"O galego está en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria"

Os departamentos de Galego das universidades de Santiago de Compostela (USC), Vigo (UVigo) e A Coruña (UDC) veñen de publicar unha declaración conxunta na que expresan a súa “profunda preocupación pola situación actual e polo futuro da lingua e da cultura galegas”.
O documento foi asinado polos departamentos de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da UDC, Filoloxía Galega da USC e Filoloxía Galega e Latina da UVigo, as principais institucións universitarias con responsabilidade docente e investigadora no ámbito estratéxico dos estudos galegos no país. A declaración pon énfase nos alarmantes datos sobre o baixo uso do galego entre as novas xeracións, “o que implica que a lingua galega está en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria”, alertan.
Os asinantes tamén denuncian os recortes en persoal e investimentos “en todos os ámbitos relacionados coa promoción do uso e normalización da lingua galega, así como coa industria cultural a ela vinculada”, e critican a caída no uso do galego tanto na administración públicaincluíndo as propias universidades— como no sector privado.
Por iso, esixen o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004, e solicitan a paralización do controvertido Decreto ‘de plurilingüísmo’, do ano 2010, para que “a sociedade galega poida transformarse en sociedade de información competitiva nun contexto globalizado sen deixar de coidar e desenvolver os seus trazos inherentes”.
“A lingua galega ábrenos ao mundo, sitúanos nun contexto global de oportunidades e constitúe un valor económico duradeiro e de extraordinaria relevancia”, conclúe a declaración, publicada hoxe.
Velaquí o texto completo:

Os Departamentos de Galego-Portugués, Francés e Lingüística (Universidade da Coruña), Filoloxía Galega (Universidade de Santiago de Compostela) e Filoloxía Galega e Latina (Universidade de Vigo) son as principais institucións universitarias con responsabilidade docente e investigadora no ámbito estratéxico dos estudos galegos no país. Somos, desde hai case medio século, as entidades encargadas da formación de sectores imprescindíbeis nunha sociedade galega democrática: o persoal investigador en estudos galegos; o profesorado de Lingua e Literatura Galegas nos seus diferentes niveis educativos; moitas mulleres e homes que traballan na industria cultural e nos medios de comunicación en galego; moitas creadoras e creadores que hoxe son de recoñecido prestixio; intelectuais, axentes culturais e persoal laboral que sustentan xa e terán que sustentar no futuro non só as grandes e pequenas institucións culturais mais tamén as empresas relacionadas. É da nosa responsabilidade velarmos por que as futuras xeracións de tituladas e titulados, amplamente formadas, poidan continuar a ofrecer a súa contribución ao futuro da sociedade galega nun contexto globalizado, onde quen amosar unha condición ben articulada entre o global e o local vai dispor dunha estratéxica posición de vantaxe de incalculábel valor.

Publicidade

Por iso mesmo, tendo en conta os diferentes datos estatísticos recentemente publicados sobre o uso e transmisión da lingua galega e o panorama social e político do país no último lustro, vémonos na obriga de mostrar a nosa profunda preocupación pola situación actual e polo futuro da lingua e da cultura galegas. Confirmouse, por exemplo, que o nivel de uso efectivo da lingua propia do país retrocedeu de forma alarmante nas xeracións máis novas, o que implica que a lingua galega está en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria. A isto acrecéntase a preocupante redución de persoal e a drástica e alarmante diminución de investimentos en todos os ámbitos relacionados coa promoción do uso e normalización da lingua galega, así como coa industria cultural a ela vinculada, por non falarmos do recuamento da lingua galega na administración pública (incluíndo as propias universidades) e no sector privado.

Os departamentos denuncian o recuamento do galego na administración pública, incluíndo as propias universidades

Estas e outras circunstancias ameazantes para a lingua e cultura propias do país derivan, ao noso ver, en primeiro lugar e en grande parte, da falta de desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004 por unanimidade e, en segundo lugar e de forma subseguinte, dos efectos contraproducentes do Decreto denominado (aínda que de forma academicamente incorrecta) ‘de plurilingüismo’, do ano 2010.

