Domingo 6 Outubro 2024

As 1.525 órbitas do satélite galego

“Despois de 1525 órbitas de Humsat-D o seu estado de saúde é excelente”. Así de satisfeito se amosaba este xoves o profesor Fernando Aguado, investigador principal do agrupamento Aeroespacial da Universidade, ao anunciar que xa se puido comprobar completamente o sistema e que a valoración é “tremendamente positiva”, xa que os resultados foron os agardados tanto desde o punto de vista do segmento espacial; como do segmento terreo, relativo ás operacións e seguimento do satélite; como do segmento usario, entendendo por este o despregue dos primeiros sensores.

Tres meses e medio despois do seu lanzamento tanto a plataforma como as cargas útiles de Humsat-D amosan “un funcionamento óptimo”, recalca Aguado, que explica que se puido comandar e recibir telemetría en todos os pases que se efectuaron, segundo informa o Diario da Universidade de Vigo (Duvi). En total procesáronse correctamente máis de 6500 comandos no satélite e descargáronse case tres MBytes de telemetría “cantidade moi importante tendo en conta que o satélite opera nunha canle de radioafeccionados, onde está limitado o ancho de banda e, por conseguinte, as taxas de comunicación”.

Publicidade

Aparte da carga de comunicacións de Humsat-D, o satélite leva tamén un medidor de radiación que está proporcionando medidas de radiación cada 30 minutos, o que proporciona todo un caudal de información que está a ser avaliada polos expertos do INTA, Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, que son os responsables de dita carga útil.

O satélite da Universidade de Vigo procesou 6.500 comandos nos seus tres meses e medio de existencia

O Humsat-D pasa sobre Vigo cinco ou seis veces diarias, dúas ou tres delas de día, “que é cando podemos operar”, subliña Aguado, ao que engade que cada pase dura entre 8 e 12 minutos, de aí que todo o proceso de comprobación se dilatase bastante no tempo. Nesta liña, explica que o proceso de calibración da carga útil, que actualmente segue en marcha, consistiu na caracterización dos canais de comunicacións nas bandas asignadas a través de medidas de ruído, probas de recepción desde os sensores ata o satélite e de modulación dos datos no propio satélite e no posterior envío de ditos datos científicos á estación de seguimento de Vigo. “Ao longo deste tempo puidemos comprobar que as condicións de ruído son variantes en función da latitude e depende da actividade nas diferentes zonas, xa que se usan bandas de uso libre entre todos os radioafeccionados polo que non está garantido o uso exclusivo para o satélite”, subliña Aguado.

Publicidade

Con dous sensores de proba xa instalados, un en Vigo e outro en Brasilia, a previsión é instalar a curto prazo outros tres tamén en Brasil. Despois o seguinte paso será estender a rede de sensores a diferentes países en Europa, Asia e América . Cun custe inferior a 10 euros cada un, estes sensores permitirán recibir información do Humsat-D e no futuro de toda a constelación de satélites en calquera parte do mundo. Nesta liña e coa intención de dar un paso máis, o equipo de Humsat-D desenvolveu unha aplicación móbil que posibilita o envío de mensaxes de textos en lugares sen redes móbiles nin Internet. Este particular sistema de mensaxería móbil está en funcionamento desde esta mesma semana. Neste sentido, Alberto Muíños, un dos enxeñeiros que se encarga de facer o seguimento desde a estación terrea, explica que “o sensor recolle os datos e transmíteos ao satélite e, cando este pasa sobre Vigo descárganse na estación e automaticamente envíase a mensaxe ao móbil de todos os usuarios rexistrados”.

Vida útil

Esta mesma mañá cada membro do equipo recibiu unha mensaxe co texto “Olá mundo” enviada desde o sensor de Brasil. “É unha comprobación máis de que as cousas funcionan”, explica neste caso Diego Nodar, outro dos investigadores, que fai fincapé en que os sensores poden programarse para que manden mensaxes de alerta en situacións de emerxencia. “Falo, por exemplo, dun sensor situado nun embalse e que envíe unha mensaxe cando os niveis de auga acaden niveis perigosos”, explica Nodar, que fai fincapé na importancia deste sistema de mensaxería recalcando que “a maior parte destes sensores se colocarán en zonas sen infraestruturas de telecomunicación”.

Deseñado para ter unha vida útil de dous anos, os creadores do primeiro satélite demostrador da tecnoloxía Humsat, son optimistas respecto ao seu funcionamento, sobre todo se temos en conta que Xatcobeo aínda segue transmitindo despois de dous anos orbitando en zonas de moita maior radiación e variación térmica.

Con Xatcobeo e Humsat-D en órbita, a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo segue de cheo na posta en marcha de Femtoxat, o primeiro fentosatélite de só 250 gramos, cuxa finalización está prevista para finais de ano.

As boas novas chéganlle tamén aos investigadores do Agrupamento Aeroespacial da Universidade en forma de novos apoios institucionais e, máis concretamente, do Concello de Pontevedra, desde onde se anunciou hai apenas un par de semanas a próxima sinatura dun convenio de colaboración para apoiar con 30.000 euros as súas liñas de investigación, unha decisión que Aguado valorou como “moi importante”, xa que este diñeiro se destinará a pagar ao persoal para realizar probas con sensores reais e axudará pois a “manter o magnífico equipo que temos actualmente”.

Aparte de unha faceta de divulgación que está recollida na proposta de convenio, Fernando Aguado explica que se realizarán “probas de monitorización de auga nun pantano e transmisións de parámetros de humidade a través de sensores profundos en terra que poden achegar información moi interesante”.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores da UVigo fan carbón con restos forestais para reducir as emisións do gando

Un dos obxectivos do grupo a longo prazo é fabricar biocombustibles sólidos a partir dos restos dos piñeiros e da acacia

Os fármacos como Ozempic aumentan a fertilidade: un estudo da UVigo explica o porqué

O tratamento, indicado para a diabetes, comezou a consumirse nos EEUU fai anos para baixar de peso

A UVigo emprega plantas trampa para loitar contra unha praga nas patacas

A 'Solanum sisymbriifolium' é capaz de enganar ao nematodo que ataca ao tubérculo causando a súa morte

O vehículo creado por universitarios galegos competirá en Assen, Silverstone e Montmeló

O monopraza de UVigo Motorsport ten un chasis máis lixeiro e unha aerodinámica máis eficiente que os modelos de anos anteriores