Un equipo da UVigo lidera un proxecto para previr as malas herbas sen herbicidas sintéticos

En Galicia implantaranse estratexias agroecolóxicas para o cultivo do viño, o trigo e a pataca

Desenvolver e implantar estratexias agroecolóxicas para previr e manexar as malas herbas, sen o uso de herbicidas sintéticos, en ata 30 cultivos de relevancia económica nas once rexións bioxeográficas europeas. Con este obxectivo acaba de arrancar o proxecto europeo liderado pola Universidade de Vigo (UVigo) Agrosus. Durante catro anos, socios de dez países traballarán na conversión de sistemas agrícolas convencionais en sistemas agroecolóxicos desde unha perspectiva local.  

O proxecto, chamado Agroecological strategies for sustainable weed management in key european crops, arrancou este mes de xuño e prologarase ata 2027. Conta cun orzamento de case cinco millóns de euros, dos cales case 310.000 euros proceden do goberno húngaro e case 4,7 millóns da Comisión Europea, a través da convocatoria de Horizonte Europa Agroecological strategies for sustainable weed management. O financiamento para a UVigo ascende a 926.625 euros. En Agrosus participa un consorcio de 16 socios de dez países (España, Portugal, Italia, Alemaña, Polonia, Ucraína, Romanía, Hungría, Turquía e Islandia) cun perfil moi diverso, desde universidades e empresas ata asociacións de agricultores. 

Publicidade

Por parte da Universidade de Vigo, líder do proxecto, están como investigadores principais Adela M. Sánchez, do grupo BEV1 (Agrobioloxía Ambiental: Calidade, Solos e Plantas) e David Fernández Calviño, do grupo BV1 (Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos) e director do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. “Nós estamos especializados no estudo da resposta das plantas ás distintas condicións ambientais ás que se enfrontan e o grupo de David está especializado no estudo da biodiversidade e calidade do solo, polo que nos complementamos á perfección”, explica Adela M. Sánchez, coordinadora de Agrosus.

Ademais, da UVigo participa o grupo de Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, de Xavier Simón, na análise do impacto socioeconómico das estratexias agroecolóxicas que se implementen. En conxunto, Agrosus reunirá durante 48 meses a un equipo internacional e multidisciplinar de “fisiólogos vexetais, agrónomos, biólogos moleculares, edafólogos, economistas, sociólogos, agricultores e asesores para abordar o problema da xestión das malas herbas co fin de garantir a produtividade e a rendibilidade sen comprometer a saúde dos ecosistemas”. Todas as partes interesadas participan “en todas as fases do proxecto para garantir a aceptación e rápida adopción das estratexias acordadas”. 

Publicidade

Estratexias alternativas e un cambio de paradigma

As prácticas agroecolóxicas, detalla o equipo da UVigo participante, pretenden optimizar os procesos ecolóxicos, a saúde pública e ambiental e o benestar, minimizando os custos sociais e ecolóxicos da agricultura (como a degradación do solo ou a contaminación das augas) e capacitando aos agricultores e ás comunidades baseándose en dez elementos interrelacionados e interdependientes: diversidade; sinerxías; eficiencia; resiliencia; reciclaxe; co-creación e intercambio de coñecementos; valores humanos e sociais; cultura e tradicións alimentarias; gobernanza responsable e economía circular e solidaria.

Neste contexto, as ferramentas e estratexias (preventivas, culturais, mecánicas, físicas, biolóxicas, dixitais, etc.) que se van a implantar no campo con Agrosus serán, segundo indican desde o proxecto, decididas conxuntamente coas partes interesadas (agricultores, asesores, vendedores locais, asociacións agrícolas, etc.), en función das malas herbas máis problemáticas das diferentes rexións e cultivos, e analizarase o impacto a curto, medio e longo prazo das devanditas estratexias desde as perspectivas ambiental e socioeconómica.