A sociedade galega actual, querendo preservar a súa identidade histórica e proxectarse asemade no futuro, forzosamente terá que se transformar en sociedade de información competitiva nun contexto globalizado sen deixar de coidar e desenvolver os seus trazos inherentes. O primeiro deles é a súa lingua propia, que é patrimonio e debera ser orgullo de todas as galegas e galegos sen excepción e que, ao tempo que nos singulariza cunha identidade milenaria, nos permite acceder facilmente a un universo de 276 millóns de falantes en 27 países e á quinta parte de toda a internet.

Publicidade

A lingua galega ábrenos ao mundo, sitúanos nun contexto global de oportunidades e constitúe un valor económico duradeiro e de extraordinaria relevancia. Mais, para podermos tirar proveito desas vantaxes e seguir sendo donos da nosa identidade, os poderes políticos teñen que actuar con afouteza e apostar decididamente pola normalización lingüística, emendando todo o que for preciso a liña de actuación política nesta materia e cumprindo as súas obrigas legais.

A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, día 11 de maio de 2015

7 COMENTÁRIOS

  1. Pois que queres que che diga… é unha mágoa que a xente non entenda que non hai outro xeito de conservar unha lingua máis que falala; a xente non ama o galego porque non o usa. Como mestra, bendigo o día en que me fixeron falar galego na aula, non entendo á xente que se considera unha persoa de cultura e non se decata que conservar o galego non é só un dereito, é un deber que levo con moita honra para os meus fillos e para os fillos dos meus fillos.
    Non lles podo falar os meus alumnos con coherencia da defensa dos dereitos humanos, incluso da nosa constitución ou estatuto e deixar morrer o galego; temos séculos de prexuizos ás nosas costas que temos a obriga de facerlles ver e de facerlles sentirse orgullosos do que son.

  2. Yo no le veo nada de preocupante a que las nuevas generaciones no hablemos gallego. Se hablarlo pero no lo hago nunca, principalmente porque prefiero perfeccionar mi sudo del castellano o el ingles, que me van a llevar a mas sitios que el gallego (sobre todo teniendo en cuenta que el 99% de los que hablan gallego tambien hablan español, pero no al reves)

    • pareceme unha maneira de pensar un tanto egoista po la tua parte….pero non importa..se o vas facer a forza e mellor q sijas coas tuas ideas e punto…ahora eso si…derspois non presumas de galego en nincun sitio porque non seria coherente…

    • 1. Que as novas xeracións non falen galego é mostra da perda de identidade que estamos sufrindo e do proceso de imposición lingüística que se leva desenvolvendo durante séculos. Ningún pobo abandona a súa lingua voluntariamente, faino porque hai outra lingua dominante (a lingua que usan as clases privilexiadas, a xente de prestixio), que posúe un maior recoñecemento. Hai un século o castelán limitábase a menos do 20% da poboación (urbana e de clase alta). Porén, o proceso de substitución lingüística foi espallando unha lingua considerada até hai nada foránea, pois os galegos eran moitas veces acosados ou discriminados polo uso da súa lingua propia, ao igual que segue acontecendo hoxe en día. Ti que falas castelán non te decatas da presión que ainda hoxe en día seguimos soportando os galegofalantes, pero eu, como mozo de 17 anos que fala sempre galego si, e podoche dicir que de primeiras á xente estráñalle que eu me dirixa a eles en galego, e máis que non cambie cando eles contestan en castelán.

      2. En segundo lugar, mencionas que prefires perfeccionar o teu español e inglés porque podes chegar a máis xente con eles. Gustaríame facerche ver que as linguas, ademais de funcionaren como medios de comunicación (a súa principal función), tamén son medios de difusión dunha cultura e identidade. A cultura galega deixaría de existir se desaparecese tamén a lingua, e nós acabariamos asimilando unha cultura de fóra que nos é imposta: a castelá. E iso non é nacionalismo, son datos. Mesmo dentro dun Estado as culturas varían moito, e as minorizadas poden acabar esmorecendo por asoballamento ás dominantes. Así mesmo, o argumento do número de falantes é falaz, pois o galego ábrenos as portas a case 300 millóns de falantes de portugués, a cuarta lingua máis falada do mundo. Cómpre aclarar que aquí ninguén está dicindo que a xente deixe de coñecer o castelán, pois é innegable que tamén nos permite comunicarmonos con moita xente. O que se defende é que se deben poñer en marcha políticas lingüísticas que poñan en primeiro lugar o galego no ensino e na administración, non só para normalizar a lingua (arredor do 7% de xente nova fala practicamente de xeito exclusivo o galego no seu dia a dia), senón tamén para perfeccionar o seu coñecemento (o que tamén nos permitiría aprender con maior facilidade o resto de linguas romances, como o portugués, francés, italiano…). En último lugar, unha pregunta, se tanto che preocupa o número de falantes das linguas, por que non aprendes chinés? Numerosos estudos afirman que se acabará convertendo na lingua do futuro… Ademais, xa hoxe en día, sendo a lingua con maior número de falantes nativos do mundo, funciona como un trazo distintivo á hora de acceder a calquera posto de traballo!

      3. O que dis de que os falantes de castelán poden non saber galego e os galegofalantes si saben castelán sabes por que é?? Non por libre escolla, senón por, como dixen anteriormente, un proceso de imposición lingüística. A xente que fala castelán decote pode comunicarse sempre nesa lingua sen problema ningún, mentres que os galegofalantes somos sinalados como nacionalistas (entre moitos outros adxectivos empregados nun ton pexorativo), cando queremos comunicarnos libremente en galego sempre e en todolos lados dentro de Galiza. Acaso non temos iguais dereitos ca vós?

  3. Esta ultimada una acreditación que distingue a cada gallego como Embaixador de Galicia para o mundo . e similar a un DNI frito en Galego , para presumir de Galicia e da nosa língua
    Achego iinformación para quen quería colaborar na sus promoción.
    Embajadaperegrimo@hotmail.com

  4. Eu son arxentino e fillo de arxentinos, pero crioume un avó galego, que veu á Argentina aos trece anos. Non esqueceu á súa terra nin a súa lingua que me aprendeu a min. As veces que andei por Galiza, poucas veces falei en galego, cando un pregunta algo nesa fermosa lingua, contéstanlle en castelán. A ademáis estiven con parentes da miña muller (ele é galega e falamos na casa isa lingua), e os parentes presentaronnos moitos amigos, que si, falaban o galego, pero cos fillos falaban castelán. É lamentable que un idioma tan doce, como a lingua galega vaia a desaparecer polo pouco amor que lle teñen os mesmos galegos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia xa se pode engadir como fonte preferida en Google: como ver máis ciencia galega nas túas buscas

O buscador permite agora que o xornalismo científico de calidade gañe peso fronte aos medios xenéricos nos teus resultados

Entre o “Teño, teño” e o “Carallo!”: a linguaxe da dor en Galicia (e en galego)

Dous documentos testemuñais de finais do século XX recompilan as expresións populares empregadas por pacientes para describir o seu malestar

Froallo, xistra ou trebón: estas son as 100 palabras en galego para falar da chuvia

A filóloga Elvira Fidalgo documentou unha ampla variedade de denominacións rexistradas en máis dun cento de localidades do noroeste peninsular

Máis do 70% do profesorado de matemáticas impartiría a materia en galego se puidese escoller

Unha investigación da RAG analiza as repercusións do Decreto 79/2010, que prohibe impartir en secundaria algunhas disciplinas científicas na lingua propia