Quen está considerado como un dos economistas de recursos ambientais vivos máis importantes W. Michael Hanemann, converterase o vindeiro xoves no vixésimo quinto doutor honoris causa pola Universidade de Vigo. O ano no que a institución académica cumpre o seu vinte e cinco aniversario, Hanemann recibirá a máxima distinción académica trala aprobación que hoxe realizou o Consello de Goberno da proposta do Departamento de Economía Aplicada.
As súas grandes contribucións no ámbito da economía ambiental, a da auga e do cambio climático, o seu traballo en áreas de interese estratéxico na Universidade de Vigo e a súa vinculación con Vigo, Galicia e España, son os tres piares da carreira de Hanemann. A proposta avalada por unha decena de departamentos do ámbito xurídico-social e apadriñada polo catedrático Xavier Labandeira, pon de manifesto os méritos académicos e investigadores dun profesional, que segundo Labandeira, “é especialmente coñecido nos métodos de avaliación ambiental, en particular naqueles que tentan avaliar os danos nos que a información fornecida polo mercado é limitada”.
Hanemann visitou Galicia para estudar o impacto da catástrofe do Prestige en 2002
Outro campo de traballo moi relevante para Hanemann é o da demanda de bens, no que na actualidade está a colaborar con investigadores da Universidade. A London School of Economics e as universidades de Harvard, California en Berkeley e Arizona State, son algúns dos centros onde o catedrático ten desenvolvido a súa actividade académica. “É un profesional moi completo. Ademais de ser un gran académico, con grandes contribucións á ciencia desde hai case 40 anos e un investigador moi interesado en responder a cuestións especialmente relevantes para as sociedades contemporáneas, ademais de ser unha persoa moi afable, accesible e aberta á colaboración”, explica Labandeira, que lembra que Hanemann foi un dos primeiros académicos de sona internacional que recalou en Galicia despois da catástrofe do Prestige no ano 2002.
Unha estadía na década de 1990 na Universidade de California en Berkeley permitiu ao catedrático da Universidade de Vigo entrar en contacto con Hanemann, que unha década despois comezaría unha estreita colaboración coa institución académica viguesa a través, primeiro, do grupo RGEA e posteriormente coa Rede Economics for Energy do que o próximo Honoris Causa é membro do comité académico.
Unha entrevista en inglés con Michael Hanemann sobre as súas investigacións está dispoñible neste enlace.