Hai medio século predíxose que as enfermidades infecciosas deixarían de ser un problema grazas ás vacinas e aos antibióticos. Pero a realidade foi ben distinta.
Para empezar, en 1981 apareceu a sida, que cobrou ata o de agora máis de 50 millóns de vidas. Aínda na actualidade, cada ano inféctanse por VIH 1,5 millóns de persoas no mundo.
Máis recente temos a pandemia de covid-19, que irrompeu a finais de 2019 e da que lentamente imos recuperándonos en occidente, en gran parte grazas ás vacinas.
Pola contra, en China, onde ata hai pouco se impuxo a política de “covid cero”, o rexurdir actual de casos lembra a modo de déjà vu o que vivimos en Europa, co colapso de hospitais e un elevado número de falecementos. A nivel mundial, ata a data confirmáronse 650 millóns de infectados por SARS-CoV-2 e máis de 6,5 millóns de mortes por covid-19. Ademais, as consecuencias da chamada covid persistente ou prolongada aínda están por determinar.
Auxe das infeccións respiratorias
Ademais destas pandemias víricas, a finais de 2022 hai constancia de gromos epidémicos de polo menos outras seis infeccións humanas.

No hemisferio norte, o outono-inverno chegou con gromos importantes de infeccións respiratorias por gripe e virus respiratorio sincitial (VRS). Os dous anos de máscaras e o illamento social para facer fronte á covid-19 favoreceron o rexurdir actual das infeccións por virus respiratorios.
Temos vacinas e antivirais (oseltamivir) fronte ao virus da gripe pero non fronte ao VRS. Os anciáns e os inmunodeprimidos son as poboacións máis vulnerables. O VRS afecta, ademais, a nenos de pouca idade, ocasionando cadros de bronquiolite que poden causar a morte.
Epidemias por virus de orixe africana
O gromo de varíola do mono (monkeypox ou ‘mpox’, segundo a OMS) iniciouse en Europa en maio de 2022. Estendeuse por máis de 100 países e confirmáronse 82.000 casos, dos cales 60 faleceron. En España confirmáronse 5.000 casos, case todos entre homes que practican sexo con homes con promiscuidade elevada.
Entre tanto, en Uganda xurdiu un novo gromo de ébola. Está producido pola variante de Sudán, fronte á que non hai vacinas. Confirmáronse máis de 150 casos e 55 falecementos, dez deles entre persoal sanitario que atendeu os pacientes. Pecháronse as escolas e creáronse áreas de illamento nos hospitais. O último gromo importante de ébola foi en África occidental en 2016 e 2017, con máis de 28.000 infectados e 11.300 falecidos.
Epidemias por auga ou alimentos contaminados

En Haití hai un novo gromo de cólera desde principios de outubro. Ata a data comunicáronse máis de 10.000 casos sospeitosos e producíronse máis dun centenar de mortes, moitas delas en nenos menores de 14 anos. O último gran gromo de cólera en Haití ocorreu en 2010, tras o terremoto que sufriu a illa. Houbo máis de 800.000 casos e 10.000 mortos. As pobres condicións hixiénicas, a malnutrición e a limitada infraestrutura sanitaria favoreceron o rexurdir da epidemia actual.
A principios de 2022 comunicáronse dous casos de parálises polo virus da polio en Xerusalén (febreiro) e en Nova York (xuño). A poliomielite era unha enfermidade infecciosa terrible e frecuente ata hai medio século. Está producida por un virus ARN que se transmite principalmente por vía fecal-oral, isto é, a partir de augas contaminadas. Aínda que moitos casos son asintomáticos, algúns pacientes desenvolven dano neurolóxico, con destrución neuronal na medula espiñal. Prodúcese de forma irreversible parálise fláccida das extremidades inferiores nun de cada 200 infectados. As formas máis graves, con encefalite, poden ser mortais.
Tras a II Guerra Mundial, a vacina inxectada con virus inactivados (vacina de Salk) e, unha década despois, a vacina oral con virus atenuados (vacina de Sabin) conseguiron eliminar a infección en gran parte do mundo. Con todo, aínda é endémica en Afganistán e Paquistán, onde a cobertura vacinal é insuficiente. As guerras e a pandemia de covid-19 empeoraron o acceso ás vacinas noutros países do Terceiro Mundo, como en Iemen, onde se describiron gromos recentemente.

Nos países occidentais, ao redor dun 6% dos nenos de menos de 6 anos non están vacinados e son susceptibles de padecer a infección. Desde principios de ano, o estudo de augas residuais en Londres, Nova York e Xerusalén comunicou a presenza de virus da polio. En todos os casos trátase da variante atenuada utilizada na vacina oral (Sabin). As autoridades sanitarias emprenderon campañas de reforzo da vacinación en todos os nenos de 1 a 9 anos.
Aínda que a vacina oral da polio (Sabin) é máis efectiva que a de virus inactivados, ocasionalmente pode producir enfermidade. Por iso, a vacina inxectada con virus inactivados (Salk) volveu a recomendarse e é a máis utilizada actualmente. Iso si, aínda que evita o desenvolvemento de enfermidade, non bloquea a infección e transmisión do virus.
A OMS aprobou hai dous anos unha nova formulación da vacina oral, cun novo virus atenuado que incorpora un sistema de hipermutaxénese, que anula o risco de reversión a formas virulentas. Xa a recibiron máis de 100 millóns de persoas no mundo e está prevista a súa administración masiva en casos de emerxencia sanitaria.
Prevención de novos gromos epidémicos
A loita contra as enfermidades infecciosas ten tres piares fundamentais. O primeiro é a hixiene e prevención do risco de exposición. O segundo son as vacinas, que bloquean a infección (esterilizantes) ou protexen de formas graves. A terceira arma contra as infeccións víricas son os fármacos antivirais.
Nun mundo globalizado, con fluxos migratorios importantes, conviría focalizarse en tres intervencións:
- Programas actualizados de vixilancia sanitaria (OMS, CDC, eCDC, etc.).
- Asegurar taxas de vacinación elevadas, para evitar o rexurdir de gromos de infeccións víricas que criamos controladas.
- Dispoñer de reservas suficientes de antivirais para uso inmediato en caso de necesidade.
*Vicente Soriano traballa na facultade d Ciencias da Saúde e Centro Médio da Universidade Internacional de La Rioja.
Cláusula de divulgación: Víctor Soriano non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.