A Universidade da Coruña conta desde esta semana, grazas á axuda do programa InTalent UDC-Inditex, con dous novos investigadores galegos de recoñecido prestixio que retornan para continuar aquí a súa carreira. A politóloga Mónica Ferrín Pereira e o informático José A. Iglesias Guitián continuarán na cidade coruñesa a súa carreira investigadora, ao seren seleccionados na terceira convocatoria do programa, ao que se presentaron 106 solicitudes de investigadores do máximo prestixio de 26 nacionalidades.
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, presentaron este mércores en rolda de prensa os dous novos investigadores que incorpora a Academia co programa apoiado pola corporación téxtil.
Na súa intervención, Mónica Ferrín manifestou a súa satisfacción por volver a Galicia despois de 20 anos fóra e agradeceu efusivamente ao programa InTalent UDC-Inditex que faga posible este retorno. “Estou moi agradecida a Inditex por abrir as portas da investigación para vir a España. Ábrese “un pouco de luz neste panorama negro que temos moitos investigadores”, declarou. Pola súa banda, José Iglesias sumouse aos agradecementos á multinacional e á UDC “por facer posible este acordo que nos trae de volta a casa”, no seu caso foron 12 os anos que estivo fóra de Galicia.
O reitor cualificou o día como “moi importante para a UDC” porque, “facemos realidade a incorporación de dous novos investigadores de magnífico nivel”. Abalde anunciou que a UDC está ultimando un programa para que estes investigadores poidan incorporarse ao plantel da Universidade ao remate do seu contrato de tres anos como InTalent.
A UDC prepara un programa para incorporar aos beneficiarios de Intalent ao plantel da Universidade cando remate o seu contrato
O programa estipula uns requisitos mínimos de alto nivel como ter dous anos de experiencia no estranxeiro e unha traxectoria investigadora importante que é avaliada por un tribunal externo internacional. “Polas solicitudes recibidas vemos que hai moitos investigadores que queren retornar”, declarou Salvador Naya. O vicerreitor destacou tamén o impacto internacional que ten este programa, que foi posto pola OCDE como exemplo de caso de éxito nas relacións da universidade coa empresa, ou pola asociación ECUSA, Españoles Científicos nos Estados Unidos, moi interesados neste programa como vía de retorno ao país.
José A. Iglesias Guitián
Investigador en Ciencias da Computación. A súa especialización é a computación visual e a computación gráfica. Actualmente traballa no Centre de Visiò per Computador e é investigador asociado da Universitat Autònoma de Barcelona, colaborando tamén como docente. A súa actividade investigadora actual céntrase na exploración de técnicas de rendering e iluminación avanzadas para a visualización científica, e máis recentemente para a súa aplicación en simuladores virtuais. Anteriormente traballou durante case dous anos para The Walt Disney Company e Disney Research. Incorporarase á UDC o vindeiro mes de setembro. Ao longo da súa carreira investigadora publicou 14 artigos en revistas, nove dos cales están publicados no top 3 na listaxe de revistas referenciadas en computación gráfica. É co-inventor de tres patentes en USA e foi galardonado cun Disney Inventor Award en 2016.
Na Coruña desenvolverá un proxecto sobre exploración de técnicas de rendering e iluminación avanzadas para a visualización científica, así como a súa recente adopción en simuladores virtuais e para a xeración sintética de datos e imaxes máis realistas.
Mónica Ferrín Pereira
Licenciouse en Ciencias Políticas e da Administración na Universidade de Santiago de Compostela. É doutora en Ciencias Políticas e Sociais polo Instituto Universitario Europeo, un centro internacional para estudos doutorais e pos-doutorais financiado pola Comisión Europea e os estados membro da UE. A súa tese doutoral ¿Que é a democracia para os cidadáns? (What is democracy to citizens?) obtivo o Premio Juan Linz á mellor tese de doutormento en Ciencia Política polo Centro de Estudos Políticos e Constitucionais. Traballou como profesora e investigadora pos-doutoral no Collegio Carlo Alberto de Turín e na Universidade de Zurich, onde participou en numerosos proxectos nacionais e internacionais. Foi ademais membro do comité de expertos da OCDE para a medición da confianza política e social. Ten publicados numerosos capítulos e artigos en editoriais de prestixio internacional.
Mónica Ferrín traballa actualmente en dúas liñas de investigación: o estudo das actitudes dos Europeos cara á democracia, e a desigualdade de xénero na esfera pública, que desenvolverá na Universidade da Coruña.
Estes dous investigadores súmanse a Elena Pazos, José Antonio Cortés, Ana Rey e Jorge Ledo, anteriores beneficiarios do programa.