*Un artigo de 

Desde que en marzo de 2020 o Goberno de España declarou o Estado de alarma a nivel nacional por mor da covid-19, un dos principais obxectivos da comunidade científica foi a procura dunha vacina efectiva. Con todo, e a pesar de que actualmente contamos con distintas vacinas de probada eficacia, cada vez préstase máis atención a diversos factores que inflúen na clínica da covid-19.

Covid-19 e enfermidades inflamatorias

Antes da existencia de vacinas, foi esencial identificar os factores de risco relacionados cun peor prognóstico para a covid-19 para establecer os grupos de poboación máis vulnerables. Así, determinouse que as persoas con comorbilidades como a obesidade, enfermidades cardiovasculares, hipertensión, diabetes ou cancro presentan un maior risco de mortalidade tras a infección con SARS- CoV-2.

Estas enfermidades están caracterizadas por un estado inflamatorio de baixo grao, mediado por un aumento de citoquinas e outros mediadores proinflamatorios. Tense visto que este estado inflamatorio crónico ten un efecto negativo nas persoas que son infectadas polo SARS- CoV-2. É dicir, teñen un peor prognóstico da enfermidade.

Dado que estas enfermidades están relacionadas, entre outros factores, con patróns alimentarios inadecuados (ricos en graxas saturadas e azucres), unha alimentación saudable debería axudar a previlas, limitando así a gravidade da covid-19.

Cando se fala de patróns alimentarios saudables, o primeiro que adoita vir á mente é a dieta mediterránea. Este tipo de alimentación caracterízase por un alto contido en alimentos de orixe vexetal (ricos en fibra e compostos bioactivos) e graxas insaturadas (froitos secos e aceite de oliva), así como por un consumo moderado de carnes magras, peixe e lácteos.

Neste sentido, o aceite de oliva considérase un dos selos de identidade da dieta mediterránea. Por unha banda, está presente en numerosas receitas. Doutra banda, atribuíronselle efectos beneficiosos para o mantemento da saúde.

O hidroxitirosol: a arma do aceite de oliva contra a covid-19

Ademais dos coñecidos efectos beneficiosos do aceite de oliva sobre enfermidades cardiovasculares, diferentes estudos demostraron o potencial antivírico do aceite de oliva.

Neste sentido, os polifenois que contén o aceite de oliva demostraron ter propiedades antioxidantes e antiinflamatorias que poderían mediar este efecto antivírico. Entre os compostos fenólicos presentes no aceite de oliva destaca o hidroxitirosol, amplamente estudado polos seus beneficios na saúde. Este polifenol deriva da hidrólisis da oleuropeína e o seu contido no aceite depende de factores como a variedade da oliva, o cultivo de orixe e o proceso de elaboración do aceite.

Dado que o hidroxitirosol xa foi proposto como tratamento antiviral contra infeccións como a do virus da gripe ou o VIH-1, suxeriuse o seu potencial como posible composto válido tanto para a prevención como para o tratamento de pacientes con covid-19. Isto débese á capacidade do hidroxitirosol para dificultar a infección polo SARS-CoV-2. Faino uníndose de forma simultánea á proteína da cápsida do virus e á ACE2, que é a proteína do hóspede que utiliza o virus como porta de entrada no organismo. De feito, nun estudo con humanos observouse que a administración de hidroxitirosol en forma de espray nasal podería ser efectiva para previr a infección con SARS-CoV-2.

Amais, diferentes estudos suxiren que o hidroxitirosol tamén podería ter efectos beneficiosos en pacientes con covid-19. Entre outras cousas, porque inhibe diferentes proteínas activadas polo SARS- CoV-2, que son responsables do dano do tecido pulmonar característico desta enfermidade.

Tamén se viu que o hidroxitirosol reduce de forma eficaz as concentracións circulantes de interleukina 6 e factor de necrosis tumoral alfa. Ambas son citoquinas proinflamatorias implicadas na “tormenta de citoquinas” característica na covid-19.

Doutra banda, o hidroxitirosol tamén ten un efecto antioxidante, favorecendo a síntese de elementos de resposta antioxidante (principalmente mediante a activación da proteína Nrf2) e axudando a protexer o tecido pulmonar de lesións.

O aceite de oliva, tamén beneficioso na síndrome “pos-covid”

Existe unha porcentaxe de pacientes que padeceron covid-19 pero que, tras superar a infección viral, continúan coa sintomatoloxía asociada á mesma. A persistencia de síntomas durante máis de 12 semanas coñécese como síndrome pos-covid-19. Os individuos afectados presentan fatiga, ansiedade, depresión e alteración do soño, entre outros, que lles impiden levar unha vida normal.

A pesar de que esta síndrome é relativamente nova e descoñecida, describiuse que a administración de hidroxitirosol (dentro dun suplemento alimenticio) mellora o estado mental e físico de suxeitos que padecen esta síndrome.

Iso indica que, xunto ao hidroxitirosol, outros compostos bioactivos (vitaminas do grupo B, vitamina C ou L- carnitina) poderían tamén estar implicados nos efectos observados. Por iso, sería necesario coñecer os efectos do hidroxitirosol, tanto illado como no aceite de oliva, sobre a síndrome pos-covid-19.

Á vista da evidencia dispoñible, parece claro que levar un patrón dietético adecuado (xunto coa vacinación e as medidas de seguridade) tamén nos pode axudar nesta pandemia que nos tocou vivir.

No caso do aceite de oliva, os efectos descritos sobre a covid-19 converten a este alimento en particularmente recomendable. As investigacións que se están levando a cabo actualmente axudarán a entender mellor os mecanismos implicados nos efectos que xa foron descritos.


*Iñaki Milton Laskibar é investigador postdoutoral en Cardiometabolic Nutrition Group, IMDEA Alimentación, e investigador no Centro de Investigación Biomédica en Rede da Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CiberObn) na Universidade do País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea

Laura Isabel Arellano García é estudiante de Nutrición e Saúde na Universidade do País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea

Maria Puy Portillo é catedrática de Nutrición no Centro de Investigación Biomédica en Rede da Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CiberObn) na Universidade do País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea

Cláusula de divulgación: as personas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis aló do cargo académico citado anteriormente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.