Tecnoloxía galega para facer máis eficientes e competitivas as plantas de residuos

O software de Humara sairá ao mercado en setembro para optimizar a creación e deseño deste tipo de instalacións

Nos momentos máis duros da pandemia, cando a incerteza dominaba o mundo, Laura Rodríguez e Martín Nogueira decidiron lanzarse á aventura. Despois de máis de 10 anos de experiencia construíndo e deseñando plantas de residuos, deixaron os seus postos de traballo e fundaron Humara co obxectivo de axudar a dixitalizar o sector. “A nosa experiencia demostrounos que para deseñar unha planta había que facer unha serie de procesos moi manuais e repetitivos que non ían na liña das novas tecnoloxías”, explica Rodríguez. Tres anos despois, están a piques de lanzar o seu primeiro produto: un software que permitirá, a través dunha serie de datos —tipo de residuo, capacidade e localización da planta…—, optimizar o proceso de deseño e conseguir que a instalación sexa o máis eficiente e competitiva posible.

“Lanzaremos o software a inicios de setembro”, confirma Rodríguez. De todos modos, aínda que están a tan só uns días de comercializar o seu produto, xa levan dende o verán pasado facendo probas piloto con empresas “líderes do sector”. A primeira versión do software nace a raíz do feedback recibido polos seus clientes, que en breves poderán gozar do produto con todas as súas funcionalidades. “A economía circular é a nosa base. Queremos que o noso software sexa a punta de lanza dunha serie de desenvolvementos que teñen que producirse nas plantas de tratamento actuais para acadar os obxectivos europeos”, engade a socia de Humara.

Publicidade

Unha imaxe da aplicación deseñada por Humara.

Segundo continúa explicando Rodríguez, o seu sofware consegue acelerar o proceso de deseño das instalacións, ás veces moi custoso, manual e pouco eficiente. Dende a empresa galega aseguran que son capaces de reducir, nalgúns procesos, un traballo de catro semanas a tan só tres minutos. O segredo, segundo Rodríguez, está no emprego dunha tecnoloxía que o seu sector se resiste a asumir e que, tal e como ela defende, está aínda moi atrasado. “Grazas ás novas tecnoloxías facilitamos a toma de decisións nas fases temperás do proxecto”, engade. Ademais, Rodríguez defende que o seu produto se adapta facilmente ás distintas variables que se introducen no sofware. “Facemos múltiples simulacións dos escenarios que máis conveñen para o deseño da planta. Pódese obter de forma sinxela a pegada de carbono e o consumo enerxético da instalación. Ademais, adaptámonos aos diferentes tipos de residuos porque non é o mesmo tratalos en verán que en inverno”, puntualiza a fundadora da empresa galega.

Visión de futuro

Todas estas son as claves de Humara, dende onde son conscientes da importancia da economía circular. Porén, para acadar os obxectivos europeos, pero tamén os reclama o propio medio ambiente, Rodríguez considera que queda moito por facer e mellorar no sector do tratamento de residuos. Tanto ela como os seus dous socios tratan de achegar o seu gran de area dixitalizando ao máximo posible as plantas de residuos que se deseñen a partir de agora. “É certo que as empresas se están comezando a poñer ao día, hai máis concienciación e xa se fala de conceptos, como o de sostibilidade, dos que antes ninguén falaba. Porén, queda moito por facer”, recalca Rodríguez. Malia que Humara actúa no inicio mesmo do proceso, cando a planta de tratamento tan só é unha idea, dende a empresa galega son conscientes de que os pasos tamén deben ir encamiñados a como se produce o residuo e como se debe tratar, co obxectivo de achegarse o máximo posible ao concepto de economía circular.

Publicidade

Equipo de Humara.

Por iso, aliñándose cos ambiciosos obxectivos europeos, Humara só mira cara ao futuro. De momento seguen enfocados nos seus primeiros pasos, que sempre consiste no desenvolvemento do produto. Pero os tres socios (Laura Rodríguez, Martín Nogueira e Víctor González), xunto aos outros cinco empregados da empresa, xa teñen novas metas. “Temos unha visión moi agresiva e ambiciosa do que queremos acadar. Queremos ser o estándar que permita construír e operar máis e mellores plantas para recuperar a meirande parte dos residuos en todas as partes do mundo“, sinala Rodríguez. Pero este non é o seu único obxectivo. Tamén queren apoderar os equipos de traballo das empresas para que pasen de realizar cálculos rudimentarios, como os que fixeron Rodríguez e Nogueira nesa década de experiencia, a aplicar a tecnoloxía e axilizar o seu traballo o máximo posible.

Rodríguez asegura que Humara está “nun momento moi bonito”. Os seus oito empregados están a piques de ver o resultado dos últimos tres anos de traballo: un software para optimizar o deseño das plantas de tratamento de residuos. “Despois de moito esforzo, imos lanzar o produto e podemos comezar a vender a nivel europeo”, confirma a fundadora de Humara. Pero o equipo non quere quedar aquí, senon abrir as fronteiras e chegar a novos mercados. Unha vez que superen a fase de desenvolvemento do produto, o seu obxectivo é abrirse a novas empresas e clientes e, sobre todo, que o software chegue a todas as partes do mundo. “En Europa podemos ir a mellor ou a peor, pero hai moitos lugares onde a xente non ten acceso a moitos recursos e xusto, aí, a xestión de residuos é fundamental”, conclúe Rodríguez.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Academia Galega de Belas Artes insta á Xunta a recuperar os torques de Ansorena

As pezas de posible orixe castrexa recibiron unha oferta de 210.000 euros durante unha poxa, pero a venda anulouse

A Deputación da Coruña recibe en Madrid o Premio Gourmet Turismo Gastronómico

O galardón recoñece a aposta da institución provincial por un modelo baseado na calidade, a autenticidade e a sostibilidade

Como de conectado está o teu concello? Descúbreo con esta ferramenta interactiva

O mapa de Strado puntúa os barrios europeos en función da súa accesibilidade a servizos da vida diaria e social

Yolanda Prezado: “O Centro de Protonterapia situará Galicia nunha situación privilexiada para investigar”

A física galega, premiada co Wonenburger 2026, consolidou a súa traxectoria en Francia e regresou en 2024 a Galicia para crear escola no eido da radiobioloxía