A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de conceder a mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia aos mestrados en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, e Enxeñería Informática (ambos da Universidade da Coruña); e ao máster universitario en Enxeñería Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, tal e como establece a resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.
Estas tres titulacións son os primeiros estudos do Sistema Universitario de Galicia en acadar este selo de calidade, que é pioneiro no conxunto do estado. Este recoñecemento ten unha vixencia de cinco cursos académicos ao fin dos cales poderá ser renovado por períodos sucesivos de igual duración.
A mención, promovida pola Consellería do ramo, acredita, por unha banda, o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que acadan este recoñecemento; e, doutra banda, tamén “supón unha garantía de futuro para os estudantes”, expón a Xunta de Galicia.
Avaliación
O recoñecemento outórgase, segundo explica a Administración autonómica, logo de analizar e revisar toda a documentación acreditativa enviada polas universidades. Para a concesión do selo tivéronse en conta os criterios de avaliación establecidos, que inclúen aspectos xerais do máster como a taxa de demanda, entidades públicas e privadas que colaboren directamente co mestrado, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro, e a existencia de titorización e mentorización individuais, con ata 25 puntos. Tamén se valoraron con ata 25 puntos os resultados do máster, para o cal se tiveron en conta os resultados das enquisas de satisfacción do alumnado, o seguimento dos egresados no mercado laboral e os indicadores externos de recoñecemento (artigos, ránkings…).
O profesorado do máster computou con ata 15 puntos, con aspectos como os méritos relevantes do profesorado permanente, a adecuación do currículo docente e investigador do profesorado cos contidos que se imparten no mestrado, e o prestixio e recoñecemento do profesorado procedente doutras universidades ou doutros conferenciantes externos.
A estratexia do máster (visión, misión e desenvolvemento futuro do máster, o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención) puntuou con ata 20 puntos. Con ata 15 puntos valoráronse o Plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas, emprego de metodoloxías docentes innovadoras); e con ata 10 puntos o apartado de Emprendemento, no que se teñen en conta aspectos como a existencia ou o compromiso de inclusión dun módulo vinculado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego.