O “Arquivo vivo” de Nunca Máis, aberto ao público na USC

A Igrexa da Universidade acolle ata o 16 de marzo unha mostra con todo o material xerado arredor do movemento de protesta tras a catástrofe do "Prestige"

Cando o 19 de novembro de 2002 naufragou o Prestige, despois de seis días de rumbo errático polo Atlántico, estouraron as protestas pola xestión do accidente. Naquel mesmo mes naceu a Plataforma contra a Burla Negra. Foi unha iniciativa que contribuíu á mobilización social cunha produción inxente de materiais que se espallaron por diversos medios: carteis, folletos, revistas, camisetas, chapas, audiovisuais, etc., e apostou pola implicación en accións colectivas nas que a creatividade se puxo ao servizo da causa. Hai dous meses, co gallo do 17º aniversario da crise, presentouse no repositorio institucional da USC, Minerva, un Arquivo Vivo das mobilizacións cidadás e as producións artísticas e culturais xurdidas arredor da catástrofe.

E agora estes fondos documentais poden verse tamén na exposición “Unha gran Burla Negra. Arquivo vivo” que permanecerá aberta ata o 16 de marzo na Igrexa da Universidade de Santiago. A mostra está nutrida por diferentes fondos bibliográficos e documentais cedidos por Difusora de Letras, Artes e Ideas e pola Asociación Cultural Benito Soto, E bautizouse como Arquivo vivo xa que está aberta a posibilidade de que as persoas interesadas o amplíen a través da plataforma web da Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra.

Publicidade

Documentos incluídos na mostra do Arquivo Vivo de Burla Negra. Foto: USC.
Documentos incluídos na mostra do Arquivo Vivo de Burla Negra. Foto: USC.

A exposición, comisariada por Daniel L. Abel e Miguel Anxo Rodríguez, é unha das actividades integradas no proxecto ‘Unha gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige [2002-2019]’, que están a ser desenvolvidas pola Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra. Poderá visitarse de luns a venres  de 17.00 a 20.30 e os sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.

O carácter festivo, a ironía e o humor marcan en boa medida as accións do colectivo Burla Negra, sinalando claramente nunha dirección de creatividade aplicada e activismo baseadas no lúdico: o humor como arma política, a disolución da estética nos movementos sociais. Este tipo de produción se diluía no contexto da inxente produción cultural desenvolvida no marco das protestas pola defensa do medio ambiente e a crítica aos responsables políticos do momento.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Radiografía do consumo de alimentos ultraprocesados na infancia: “Estase a perder a dieta atlántica”

Unha investigación con participación galega relaciona este tipo de comida con sobrepreso e obesidade, resistencia á insulina e dislipemias en idades preescolares

A historia de Sancha e do crego Vivian: vivir á marxe do matrimonio no Lugo do século XIII

Un estudo da USC analiza dous textos do mosteiro de Oseira nos que aparece por primeira vez na documentación galega a palabra "concubina" dunha forma non represiva

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS