A Universidade de Vigo, a través da súa Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), únese á celebración do Día Mundial da Pesca, que cada 21 de novembro promove a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) para poñer en valor as comunidades pesqueiras de todo o mundo e destacar a importancia desta actividade para a vida e a sustentabilidade dos ecosistemas mariños.
Aproveitando esta data e a relevancia da actividade pesqueira en Galicia, a UCC+i impulsará varias accións de carácter divulgativo en colaboración co CPI do Toural, en Vilaboa, da man do grupo de investigación Future Oceans Lab (FOL) do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo). O obxectivo é fomentar unha maior conciencia ambiental arredor da sustentabilidade mariña entre o alumnado a través de actividades gamificadas e artísticas.
“Vilaboa é unha localidade costeira cunha forte relación histórica e económica co mar e coa pesca” destacan dende a UCC+i. “Levar alí unha actividade sobre sustentabilidade mariña e pesqueira reforza a conexión entre a investigación universitaria e o territorio e recoñece o papel das comunidades locais na conservación dos recursos mariños”.
Adaptafishing 8.5
O 12 de decembro terá lugar a primeira actividade, que consistirá nun obradoiro sobre a adaptación da pesca ao cambio climático. Un total de 23 estudantes de 1º da ESO deste centro de Vilaboa recibirán unha charla e participarán nunha partida do xogo de mesa Adaptafishing 8.5, deseñado polo grupo FOL para poñer en valor a toma de decisións sostibles na xestión dos recursos mariños. A través dunha dinámica lúdica, semellante ao xogo da oca, as e os participantes deberán afrontar diferentes escenarios climáticos e aprender sobre a conservación dos ecosistemas e das áreas mariñas protexidas.
Adaptafishing 8.5 baséase nun estudo científico desenvolvido polo grupo Future Oceans Lab no que se analiza, seguindo as proxeccións climáticas do IPCC ata o ano 2100, como distintos escenarios de quecemento (incluído o máis extremo, o RCP8.5) afectan ás especies mariñas de interese pesqueiro da costa galega. A investigación emprega avaliacións de risco climático para amosar que as especies menos móbiles, ligadas ao fondo, son especialmente vulnerables ao aumento da temperatura, ás ondas de calor mariñas e á acidificación, mentres que outras máis móbiles poden desprazarse a augas frías e presentan un risco menor.
Adaptación das comunidades pesqueiras
O estudo tamén salienta que a adaptación das comunidades pesqueiras depende de factores sociais como a diversidade das capturas ou a organización interna, e que sistemas ben xestionados, con ferramentas como as denominadas Áreas Mariñas Protexidas conectadas entre si, fortalecen a resiliencia fronte ao cambio climático.
Ao integrar estas evidencias científicas nun percorrido temporal que avanza do 2000 ao 2100, o xogo permite que o alumnado viva en primeira persoa como o quecemento global incrementa o risco das especies e como a sustentabilidade se converte na clave para garantir o futuro das pescas.
O xogo de mesa, que será distribuído en centros de ensino de toda Galicia, irá acompañado dunha guía de uso para contextos educativos. Esta versión contará con ilustracións de Rubén Vila, deseñador freelance con experiencia en proxectos de cartelaría, branding, videoxogos e xogos de mesa.
Un mural de lixo mariño
A segunda actividade, que terá lugar o 17 de decembro, será un obradoiro artístico no mesmo centro, no que o alumnado elaborará un mural colaborativo a partir de refugallos mariños, unha peza que permanecerá no centro como lembranza da experiencia. A actividade será conducida pola artista Mar Fraga, de Enmalle Studio, especializada na reutilización de materiais mariños con fins creativos, que estará acompañada da investigadora Antía Iglesias.
Ademais do mural, a rapazada poderá confeccionar o seu propio adorno de Nadal reciclado, empregando para a súa elaboración unha boia de flotación das redes e un cabo recuperado. Dende a UCC+i destacan que “a proposta busca concienciar sobre o impacto do lixo mariño e sobre o potencial da arte como ferramenta para darlle unha segunda vida aos materiais que descartamos”.
Estas accións enmárcanse no plan especial do 5º aniversario do programa Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.














