Sábado 27 Abril 2024

Xenia, con “a”

A palabra “xenia” non está recollida na Real Academia Galega (RAG). O termo correcto segundo indica a institución científica da lingua é “xenio”, un substantivo exclusivamente masculino: “Persoa moi intelixente e con gran capacidade de creación, que destaca entre os demais”. É dicir, que se queremos facer referencia a unha personalidade tan sublime como a de Marie Curie, teriamos que dicir “é un xenio”, xa que non achamos un sinónimo tan específico e poderoso que poida substituír este termo. Por que non existe o feminino desta palabra?

Algúns dirán que o masculino xa inclúe as mulleres para exercer a economía da linguaxe. Fagamos unha proba do espazo de texto que ocupa o substantivo en masculino e feminino, para saber con certeza canto aforramos utilizando o hexemónico:

Publicidade

X-e-n-i-o.

X-e-n-i-a.

Vaia, resulta ser o mesmo. Pasemos á seguinte cuestión. Outras voces alegarán que hai conceptos que rematan en “a” que se utilizan para referirnos tamén a homes, como pode ser “artista”. A diferenza está en que, como o masculino é o que prevalece, non é un substantivo feminino. De maneira que podemos dicir ‘un artista’ e ‘unha artista’. De todas maneiras, observemos os exemplos que emprega a Academia para as distintas acepcións deste termo:

Os seus primeros cadros xa facían ver nel un grande artista.

É un artista montando a cabalo.

Un compositor, un escultor etc., son artistas.

A esa gala asistirán grandes artistas da canción.

O artista principal da película.

Un artista de circo.

Nin unha soa referencia a unha artista en feminino. Continuemos. Outra das críticas que expoñen os homes escépticos da linguaxe inclusiva é que lles parece discriminatorio que se utilice o feminino plural cando nun grupo a maioría son mulleres pero no medio hai homes. Aquí, a contradición é tan obvia que pouco hai que alegar, xa que basta un só home en medio de 50 mulleres para que se diga “todos” e non “todas”. O mesmo paradoxo no que caen aquelas persoas académicas que poñen por bandeira que, canto máis extensa e rica sexa unha lingua, máis aberta e valiosa será a nosa concepción do mundo e a maneira de relacionarnos entre nós. Por que non ampliamos entón o uso destas palabras para incluír as mulleres e as persoas non binarias, non tería máis lóxica e encaixe nese sentimento? De verdade non ten cabida a palabra “xenia”?

Vaiamos entón máis alá, ao significado do termo. Que é ser un xenio? Analicemos o exemplo que a Real Academia Galega elixe para explicar a acepción:

Einsten é un xenio.

Que a perspectiva de xénero brilla pola súa ausencia nas normatividades, en pleno 2024, non fai falla dicilo. Así que, pasemos directamente a falar de Einsten, que a ‘todos’ nos gusta. Einstein é o científico “por excelencia” do séxulo XX, un nome que coñecemos todas, un rostro, tamén, por esa mítica foto coa lingua fóra. Unha figura histórica tremendamente idealizada, considerada unha especie de deus da física. Quizais por isto á persoa que tivo que escoller un exemplo para “xenio” fóiselle á cabeza rapidamente. Eu cando penso nel inmediatamente me lembro nas condicións tan ben escritas, definidas, concluíntes e ordenadas por apartados —xenio!— que lle impuxo á súa muller:

A. Aseguraraste de que:

1. A miña roupa e a roupa de cama estean limpas e en orde.

2. Eu reciba as miñas tres comidas de modo regular no meu cuarto.

3. A miña habitación e estudo estean limpos, e especialmente de que o meu escritorio sexa para o meu uso soamente.

B. Renunciarás a toda relación persoal comigo, a menos que sexa completamente necesaria por razóns sociais. Especificamente, renunciarás a:

1. Que eu estea na casa contigo.

2. A que saia ou viaxe contigo.

C. Obedecerás os seguintes puntos na túa relación comigo:

1. Non esperarás ningunha intimidade comigo, nin mo reprocharás de ningunha maneira.

2. Deixarás de falarme se cho solicito.

3. Sairás da miña habitación ou estudo, inmediatamente e sen protestar, se cho solicito.

D. Comprometeraste a non facerme menos diante dos nosos fillos, xa sexa a través das túas palabras ou do teu comportamento.

O machismo hexemónico non impera só nas definicións, senón tamén nos significados. As palabras elíxense, as nosas frases non son produtos do azar. Utilizar determinados conceptos é tomar postura, e non facelo, tamén. Sempre é o momento idóneo para revisar a nosa linguaxe e que a Real Academia Galega tamén o faga. E sempre é o momento idóneo para dicir que Marie Curie é unha xenia, aínda que algúns boten, ofendidos, a lingua fóra.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

  1. Brava! Moi acertado o artigo.
    Descoñecía moita desta información.
    Unha perspectiva moi necesaria na ciencia.
    Grazas por darnos o noso lugar!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:59:50

“A presión que hai en España por investigar fóra non a hai noutros países”

As científicas galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras participaron na terceira sesión de ‘Ciencia en Femino’ para falar sobre as súas experiencias investigadoras no estranxeiro
00:59:50

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Científicas no estranxeiro

As galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras explican as súas experiencias investigando noutros países
00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas
00:36:16

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. O emprendemento das mulleres

A doutora en Investigación Clínica en Oncoloxía pola Universidade de Santiago, Catalina Fernández, conta a súa experiencia como directora xeral de Hifas da Terra