Viaxar ao pasado é cientificamente imposible. Non existen máquinas do tempo que te transporten á infancia ou ás cidades, vilas e aldeas da túa memoria. Porén, hai experiencias que se asemellan e todas elas son posibles grazas ás novas tecnoloxías. A páxina web Cronobook, sen ir máis lonxe, permite observar a través de fotografías históricas xeolocalizadas como foron evolucionando as rúas, as prazas, os parques, as estradas e incluso as paisaxes do concello no que naciches, especialmente das contornas máis urbanas. En forma de mapa interactivo, o usuario pode moverse facilmente por unha interface semellante ao Google Maps, cheo de marcadores cadrados que indican que alí hai gardada unha foto histórica. Isto permiter ver o como era o castelo de Ribadavia en 1950, a capela da Peregrina de Pontevedra en 1883 e a ponte vella de Betanzos en 1916, entre moitos outros enclaves da xeografía galega.
O uso de Cronobook é ben sinxelo. Unha vez na páxina principal verás un mapamundi polo que te podes desprazar co cursor e ir ampliando ata chegar, incluso, á rúa na que vives. Cando aparece unha icona cadrada podes clicar nela e abrirase unha ventá emerxente con información da imaxe histórica. Con todo, dende Cronobook sinalan que o mapa contén imaxes antigas… e outras que non o son tanto. As primeiras están datadas en 1830 porque é o momento no que comezan a aparecer fotografías de paisaxes urbanas. Pero, en realidade, no mapa de Cronobook pódense atopar imaxes dos 90 e incluso da actualidade. O obxectivo desta ferramenta interactiva, a fin de contas, é que o usuario se poida desprazar libremenete polo mapa e ollar como foi evolucionando unha zona concreta do territorio.
Todas as fotografías que contén Cronobook están subidas polos seus usuarios, dado que se trata dunha ferramenta colaborativa. Polo tanto, algunhas imaxes conteñen descricións máis específicas, con detalles que aclaran o contexto da foto, e outras que son máis sucintas na súa explicación. En Galicia, por exemplo, pódense ver moitas fotos antigas das cidades, sobre todo de Pontevedra, da Coruña e de Vigo. Pero tamén hai imaxes que nos permiten lembrar o monte de Santa Trega, na Guarda, na década dos 60; unha das rúas de Celanova en 1961; e unha vista de Vilalba de 1910. Nesta última imaxe, por exemplo, o usuario que a subiu explica que é de comezos do século XX e que, ao fondo, se aprecia a torre do Parador.
Con todo, o usuario non ten por que moverse polo mapa de forma aleatoria, senón que tamén poden realizar buscas máis específicas. Unha vez se entra na páxina, hai un buscador colocado arriba á esquerda que permite poñer o nome dun lugar concreto do mapa. Con todo, Cronobook pide que especifiques provincia e país, dado que se trata dun mapa con imaxes históricas de todos os puntos do globo. A ferramenta interactiva tamén permite buscar fotografías segundo a cronoloxía, que se desprega clicando sobre un reloxo na marxe superior dereita do mapa. Alí poderás seleccionar as décadas das que che interese obter fotografías, aplicar o filtro e buscar nos marcadores correspondentes. Iso si, podes non obter resultados se a busca é moi estrita.
Podes acceder á páxina web Cronobook clicando nesta ligazón.