Centos de estudantes de bacharelato viven na UVigo a Semana da Ciencia

A Semana da Ciencia da ETS de Enxeñaría de Minas abriu as súas portas en 2007 e, dende entón, pasaron polo centro máis de 10.000 mozos e mozas de toda Galicia, estudantes de bacharelato e últimos cursos de ensino secundario que tiveron a oportunidade de coñecer de preto a investigación que se leva a cabo neste centro. Este luns abriron de novo as súas portas e ao longo de toda a semana a escola recibirá algo máis de 800 visitantes, 170 na xornada de hoxe coa chegada de dous institutos de Vigo, un de Porriño, un de Santiago de Compostela e outro de Ames. A ilusión é a mesma que naquela primeira edición: seguir espertando vocacións.

semana da ciencia 77

Déronlles a benvida o reitor, Salustiano Mato, e a directora da escola, Natalia Caparrini, que os animaron a gozar do día e sacar o máximo proveito da experiencia. “Agardo que todos aprendades moito e, sobre todo, que estas actividades esperten en vós a curiosidade pola ciencia e a tecnoloxía e que cando rematedes o bacharelato vos apeteza dedicarvos a algún destes ámbitos laborais”, subliñoulles o reitor, que lles insistiu en que “a Universidade e, máis concretamente o Vigo Tecnolóxico, unha das nosas especializacións máis importantes, son a vosa casa”.

Publicidade

O percorrido polo centro incluíu múltiples actividades. Unha das novidades deste ano foi a instalación dun módulo dedicado á tecnoloxía da realidade aumentada, “todo un conxunto de dispositivos que engaden información virtual á información física xa existente, o que o diferenza da coñecida como realidade virtual, posto que non substitúe á realidade física, senón que sobreimprime os datos informáticos ao mundo real”, explica a directora da escola, que fai fincapé en que neste caso o que se fixo foi engadir información topográfica sobre un areeiro co obxectivo de que puidesen comprobar como con axuda desta tecnoloxía se poden facer simulacións dinámicas con múltiples aplicacións en: enxeñaría civil (noiros, movementos de terra…); topografía (mapas topográficos dinámicos); hidroloxía (fluxos de auga) e xeoloxía (volcáns, tectónica…).

Fronte ás novidades hai aspectos que non cambian como é a forte implicación con esta actividade de toda a comunidade universitaria da escola, especialmente do alumnado. “Este ano son oito os alumnos e alumnas que colaboran como circuladores, acompañando aos grupos de estudantes polas diferentes actividades organizadas”, explica unha das subdirectoras, María Araújo, actual responsable da Semana da Ciencia na ETSE de Minas, ao que engade que, “ademais”, todos os monitores e monitoras que imparten as charlas e realizan as demostracións están desenvolvendo proxectos de investigación na Universidade ou cursando algún programa de doutoramento.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O centenario da mecánica cuántica protagoniza a Semana da Ciencia do IGFAE

O centro organiza dende o 8 ao 14 de novembro un amplo programa con conferencias, obradoiros e xornada de portas abertas entre as actividades ofertadas

Un equipo galego demostra os efectos negativos do eucalipto nos ecosistemas fluviais

O estudo da UVigo constata que a diversidade de especies nos regatos diminúe naqueles lugares rodeados das árbores oriúndas de Australia

Ter un peso adecuado pode ser máis importante que facer exercicio para evitar o risco de cancro

Un estudo da UVigo apunta a que a actividade física sería insuficiente para contrarrestar os efectos negativos de ter sobrepeso ou obesidade

O investigador Jordi Borràs gaña o Premio atlanTTic á mellor tese de doutoramento

O experto da Universitat Politècnica de Catalunya propón un esquema innovador para reducir as interferencias nas comunicacións sen fíos