Cápsulas de paracetamol.
Cápsulas de paracetamol.

Por que xa non podo comprar paracetamol sen receita?

Os posibles danos do exceso na inxesta de paracetamol e os datos de consumo obrigan a regular a súa venda nas farmacias

*Un artigo de  

Moitos temos acudido ao paracetamol nalgunha ocasión para tratar algunha dor de cabeza, articular, por golpes ou a febre elevada. Este coñecido medicamento pertence ao grupo terapéutico dos paraaminofenois, e caracterízase polos seus efectos analxésicos e antipiréticos, que calman a dor e reducen a febre, respectivamente. A diferenza do tamén moi usado ibuprofeno, non posúe propiedades antiinflamatorias. Isto limita a súa utilidade para o tratamento de doenzas que cursen con inflamación como dor de garganta, escordaduras, e artrites, a pesar das posibles crenzas populares.

Este ano produciuse un gran balbordo sobre a aparente nova necesidade de acudir ao médico para conseguir unha receita que permita comprar paracetamol nunha farmacia. A continuación, descubriremos cales foron as motivacións e en que consisten realmente as novas medidas de control sobre este afamado fármaco.

Que perigos pode conlevar o uso de paracetamol?

Aínda que o paracetamol goce dunha elevada seguridade, avalada polos máis de 30 anos de experiencia desde o inicio da súa aprobación por parte da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, é importante ter en conta os perigos dun consumo superior ás doses recomendadas.

O máis habitual é tomar un comprimido ou sobre (cuxa composición en gramos pode variar) cada 8 horas, que coinciden aproximadamente coas tres comidas principais do día. Con todo, en dores máis intensas pódese incrementar o número de tomas. Precisamente nestes casos debemos cinguirnos ben ao que indique o médico ou farmacéutico, ou ao que reflicta o prospecto.

A dose máxima diaria dentro da marxe de seguridade é de catro gramos

Debido a que o paracetamol se converte no noso organismo noutro composto que pode ser moi daniño para o fígado, é moi importante saber que a dose máxima que se pode inxerir dentro da marxe de seguridade son 4 gramos. Na práctica equivalería a tomar catro comprimidos de 1 gramo de paracetamol ao día. Superada esta cantidade aumentaría de forma significativa a probabilidade dun fallo hepático que podería ter consecuencias fatais.

A importancia da receita

En realidade, non é nada novo que un paciente deba acudir á farmacia con receita para que lle poidan dispensar paracetamol. A necesidade de dispoñer da prescrición do médico depende principalmente da dosificación e do número de comprimidos que conteña a caixa.

As presentacións con comprimidos ou sobres que conteñan 500 ou 650 miligramos de paracetamol ou, de forma xeral, aquelas que conteñan 1 gramo pero cun máximo de 10 comprimidos (salvo algunha excepción concreta), non necesitan receita.

Pola contra, os medicamentos que conteñan máis de 10 comprimidos (habitualmente 20 ou 40) de 1 gramo de paracetamol si a precisan, conforme a unha normativa que entrou en vigor en 2017.

Que motivou as restricións do paracetamol en farmacias?

As cifras recentes indicaban unha venda das presentacións de paracetamol que requiren prescrición médica moi superior ás receitas que se emitiron. Este feito suxería riscos asociados a un uso indebido, especialmente por empregar doses superiores ás que realmente son eficaces (500 ou 650 miligramos) para a maioría de doenzas nas que o paracetamol pode ser de axuda.

Co obxectivo de evitar a aparición de efectos adversos asociados á toma de doses elevadas de  paracetamol, as autoridades sanitarias decidiron incrementar a restrición ao seu acceso. Desta forma, non se esixe ao paciente que a partir de agora achegue a receita (coma se dun novo impedimento se tratase). Só se está asegurando que o faga conforme á normativa que xa estaba vixente desde hai tempo. Este maior control realízase grazas ao novo Sistema Español de Verificación de Medicamentos, a pesar de que o seu obxectivo principal é ben distinto ao que nos atinxe aquí.

Debemos ser racionais co uso dos medicamentos

É necesario recalcar que non sempre a maior dose dun fármaco vai ser a que controle os síntomas de forma máis eficaz e segura. Exemplos como o do paracetamol e o ibuprofeno evidencian a necesidade de facer fincapé en conseguir unha relación beneficio-risco adecuada. E isto que implica? Seleccionar unha pauta óptima. Noutras palabras, unha dose, número de tomas ao día e duración do tratamento que permitan atallar eficazmente a doenza e minimizar os posibles danos colaterais.

A pesar de ser moi evidente, non hai que deixar de insistir na importancia de seguir sempre as recomendacións do médico e farmacéutico para tomar  paracetamol e calquera medicamento ás doses e intervalos de tempo adecuados. Para iso, todos debemos ser coherentes e responsables e facer un uso correcto, independentemente de se é precisa a receita médica ou non.


Francisco Navarrete Rueda é Profesor Axudante Doutor na Universidad Miguel Hernández de Alicante.*Cláusula de divulgación: non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.