Luns 4 Decembro 2023

Tempo de (hiper)ciencia

Manuel GagoCando en 1991 Tim Berners-Lee inventou a World Wide Web, deseñou un sistema de información modular que, a través da superficie, conectaba coñecemento entre si. Estaban inaugurando unha nova forma de acceso ao coñecemento que segue espertando moita controversia entre os intelectuais, temerosos de que a navegación pola superficie a través do hipertexto impida percibir as inmensidades e os abismos do coñecemento.

Sen embargo, para os case-nativos dixitais -gocei escribindo o meu primeiro xogo en código fonte se cadra ao redor do ano 1985 nun Toshiba HX-10- non podemos disociar o goce da lectura en profundidade, secuencial, coa exploración ceibe das mallas hipertextuais, no Web e máis alá del, porque son dúas partes da mesma moeda cultural. E a navegación ceibe, libre, é o principio que rexe esta nova forma de coñecer. Co tempo o Web técnico fíxose cada vez máis poderoso, pero os avances humanos en novos métodos de crear cultura e coñecemento son máis lentos.

As universidades foron caendo desde os anos 70 a hiperespecialización do coñecemento, transformando os laboratorios universitarios en algo similar a departamentos de prantas de produción industrial. A parcelación da ciencia limitou considerablemente o seu campo de acción, a capacidade de atopar vías novas xurdidas a partir do encontro de disciplinas científicas diferentes, e aillándoa da sociedade. En certo xeito, continúanos a faltar o vocabulario, a actitude e a cultura de cruzar ciencias, métodos e visións do noso espazo, porque as ferramentas para facelo deben ser máis culturais que estritamente técnicas. Digamos que precisamos máis espazos de encontro, revistas, blogs, e a fundamental divulgación científica. Precisamos tender pontes entre as ciencias, atopar unha linguaxe de intercambio e unha actitude de encontro para transformar a ciencia do século XXI. Non é doado, e as inercias, e mesmo as burocracias para a investigación seguen a propiciar o confort do tobo propio fronte ao dinamismo da praza pública. Pero o encontro entre ciencias multiplica as posibilidades, xenera investimentos, magnifica e disemina o impacto do coñecemento na sociedade.

Galicia dispón, nestes momentos, dunha xanela de oportunidade para isto: somos un país pequeno e, xa que logo, un país no que é doado atoparse a nivel humano. Temos unha importante escola de divulgación científica -desde o tradicional polo coruñés ata fenómenos mediáticos coma o neurocientífico Xurxo Mariño-, sabemos innovar en formatos de popularización do coñecemento que se están a estender polo exterior, temos unha sociedade máis aberta a novas ideas do que pensamos e dispoñemos dunha tradición científica tan rica como descoñecida -bótenlle unha ollada ao Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega para comprobalo. É tempo de marcarnos obxectivos, de construír un espazo cómodo para a ciencia na nosa sociedade, e de atopar os hipervínculos que nos poden unir nesa idea común. É tempo de hiperCiencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un composto demóstrase efectivo contra o lindano, o veleno canceríxeno espallado no Porriño

Unha investigación da Universidade de Navarra atopa un descontaminante prometedor para as 1.000 toneladas do produto esparexido na parroquia de Torneiros

Drástica caída das hospitalizacións de bebés en Galicia pola vacina do virus sincitial

A Consellería de Sanidade comunicou os primeiros datos despois de iniciar, por primeira vez en España, a campaña de vacinación

Galicia duplica o promedio anual de varamentos: “Non temos explicación”

Unha toniña no Grove eleva a máis de 520 os exemplares atopados. Os científicos están investigando os motivos deste aumento de casos

A NASA detecta un enorme burato no Sol

O Observatorio de Dinámica Solar capta un vídeo do fenómeno e prognostica unha tormenta xeomagnética nos vindeiros días