Calidade do aire en Galicia: insalubre, pese á pandemia e o peche das térmicas

A contaminación esténdese por todo o territorio galego, incluso en zonas máis afastadas e rurais, segundo o último informe de Ecologistas en Acción

Evolución da calidade do aire en Galicia segundo os contaminantes. Foto: Ecologistas en Acción
Evolución da calidade do aire en Galicia segundo os contaminantes. Foto: Ecologistas en Acción

A pandemia paralizou o mundo. Os confinamentos intermitentes, as restricións e as corentenas derivaron nunha redución do tráfico rodado, pero tamén da actividade industrial. Unha situación que non foi exclusiva de 2020, senón tamén de 2021. Un ano no que a calidade do aire en Galicia volveu ser insalubre, pese a unha “significativa mellora” derivada das medidas contra a covid e o peche de moitas industrias. Esta é a principal conclusión do último informe de Ecologistas en Acción: “Toda a poboación galega seguiu respirando en 2021 un aire prexudicial segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS)“.

Segundo o documento, a mala calidade do aire xa non é exclusiva das grandes urbes. “A contaminación esténdese polo resto do territorio galego afectando a zonas máis afastadas e rurais en forma de ozono troposférico”, apuntan. As áreas máis afectadas son o sur da comunidade e as contornas industriais, como a da refinería de Repsol na Coruña. Malia que algunhas centrais xa cesaron a súa actividade, como foi o caso de Meirama en 2020 e o peche parcial das Pontes en 2021, isto non foi suficiente. E é que este tipo de actividades seguen a ser un dos principais focos de contaminación, xunto co tráfico mariño e o tráfico rodado.

O ozono trosposférico

Un dos datos máis positivos do documento é a “drástica caída” do ozono en todo o territorio galego, que estivo libre de niveis de contaminación que danasen a vexetación. Esta forte diminución, segundo apuntan no informe, foi o resultado da redución dos niveis de óxido de nitróxeno (NOx), un dos seus principais precursores. A situación do ozono troposférico —un contaminante secundario cuxos episodios máis agudos se producen nas tardes de verán— non foi exclusiva de Galicia, senón comparable ao resto de España.

Por outro lado, Ecologistas en Acción sinala que debido ás características climáticas de Galicia (inestabilidade frecuente, altas precipitacións e baixa radiación solar) a formación do ozono é moderada, evitando que se formen concentracións tan elevadas como noutras partes do Estado. Polo tanto, en 2021 non se chegou nunha a niveis preocupantes que desencadeasen nunha aerta da poboación. E, de feito, en ningunha das 57 estacións analizadas se superou o máis laxo obxectivo legal.

Partículas en suspensión

No que respecta a outros contaminantes, a súa caída non foi tan drástica e, de feito superáronse os límites recomendados pola OMS. É o caso de dúas partículas en suspensión: PM10, de maior tamaño e que só chega ás vías respiratorias baixas; e PM2,5, máis pequenas pero con efectos máis severos sobre a saúde. A súa maior concentración estivo, sobre todo, nos núcleos urbanos, onde se sobrepasaron os valores medios diarios e anuais establecidos pola OMS, pero en menor medida que en anos previos.

Os niveis de partículas PM2,5 tiveron unha redución d0 25% respecto ao período 2012-2019

Máis en detalle, a concentración media de PM10 só descendeu un 6% en Galicia en relación ao período 2012-2019. Un dato que revela a gran dificultade que segue a haber a día de hoxe á hora de rebaixar as emisións de material poeirento nas contonas industriais. A parte positiva está no descenso de PM2,5, que acadou unha redución do 25% respecto ao mesmo período. Segundo Ecologistas en Acción, esta caída púidose deber á diminución na actividade industrial e portuaria debido á pandemia, chegando en 2021 ao seu nivel máis baixo na última década.

Dióxido de nitróxeno

Outro dos contaminantes que se mediron no informe foi o dióxido de nitróxeno (NO2), cuxos niveis tamén superaron os límites establecidos pola OMS. Aínda así rexistrouse unha notable rebaixa das súas concentracións, derivadas fundamentalmente das emisións dos coches e outros vehículos. En todo caso, os peores rexistros deste contaminante producíronse en Coruña e Vigo, as cidades galegas que máis tráfico rodado soportan. As dúas excederon o límite da OMS, especialmente nas estacións da Grela (A Coruña) e en Coia (Vigo). Máis polo miúdo, superáronse 170 días e 115 días respectivamente.

O exceso deste contaminante pode explicarse atendendo á situación epidemiolóxica de 2021, mellor que a de 2020: vacinación masiva e progresiva eliminación das restricións. De feito, houbo un repunte de tráfico motorizado respecto ao ano anterior. Amais disto, Ecologistas en Acción advirte que as emisións dos coches son, precisamente, o principal problema de contaminación do aire ao que se enfrontan as cidades. En menor proporción, as calefaccións e o tráfico marítimo e aéreo. No que respecta á industria, a contaminación derivada deste tipo de actividade tan só afecta a determinas zonas, con enerxéticas, refinerías ou cementeiras asentadas.

Dióxido de xofre

Outro dos contaminantes incluídos no informe é o dióxido de xofre (SO2), cuxos niveis se foron reducindo progresivamente nas últimas décadas pola substitución de combustibles menos contaminantes nas calefaccións. Polo tanto, as principais concentracións adoitan estar preto de refinerías de petróleo ou de centrais térmicas de carbón. No informe de Ecologistas en Acción engaden que os niveis caeron “notablemente” debido ao peche das Pontes e Meirama.

A Coruña e Vigo son as cidades que maior volume de tráfico soportan

Con todo, hai outras estacións que rexistraron unha superación do límite recomendado pola OMS. É o que aconteceu coas estacións industriais da Pastoriza (Arteixo), Oural Sur (Sarria) e Xove (Lugo). A primeira delas recibiu as emisións de Votorantim Cementos Oural e a segunda de Alcoa San Cibrao. Mais os peores niveis de SO2 rexistráronse na estación situada ao sur da cementeira, en Oural, con 35 superacións do estándar establecido pola OMS.

Máis información e mellor control

Unha das peticións que lanzan Ecologistas en Acción no seu informe vai dirixida directamente á Xunta. O colectivo asegura que o goberno autonómico debería “seguir mellorando a medición e a información sobre a calidade do aire” en Galicia. Segundo explican no informe, hai certa dificultade á hora de acceder aos datos. Por exemplo, non se ofrece información das cinco estacións das redes portuarias nin das cinco das redes municipais. Amais disto, aseguran que só se permite a descarga de datos diarios e horarios históricos para seguir a evolución da contaminación en períodos máximos dun mes e de estación en estación.

Polo tanto, a situación mellora, pero non o suficiente. Sobre todo, porque os niveis de contaminación reducíronse debido ás restricións da pandemia, que xa non están vixentes. Haberá que esperar os datos deste ano e volver recompilar información das 57 estacións que se revisaron para 2021 e constatar se o lixeiro descenso das emisións foi puntual ou esperanzador. Do que non cabe dúbida é da necesidade de reducir a contaminación. Segundo os datos da Axencia Europea do Medio Ambiente (AENA) e da OMS, en 2019 producíronse 400.000 mortes prematuras nos países europeos derivadas da mala caldiade do aire. En España, unhas 30.000. Malia que non hai datos concretos de Galicia, calquera cifra é unha indubidable chamada á acción.


Podes ler o informe completo na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.