Dous equipos da USC avanzan na formulación de vacinas para peixes planos

Os investigadores tratan de dar solución ás doenzas que afectan o linguado e o rodaballo e causan altas mortalidades nas súas poboacións

Os grupos de investigación da Universidade de Santiago (USC) sobre Patoloxía en acuicultura e sobre Tecnoloxía farmacéutica e sistemas de liberación, inmunobioloxía parasitaria e parasitose hídricas están a colaborar coa empresa Stolt Sea Farm no marco do proxecto Investigación biotecnolóxica na formulación de vacinas para peixes planos. As investigacións estás financiadas polo Centro para o desenvolvemento tecnolóxico e de innovación (CDTI) do Ministerio de Ciencia e Innovación e co Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP) e o seu obxectivo é, precisamente, desenvolver vacinas contra as enfermidades dos peixes planos.

Forunculose

O equipo composto por Alicia Estévez-Toranzo, Beatriz Magariños e Manuel Lemos, do grupo de Patoloxía en acuicultura, centrouse no deseño dunha formulación vacinal e nun programa de vacinación en linguado fronte á forunculose causada por cepas atípicas de Aeromonas salmonicida coa fin de lograr una protección eficaz fronte a esta enfermidade. 

Publicidade

En primeiro lugar, procedeuse á caracterización a nivel fenotípico e xenómico dunha colección de cepas de A. salmonicida causantes de gromos de mortalidade en plantas de cultivo de linguado. Para iso, empregando técnicas avanzadas de secuenciación e xenómica comparada, analizaron os xenomas completos das cepas illadas e caracterizaron algúns xenes importantes na patoxenicidade desta bacteria, como os involucrados coa síntese do Lipopolisacárido, a produción da capa A, as proteínas de membrana externa reguladas por déficit de ferro, a síntese e adquisición dos sideróforos acinetobactina e amonabactina, ou o sistema de secreción tipo 3 (T3SS) e as súas proteínas efectoras.  Os resultados permitiron determinar as diferenzas xenéticas entre os illados, o cal se utilizou como punto de partida para a selección das cepas que constituirán a formulación vacinal fronte á forunculose atípica en linguado.

“As vacinas son cruciais para a saúde dos peixes e para o crecemento sustentable da industria acuícola”

ALICIA ESTÉVEZ-TORANZO, investigadora da USC

“Este tipo de investigacións contribúen de maneira decisiva ao éxito da piscicultura tanto a nivel autonómico como estatal e internacional xa que a prevención baseada no uso de vacinas é un factor crucial para a saúde dos peixes e para o crecemento sustentable da industria acuícola”, explica a profesora Estévez-Toranzo.

Publicidade

O estudo das condicións óptimas de crecemento (medio de cultivo, temperatura, axitación, tempo de incubación, ou presenza de produtos extracelulares) das cepas seleccionadas, co obxectivo de obter densidades celulares óptimas para a produción de vacinas sen interferir na expresión dos factores de virulencia ou na síntese de antíxenos, foi outro paso importante no desenvolvemento do proxecto. A optimización da formulación vacinal fronte á forunculose atípica como obxectivo principal do traballo, levouse a cabo avaliando a eficacia da incorporación de diferentes adxuvantes, tanto oleosos como poliméricos, co fin de seleccionar o mellor candidato en termos de protección nos peixes e/ou duración da inmunidade.

Escuticociliatose

Pola súa parte, os investigadores José Manuel Leiro, Jesús Lamas e Rosa Ana Sueiro, pertencentes ao grupo de Tecnoloxía farmacéutica e sistemas de liberación, inmunobioloxía parasitaria e parasitose hídricas, desenvolveron ao longo de tres anos novas vacinas fronte ao ciliado parasito Philasterides dicentrarchi, causante da escuticociliatose en peixes, e responsable de importantes mortalidades no rodaballo de cultivo.

“As vacinas para peixes que se administran por inxección levan un adxuvante, que adoita ser de tipo oleoso, que incrementa a resposta inmunitaria a un antíxeno. Porén, non é raro que estes adxuvantes causen danos na zona de administración. No proxecto, desenvolvéronse novos adxuvantes baseados en xeles de quitosano e en lévedos que melloran a resposta inmunitaria, pero que son menos reactoxénicos que os adxuvantes oleosos”, explican dende o equipo investigador.

O proxecto abarca tamén a procura de antíxenos con efectos protectores. Este ciliado presenta na súa superficie dúas familias de proteínas, as leishmanolisinas e proteínas variables de superficie, que son consideradas boas candidatas a formar parte da vacina. Dado que estas familias de proteínas teñen numerosos compoñentes, “é súmanmete laborioso ir probando as proteínas individualmente, polo que se seguiu a estratexia de facer péptidos quiméricos recombinantes expresados en lévedos”, matizan. “O resultado desta investigación acadou achados realmente interesantes, e que parecen ser claves para o desenvolvemento de vacinas fronte a este parasito”, engaden. Finalmente, no proxecto desenvolvéronse novos métodos para determinar os efectos da vacina en termos de protección fronte ao parasito, sen que iso implique ter que matar o peixe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A física Yolanda Prezado, premio Wonenburger 2026 polos seus estudos en radioterapia

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta concede por unanimidade o galardón á investigadora galega, considerada unha referencia europea en protonterapia

Radiografía do piropo galego: da sedución á complicidade a través do humor

A investigadora Estela Fidalgo realizou un estudo con 100 persoas para coñecer como mudan as estratexias comunicativas nas relacións afectivo-sexuais

O alzhéimer canino existe: a galega que analiza cerebros de cans para anticipar o diagnóstico

A investigadora Belén Larrán estuda unha doenza que causa desorientación e ansiedade, e afecta máis da metade dos individuos maiores de 15 anos

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución