atlanTTic recibiu a máis dun cento de persoas na súa xornada de portas abertas 

O centro de investigación da UVigo amosou os seus proxectos máis recentes e consolidados nunha actividade do programa Divulgando Ciencia Singular

Máis dun cento de persoas participaron na xornada de portas abertas do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic,  que tivo lugar o pasado venres 18. “Conecta con atlanTTic” foi o lema escollido para a xornada, unha actividade celebrada no marco do programa Divulgando Ciencia Singular. As persoas que asistiron á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde se sitúa o Centro, puideron coñecer de preto proxectos recentes e xa consolidados, e tamén visitar algúns dos laboratorios, da man do propio persoal investigador.

Comunicacións 5G, aplicacións accesibles, patrimonio 4.0, comunicacións ópticas ou intelixencia artificial, saúde e educación dixital, entre outras, son algunhas das principais liñas de traballo entorno ás que se centraron os proxectos presentados nun total de once stands.

Publicidade

Loita contra os lumes forestais

LifeTEC foi o proxecto presentado no tocante a radar e xeolocalización, unha iniciativa que pretende loitar contra os lumes forestais mediante o emprego de tecnoloxías de telecomunicación. No eido das comunicacións 5G, as persoas asistentes puideron descubrir as aplicacións á vida cotiá que poden ter un dron, un vehículo teledirixido e un robot cuadrúpede, e o funcionamento deste último en directo. SignaMed foi o proxecto de intelixencia artificial, o primeiro dicionario bilingüe de lingua de signos que permite consultar signos do eido médico cunha a webcam, que as e os visitantes puideron intentar imitar ante a máquina. Tamén puideron probar Panoramix, unha serie de xogos cognitivos para tabletas que permiten facer unha detección temperá de deterioro cognitivo en persoas maiores mediante técnicas de aprendizaxe automático.

No campo das apps accesibles amosáronse talkaactive e BEA, unha ferramenta para axudar a persoas que sofren Trastorno do Espectro Autista no terreo laboral e un chatbot de acompañamento a persoas maiores, respectivamente. Litterdrone e BEWATS foron os proxectos que se ensinaron na área da observación da Terra, que permiten a teledetección de lixo mariño mediante o voo de drones, outro dos stands nos que se amosou unha destas aeronaves non tripuladas.

Publicidade

Na xornada exhibiuse a app rurAllure, que permite planificar as peregrinacións de acordo coas preferencias culturais

Para o patrimonio 4.0 demostrouse o funcionamento da app rurAllure, que facilita ás peregrinas e peregrinos a planificación das súas viaxes atendendo a preferencias culturais e ofrecendo contidos audiovisuais para enriquecer a súa experiencia. Na xornada estivo tamén a asociación estudantil UVigo Spacelab, ensinando maquetas e presentando as súas misións espaciais, BIXO a máis recente delas.

No obradoiro de Detectives de imaxes o público puido coñecer o funcionamento da ferramenta de análise de imaxe Fawrensian, que permite detectar posibles manipulacións. Finalmente, no eido da educación dixital presentáronse unha plataforma que facilita as tarefas de avaliación aos e ás docentes (BeA) e o lightboard, un taboleiro de cristal que permite un ensino máis transparente de cara ao alumnado. 

Visitas guiadas aos laboratorios

Ademais do percorrido polos stands dos proxectos realizáronse tres visitas guiadas dirixidas polo propio persoal investigador. Este ano foi a primeira vez que as e os asistentes puideron achegarse ao laboratorio de fotónica, onde puideron ver de preto un chip fotónico, tocar un cable de fibra óptica e descubrir como se traslada a información a través da luz. O laboratorio de seguimento de satélites abriu as súas portas de novo e as persoas asistentes puideron coñecer as etapas desde o lanzamento e como se reciben datos en tempo real.

A última visita dos laboratorios foi ao de acústica, na que comprobaron como é mergullarse nunha cámara semianecoica e nunha sala de reverberación, e como se emiten os sons baixo do mar na sala de control. Unha xornada chea de experiencias que puido desfrutar todo o público asistente de tódalas idades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais