Martes 23 Abril 2024

Máis aló da velutina: cando a árbore impide ver o bosque

A colonización de novas áreas forma parte da estratexia da maioría das especies de seres vivos para propagarse e evitar a súa extinción. As barreiras xeográficas, climáticas e as masas de auga limitan esta dispersión, permitindo o desenvolvemento de redes complexas e estables de interaccións entre especies de animais, plantas e fungos chamadas ecosistemas. Cada ano detéctase en Galicia a presenza de especies foráneas, algunhas delas co potencial de substituír as presentes nos ambientes que invaden. Despois da destrución directa de hábitats por parte dos humanos, as especies invasoras son xa a segunda causa da perda de biodiversidade. As especies invasoras, do mesmo xeito que os virus, non entenden de fronteiras.

A chegada de novas especies a un ecosistema é un fenómeno natural. O anómalo é o ritmo de dispersión que se dá na actualidade, acelerado pola introdución voluntaria de especies exóticas, o cambio climático e a globalización. A única forma a curto prazo de coutar a súa chegada é aumentando os controis de mercancías.

Publicidade

Cada ano as raíñas dos himenópteros eusociais, termo taxonómico que agrupa avespas, abellóns e abellas, buscan recunchos protexidos para pasar o inverno unha vez apareadas. O azar fai que se refuxien en obxectos que despois o ser humano se encarga de enviar lonxe do seu punto de orixe, levando inadvertidamente aos portos de destino as fundadoras das novas colonias. Este foi o caso da avespa asiática (Vespa velutina) procedente dos bosques subtropicais da China continental e que chegou como polisón ás costas atlánticas a bordo dun buque mercante. Todas as velutinas que se atopan no continente europeo descenden dunha única raíña velutina que recalou en Bordeaux no 2004.

Galicia é a comunidade de todo o estado que rexistra a taxa máis alta de mortes por alerxia á picada de himenópteros

As consecuencias que está a ter esta invasora no territorio galego son coñecidas por todas as galegas e galegos. Galicia é a comunidade de todo o estado que rexistra a taxa máis alta de mortes por alerxia á picada de himenópteros. Ademais, a prolongación da estación cálida como consecuencia do cambio climático alonga o ciclo de vida das colonias de velutina, incrementando os falecementos por shocks anafilácticos. Comparada coa avespa autóctona galega (Vespa crabro), a particular distribución da velutina próxima a núcleos de poboación e a súa alta abundancia fana especialmente perigosa. Así e todo, a magnitude real do seu impacto aínda é pouco coñecida. Descoñécese o dano real que está a causar nos polinizadores silvestres ou como pode estar influíndo nos equilibrios naturais de parasitos dos nosos montes. A perturbación ecolóxica que esta praga invasora está a causar aquí e en toda Europa é obxecto de estudo das universidades galegas, que buscan coñecer mellor a bioloxía desta especie coa finalidade de atopar métodos de control efectivos.

Co ritmo actual de intercambio global de mercancías, é cuestión de anos que aconteza un evento fundador doutra avespa alóctona que poña en xaque a apicultura, a saúde dos montes e polinizadores silvestres e da poboación galega. De feito, a velutina non foi a única avespa en instalarse na península, e probablemente non sexa a última nin a máis daniña en invadir Galicia a longo prazo.

A día de hoxe, xa están presentes na península dúas especies máis de avespas exóticas. É o caso da avespa oriental (Vespa orientalis) atopada no Levante valenciano e en Cádiz e a avespa bicolor (Vespa bicolor) na provincia de Málaga. A avespa oriental, frecuente noutras zonas do Mediterráneo, require dun clima semiárido para levar a cabo o seu ciclo natural con normalidade. Sospéitase que arribou no interior dunha caixa de froita ou de plantas ornamentais. Pola outra banda, crese que a avespa bicolor puido chegar ao val do Guadalhorce coa importación de plantas exóticas de viveiro dende China. A expansión de ambas, que están nunha fase inicial, parece limitada polo de agora a uns poucos municipios. Secasí, estas poboacións de avespas están baixo a lupa dos organismos municipais encargados da súa vixilancia.

A problemática das especies invasoras non é nova, posto que se retrotrae até as grandes navegacións europeas

Aínda que acrecentado nas últimas décadas, a problemática das especies invasoras non é nova, posto que se retrotrae até as grandes navegacións europeas. O rexistro da avespa europea nos Estados Unidos no século XIX é o primeiro caso documentado de invasión artificial dunha Vespa. No mesmo país interceptáronse só entre os anos 2010-2018 máis de 50 casos de avespas (máis dunha ducia de especies distintas) arribando vivas en contedores. O achado máis salientable foi o dun niño enteiro (incluíndo cría e larva) de avespa tigre ou mandarina (Vespa mandarinia), unha das especies máis temidas no sector da apicultura. Trátase da especie de avespa máis grande do mundo, moi destrutiva para as abellas e é o animal que máis mortes causa (50 anuais) en Xapón, onde é nativa. Hai un ano que se atoparon os primeiros niños desta avespa fóra da súa área natural de distribución, concretamente no estado americano de Washington e na Columbia Británica. Por factores climáticos, estas dúas rexións sitúanse (xunto a Galicia e gran parte de Europa) nas zonas do planeta onde se proxecta un maior éxito reprodutivo desta especie en caso de que chegue algún exemplar fundador.

Uns anos atrás, no 2016, rexistrouse tamén o primeiro avistamento da avespa tropical (Vespa tropica) na antiga colonia española de Guam, unha illa no Pacífico onde xa se converteu en invasora. Das 22 especies de Vespa coñecidas, 20 están presentes exclusivamente en Asia e Oceanía. O auxe de intercambios comerciais con portos asiáticos como Shanghai e Singapur abre novas rutas globais para o seu transporte accidental. É cuestión de tempo que outra praga parecida á velutina desembarque nun peirao galego. Unha vez detectadas pódense controlar, pero de non collerse a tempo, a súa erradicación é infactible cos medios dispoñibles actualmente.

A velutina é so un exemplo conspicuo dentro dun fenómeno que está acontecendo a nivel global e con cada vez maior frecuencia. Por iso cómpre reforzar a bioseguridade nos transportes de mercancías, coa fin de impedir a chegada de especies foráneas; non só de avespas ou doutros insectos, senón tamén de plantas, fungos, bacterias patóxenas ou virus. Amais, localmente é importante manter unha boa biodiversidade, xa que os ambientes degradados e pobres en especies nativas son máis fráxiles fronte a unha eventual praga.

Por iso é vital apostar pola investigación científica, que permita elaborar protocolos de prevención e acción eficaces (ante as especies invasoras actuais ou calquera que chegue no futuro) e xerar o coñecemento necesario sobre a flora e fauna que permita crear plans de conservación da biodiversidade autóctona. Manter o patrimonio natural é apostar polo futuro e o benestar das xeracións vindeiras.


* Damián da Silva Martís é investigador predoutoral no grupo de Xenética Comparativa e Parasitoloxía no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. Está a realizar a súa tese en xenética e parasitoloxía de abellas e avespas.


Bibliografía relevante empregada:

  1. Assessing the ecological niche and invasion potential of the Asian giant hornet. Gengping Zhu, Javier Gutierrez Illan, Chris Looney, David W. Crowder (2020). Proceedings of the National Academy of Sciences, 117 (40) 24646-24648. https://doi.org/10.1073/pnas.2011441117
  1. Interspecific hierarchies from aggressiveness and body size among the invasive alien hornet, Vespa velutina nigrithorax, and five native hornets in South Korea. Kwon O, Choi MB (2020) . PLOS ONE. 15(7): e0226934. https://doi.org/10.1371/journal.pone.0226934
  1. Ecological effects and management of invasive alien Vespidae. Beggs, J.R., Brockerhoff, E.G., Corley, J.C. et al. (2011). BioControl, 56 505–526. https://doi.org/10.1007/s10526-011-9389-z
  1. The Diversity of Hornets in the Genus Vespa (Hymenoptera: Vespidae; Vespinae), Their Importance and Interceptions in the United States. Allan H Smith-Pardo, James M Carpenter, Lynn Kimsey (2020). Insect Systematics and Diversity, 4(3) – 2. https://doi.org/10.1093/isd/ixaa006

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'