A exposición fetal e posnatal ao tabaco aumenta a tensión arterial durante a infancia

Dous estudos da USC e da Universidade de Brown conclúen que o fume ambiental está vinculado cun incremento na graxa visceral

A exposición temperá ao fume ambiental do tabaco, tanto no período fetal como nos primeiros anos de vida, provoca efectos adversos na saúde cardiometabólica durante a infancia e a adolescencia. Así o demostran dous estudos da USC en colaboración con persoal investigador da Universidade de Brown, evidenciando que esta situación débese ao aumento na graxa visceral e nas cifras de tensión arterial sistólica. Os dous traballos son froito da tese de doutoramento de Nerea Mouriño Castro, dirixida pola profesora Mónica Pérez Ríos, da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, e polo profesor Joseph M. Braun, do departamento de Epidemioloxía da Universidade de Brown.

Exposición postnatal

O estudo publicado na revista Environmental research, titulado, ‘Pre- and postnatal exposure to secondhand tobacco smoke and cardiometabolic risk at 12 years: Periods of susceptibility’ desenvolveuse a partir de datos dunha cohorte estadounidense, Health Outcomes and Measures of the Environment (HOME) Study. Esta cohorte iniciou o recrutamento de mulleres embarazadas no ano 2003 e, dende entón, continuou co seguimento das mulleres e a súa descendencia viva para valorar os efectos na saúde, durante a infancia e adolescencia, derivados da exposición pre e posnatal a diferentes tóxicos ambientais, entre eles, o fume do tabaco. “O obxectivo do estudo foi valorar a influencia das devanditas exposicións na saúde cardiometabólica considerando diferentes compoñentes de risco (modelo homeostático para avaliar a resistencia á insulina, cociente triglicéridos/colesterol HDL, cociente leptina/adiponectina, graxa visceral e tensión arterial sistólica); ademais, analizáronse posibles modificacións do efecto segundo o período de exposición e o sexo dos adolescentes”, explican dende o grupo de Epidemioloxía, Saúde Pública e Avaliación de Servizos de Saúde da USC, coordinado polo profesor Alberto Ruano Raviña. 

Publicidade

Logo de empregar modelos de informantes múltiples axustados por características sociodemográficas, antropométricas e estilos de vida das nais e fillos/as, os resultados mostran que a exposición prenatal ao fume ambiental de tabaco non inflúe na saúde cardiometabólica; con todo, a exposición postnatal asóciase con maior risco cardiometabólico debido a un aumento na graxa visceral, resistencia á insulina, e no cociente triglicéridos/colesterol HDL e leptina/adiponectina, aos 12 anos. Ao considerar o sexo dos adolescentes, a exposición posnatal asóciase cun maior aumento de graxa visceral nas nenas, en comparación cos nenos. 

Período fetal

Doutra banda, o segundo estudo, unha revisión sistemática acompañada de meta-análise, titulado ‘Maternal smoking in pregnancy and blood pressure during childhood and adolescence: a meta-analysis’ e publicado na revista European Journal of Pediatrics, abordou datos de quince estudos de cohortes, realizados entre 1959 e 2007, que incluían cifras medias de tensión arterial de 73.448 nenos/as e adolescentes de 3 a 17 anos que estiveran expostos ao fume de tabaco materno durante o período fetal. Ditas cifras estaban axustadas por características sociodemográficas, antropométricas e/ou estilos de vida das nais/pais e fillos.

“O obxectivo deste estudo foi analizar a evidencia actual do efecto do consumo de tabaco materno durante o embarazo na tensión arterial dos seus fillos, e avaliar o cambio nas cifras de tensión arterial diastólica e/o sistólica dos nenos e adolescentes expostos, en comparación cos non expostos”, aclaran dende o equipo investigador. Os resultados mostran que a exposición ao fume de tabaco materno durante o período fetal podería aumentar as cifras de tensión arterial sistólica durante a infancia e adolescencia de forma significativa. Non se atoparon asociacións significativas para as cifras de tensión arterial diastólica. A tese de doutoramento de Nerea Mouriño Castro obtivo a cualificación de sobresaliente Cum Laude.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous de cada dez galegos emborracháronse ata a intoxicación aguda no último ano

A enquisa EDADES reflicte que Galicia supera en cinco puntos porcentuais a prevalencia nacional dos casos de embriaguez nos últimos 12 meses

Máis alá da nicotina: os gases tóxicos e metais pesados do tabaco que tanto che custa deixar

O número de fumadores está a diminuír aos poucos entre as persoas máis novas pero hai un auxe do consumo de cigarros electrónicos

Un estudo da USC conclúe que prohibir o tabaco entre os mozos evitaría un millón de mortes

Un escenario no que os nados entre 2006 e 2010 non puidesen fumar previría falecementos por cancro de pulmón en 185 países

Alcol na adolescencia: cal é o seu impacto nun cerebro aínda en desenvolvemento?

O consumo intensivo de bebidas alcólicas a unha idade temperá reduce as capacidades cogniticas e aumenta o risco de sufrir outras patoloxías, como a demencia ou as enfermidades cardíacas