para mostrar a capacidade de desenvolvemento e innovación dunha universidade que xa ten lanzado dous satélites ao espazo.

Publicidade

A emisión fíxose na entrega dos Premios de Poesía da Universidade, co gallo do Día Mundial das Telecomunicacións

“É o noso particular xeito de amosar que a nosa lingua non ten máis límites que os que nós mesmos nos impoñemos coas pexas dos nosos prexuízos”, subliñou o reitor, Salustiano Mato, tras entregar os diplomas aos gañadores duns premios impulsados pola Área de Normalización Lingüística, segundo informa o Duvi. Os premios acadan nesta edición a súa maioría de idade e que “ano a ano están a amosar o alto rendemento na creación literaria da comunidade universitaria viguesa”, subliñou o profesor e escritor Anxo Angueira, que falou en representación do xurado e gabou a relevancia dunha iniciativa que permite “darlle saída a toda esta enerxía creadora”. Angueira foi tamén o encargado de explicar os contidos das mensaxes “que Humsat-D esparexeu por todo o planeta”, subliñou Mato, e que se recolleu no acto coa proxección dun vídeo.

Servir as persoas

“É unha proba máis de que a ciencia e o seu idioma poden camiñar desde logo da mesma man”, recalcou Angueira tras a proxección dun vídeo que tamén comentou a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Edita de Lorenzo, que aproveitou o acto para lembrar que “a enxeñaría naceu para que a tecnoloxía e a ciencia nos sirva ás persoas, esa é a misión”. De Lorenzo se referiu a esta data como “un día de festa” no que amosar o traballo que se fai dende a Universidade, tanto no ámbito humanístico como no tecnolóxico.

Publicidade

E se o galego chegou ao espazo a través de Humsat-D, a poeta, cantante e música Alba María foi a encargada de pór a nota poética e musical ao acto. Da Galicia de Risco a unha abanera coa que narrar a emigración dos mozos galegos cara Alemaña. Da ‘obrigada’ poesía de Penélope a outros versos de Nimbos nos que a voz da cantante se mesturou coa de Angueira, que recitou tamén algúns extractos da principal obra de Díaz Castro.

Se para alguén foi especial o acto foi para os gañadores das diferentes categorías do premio. Rubén Varela en poesía; Xurxo Martínez, en relato curto e Paloma Barrera en tradución literaria acadaron os primeiros premios, e a eles hai que sumar os gañadores dos accésit: Xurxo Martínez e Anxo Mena en poesía; María Alonso e Rubén Galán en relato curto, e Marta Santamaría e Moncho Iglesias, en tradución literaria.

Diferentes razóns impedíronlle a Xurxo Martínez e María Alonso asistir ao acto, pero igualmente transmitiron a súa satisfacción polo galardón. Para Xurxo esta foi a segunda vez que acadou un destes premios e fíxoo por partida dobre: primeiro premio de relato curto e primeiro accésit de poesía. Pola súa banda, María Alonso, primeiro accésit de Relato Curto por Vinte miligramos de infinita tristura, transmitiu desde Alemaña “a importancia de non esquecer, aínda que sexa a través das letras, o drama que supuxo a droga para Galicia”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O estado do galego e Internet

A presenza do idioma é residual na web e atopa moitas barreiras, dende o seu emprego na publicidade ata nos motores de busca

Duplícase o número de nenos de 5 a 14 anos que non saben falar o galego en cinco anos

A nova Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística revela que o castelán xa é máis predominante na comunidade
00:03:49

F de Fala: as palabras que nos sosteñen

'Veiga', 'laverca' e 'Rábade' son palabras que herdamos de linguas perromanas, xermanas e árabes e que hoxe forman parte do léxico galego

Unha campaña de doazón de voz recollerá as variedades fonéticas e dialectais de Galicia

O obxectivo é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas