A mobilidade sostíbel será un dos piares para mudar o modelo de turismo nas Fragas do Eume. Mediante actuacións como a implantación de aparcadoiros disuasorios, a creación dun servizo de lanzadeiras eléctricas e a promoción de roteiros a pé ou en bicicleta —contempladas dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino— a Deputación da Coruña pretende promover a diminución dos vehículos accionados con carburantes fósiles dentro deste singular espazo natural e a contorna próxima a el.
A creación de aparcadoiros disuasorios será chave para reducir o fluxo de automóbiles nas inmediacións do parque. Este é un modelo instaurado en centros urbanos de cidades como Madrid, Barcelona ou Valencia para baixar a contaminación de áreas con grandes emisións. Trasladalo a esta contorna natural faise coa idea de que a xente con interese en coñecer o parque manexe a posibilidade de deixar o coche nun espazo seguro e poida moverse polo espazo a pé, en bicicleta ou bicicleta eléctrica. En consecuencia, crearase un centro BTT (bicicletas todoterreo) con servizo de alugueiro incluído.
Estes aparcadoiros disuasorios estarán dirixidos a turismos e, de igual xeito, valórase a creación dunha área de servizo de caravanas en Cabanas debido ao importante crecemento que experimentou o parque español de caravanas nos últimos anos; máis evidente tras a situación derivada da covid-19. Estas áreas de servizo situadas en lugares estratéxicos farán a propia función de aparcamentos disuasorios a través do consumo responsable co mesmo fin de favorecer o transporte interno en medios de transporte colectivos ou de cero emisións.
“As lanzadeiras eléctricas teñen que servir para que a xente cambie o seu vehículo motorizado por unha bicicleta eléctrica”
XOSÉ REGUEIRA, deputado de Turismo
Para substituír a utilización de vehículos con carburantes fósiles, o Plan contempla a implantación dun servizo de lanzadeira eléctrica entre a oficina do portal de entrada ao parque natural pola Capela e as inmediacións do principal recurso turístico cultural do parque, o mosteiro de Caaveiro. Este é un dos puntos que máis fluxo de visitantes acumula. Esta actuación é complementaria e lóxica respecto aos aparcamentos disuasorios, onde se prestará este servizo. “[As lanzadeiras eléctricas] teñen que servir para que a xente cambie o seu vehículo motorizado por unha bicicleta eléctrica. Tamén trataremos que visitas ao centro histórico de Pontedeume, o lago das Pontes ou a outros recursos próximos ao parque se fagan nese vehículo”, sostén o deputado de Turismo, Xosé Regueira.
Pese a non ser da súa competencia, desde a Deputación instan a establecer taxas de entrada neste e noutros bens de obxecto turístico, outro xeito de medir o fluxo. “Non sería nada intelixente que a preservación deses espazos estivesen a desfrute gratuíto dun turista, se para algo vale un turismo é para deixar cartos no territorio. Todo pasa por ter unha estratexia de venda de entradas e por outra banda dun control do fluxo. Temos que empezar a facelo tanto nos espazos naturais como patrimoniais. Hai que pensar nas estratexias turísticas que sirvan para xerar emprego, no momento que comecemos a capitalizar as entradas no parque”, sinala o tamén vicepresidente da Deputación, que, non obstante, separa o fin turístico de espazo do dereito de escolares e poboación local de acceso a el.
Roteiros

A Xunta está inmersa nun Plan de uso e xestión para o propio parque. “Dista moito de estar na súa mellor maneira de ofrecer posibilidades de visita”. Sen roteiros claramente estruturados, as visitas polo parque son totalmente libres, sen distinción das zonas máis e menos sensibles. Os roteiros contemplados no Plan pretenden estruturar rutas que permitan un coñecemento exhaustivo da biodiversidade do parque, dos seus valores naturais e do seu patrimonio e evitar, deste xeito, un desprazamento por zonas que se queren preservar. “O que queremos é ‘dirixir’ —por expresalo dalgún xeito— por roteiros que sirvan para estruturar o resto da área e que ofrezan un coñecemento amplo do que é o parque”, apunta Regueira.
Tanto no parque natural de Fragas do Eume, como noutros espazos naturais da comarca, crearanse roteiros que aproveiten os seus recursos naturais (micolóxicos, florísticos, etc.) de especial interese, situados en espazos públicos, veciñais, espazos protexidos ou similares. Por outra banda, os centros BTT contan cunha rede de roteiros sinalizados con diferentes niveis de dificultade, que estarán adecuados ao tránsito con bicicletas.