Concretamente, traballarán con ata 30 cultivos distintos, tanto de tipo perenne, como hortícola ou arable, nas once rexións bioxeográficas da UE e países asociados (Alpina, Anatolia, Ártica, Atlántica, do Mar Negro, Boreal, Continental, Macarronésica, Mediterránea, Panonia e Esteparia). Así, por exemplo, en Galicia implantaranse estratexias agroecolóxicas para o cultivo do viño, o trigo e a pataca, mentres que en Hungría estudaranse as herbas aromáticas.  

Contaminación do solo

A agricultura da UE, explica o equipo investigador, segue dependendo, principalmente, do uso de herbicidas sintéticos para a xestión das malas herbas. “O seu uso masivo e indiscriminado nas últimas décadas incrementou a contaminación do solo, o aire e a auga, o que provocou un aumento dos custos relacionados cos herbicidas na agricultura e graves problemas para o ecosistema e a saúde humana”, afirman lembrando como ademais este uso masivo de herbicidas sintéticos induciu á evolución de malas herbas resistentes.

A Comisión Europea, engaden, está restrinxindo o uso de numerosas substancias sintéticas utilizadas ata agora na formulación típica dos praguicidas que resultaron prexudiciais para a saúde humana, animal ou ambiental. “De feito, os agricultores europeos xa perderon o 60% das substancias dispoñibles en 1991, que, a falta de alternativas, aínda non foron substituídas, mesmo cando aínda existe unha dependencia extrema do uso de herbicidas para a xestión das malas herbas nalgúns cultivos europeos de importancia económica como os cereais e as patacas”, sinalan as e os investigadores. A estes factores, detallan desde o proxecto, engádese que o cambio climático modificará tamén o patrón biolóxico e ecolóxico das malas herbas, así como a súa capacidade para interferir cos cultivos, o que dará lugar “a complexas interaccións entre cultivos e malas herbas e fará necesarias estratexias alternativas para o seu control”. 

Novo enfoque

O enfoque de Agrosus é que “o medio máis axeitado para previr e xestionar as malas herbas é desenvolver e pór en marcha unha combinación apropiada de estratexias agroecolóxicas de evitación dos devanditos herbicidas sintéticos para desenvolver sistemas agrícolas sostibles, seguros, produtivos, climaticamente positivos e resilientes”. As estratexias alternativas de xestión de malas herbas implicarán, sinalan, un cambio de paradigma na agricultura actual, implementando un enfoque holístico que vixíe o ecosistema en lugar da planta como organismo único, pondo o foco na diversidade do ecosistema e a calidade do solo.

Existe, subliñan, “unha necesidade urxente de cambiar de sistemas agrícolas convencionais e máis vulnerables a sistemas agrícolas máis sostibles que permitan reducir a dependencia dos herbicidas e aumentar a resiliencia dos cultivos ao cambio climático”. Para acadalo, afirman, hai que “lograr un cambio de paradigma na xestión das malas herbas que inclúa a eficiencia (da terra e as prácticas agrícolas), a substitución (de pesticidas e fertilizantes químicos) e o redeseño (a través de estratexias agroecolóxicas), reducindo os impactos negativos das malas herbas e conservando ao mesmo tempo algúns dos beneficios ecolóxicos desas plantas espontáneas no campo de cultivo”. Así, Agrosus pretende proporcionar ferramentas de xestión de cultivos que implementen estas técnicas para unha xestión sostible, xusta e segura das malas herbas en sistemas agrícolas convencionais.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un investigador da UVigo axuda a resolver un dos enigmas dos ciclos das idades de xeo

O achado, que emprega unha técnica analítica que permite datar rexistros paleoclimáticos ata hai 600.000 anos, axudará a prognosticar con maior precisión o clima futuro

A UVigo emprega plantas trampa para loitar contra unha praga nas patacas

A 'Solanum sisymbriifolium' é capaz de enganar ao nematodo que ataca ao tubérculo causando a súa morte

A UVigo amplía a oferta académica co primeiro grao con mención dual de Galicia

O mércores 19 ábrese a preinscrición para as titulacións, que inclúen cinco Programas Académicos con Percorridos Sucesivos

O ciclo do sal nos océanos e o seu impacto no colapso da AMOC

Se o bucle de circulación Atlántico daría lugar a un arrefriado brusco do clima europeo