Utilizar algoritmos para axudar a detectar con maior anticipación os incendios forestais é mellorar as comunicacións entre os equipos que actúan nos fogos é o dobre obxectivo do proxecto LifeTec, desenvolvido polo grupo de Sistemas Radio integrado no Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic da Universidade de Vigo. O proxecto, iniciado no 2017 dentro dunha convocatoria financiada pola UE, atópase nunha fase avanzada e xa se probaron con éxito os prototipos de ámbolos dous sistemas.

Verónica Santalla, investigadora de atlanTTic e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, explica que o sistema que axuda á detección temperá dos fogos funciona a través dos radares meteorolóxicos que se empregan para realizar medicións de temperatura e humidade nunha elevación máis baixa do normal. “O algoritmo mide a refractividade da troposfera, e cando se detecta un descenso brusco lánzase unha alerta xa que é posible que se este a iniciar un incendio” sinala.
Probado con éxito
O sistema probouse con éxito en varios radares de Meteogalicia e da axencia meteorolóxica de Portugal, xa que o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera (IPMA) tamén participa no proxecto, aínda que a iniciativa partiu do propio grupo SR. “Actualmente estamos a probar o sistema dun xeito máis intensivo con outras axencias que contan con radares como a AEMET, as de Cataluña e o País Vasco e tamén cunha axencia de Alemaña”, apunta a investigadora.
O desenvolvemento realizado dende atlanTTic pode aplicarse en toda Europa, xa que o continente está cuberto por redes de radares meteorolóxicos e a súa utilización pode contribuír a reducir custes na detección dos incendios, ao tempo que aumentará a rendibilidade e as posibilidades de uso destas infraestruturas.
O sistema permite xeolocalizar aos axentes sobre o terreo, o que dificulta o seu illamento durante a extinción
No que se refire ao sistema de comunicacións desenvolvido dentro de LifeTEC, trátase de tomar como base a rede TETRA (Terrestral Trunked Radio) de Retegal para despregar equipos que permiten aos axentes que traballan sobre o terreo manter a comunicación entre eles pese as dificultades de cobertura que soen afrontar durante os incendios forestais, que mesmo impiden a comunicación coas brigadas centrais. O sistema permite a xeolocalización dos bombeiros, o que tamén resulta moi importante cando se enfrontan aos incendios e poden quedar illados nos montes.
O modelo proporciona comunicación entre o equipo despregado no terreo e a sala de control e tamén pode funcionar só cos terminais de man en modo directo, o que permite que os equipos de extinción permanezan conectados en posicións fóra da cobertura TETRA. Deste xeito favorécese a coordinación cando non se pode chegar á sala de control. O prototipo foi testado con éxito polos bombeiros do Consorcio Contra Incendios e de Salvamento de Deza-Tabeirós durante as campañas de verán de 2019 a 2021.
O desenvolvemento destes prototipos foi realizado de xeito conxunto polos sete investigadores que integran o grupo SR e tamén coa axuda de persoal posdoutoral e graduado da E.E. de Telecomunicación da UVigo.
“Os prototipos funcionan correctamente e agora trátase de comercializalos para que poidan empregarse por todos os que os necesiten. Nós sempre temos un fin social coas nosas investigacións e nesta ocasión cómprese por completo. No caso do prototipo para as comunicacións dos bombeiros houbo unha resposta moi positiva deles mesmos, que axudaron moito a desenvolver o sistema para poder cubrir as súas necesidades”, indica Santalla.
Minimizar as emisións
LifeTEC ten uns obxectivos ambiciosos entre os que figuran diminuír a área queimada por incendio nun 15%, minorar os danos a bens e persoas nun 25%, minimizar as emisión de gases invernadoiro polos incendios nun 15% e facer que as perdas económicas da industria forestal polos fogos poidan reducirse ata un 7%.
A progresiva implantación dos sistemas nos bosques europeos contribuiría a poder acadar este obxectivos nos próximos anos. Dende atlanTTic estanse a facer estudos de mercado sobre a demanda dos sistemas e elixir as fórmulas máis axeitadas para a súa comercialización.














