Un Google Earth en tempo real: así é o software galego para actuar ante as emerxencias

A empresa Beagle Technologies usa a tecnoloxía 3D para crear cartografías do terreo o máis completas posible e facilitar a toma de decisións

Imaxina que unha tormenta eléctrica desencadea un incendio e comeza a arder unha extensa masa forestal. Actívanse os servizos de emerxencias, que tratan de responder en tempo récord unha batería de preguntas fundamentais: A que distancia están as casas? Están habitadas? Onde hai masas de auga para cargar? As respostas non son fáciles de obter a través das imaxes que capturan os helicópteros. Nas súas fotografías falta contexto e información. Por iso, unha empresa galega decidiu deseñar un software que respondese a esta necesidade. “Con tecnoloxías e proxeccións en 3D, e a partir das imaxes que recibimos dun helicóptero, por poñer un exemplo, creamos unha cartografía tridimensional dixital do terreo. Funciona como un Google Earth pero en tempo real”, explica Miguel Barreiro, un dos fundadores de Beagle Technologies.

A empresa naceu hai xustamente un ano, en setembro de 2022. Os seus socios coñecían, por unha banda, a contorna de operación dos servizos de emerxencias e, por outra, as tecnoloxías de procesamento 3D e a cartografía dixital avanzada. “Detectamos unha serie de necesidades. Cando hai unha emerxencia como pode ser un incendio ou o rescate dunha persoa nun cantil, é moi difícil coñecer a superficie e ter unha idea da situación completa, onde están os recursos, o accidentado ou como avanza o lume”, apunta Barreiro. O fundador de Beagle Technologies continúa explicando que coas imaxes aéreas que se obteñen dos helicópteros ou dos drons “é moi difícil facerse unha idea do terreo”. De feito, non é doado saber por onde transcorre unha estrada ou como se move o vento. Na opinión de Barreiro, toda esa información “é algo que tes que imaxinar”.

Publicidade

“Con tecnoloxías e proxeccións en 3D creamos unha cartografía tridimensional dixital do terreo”

MIGUEL BARREIRO, fundador de Beagle Technologies

Para crear esa imaxe completa do terreo, é dicir, con todos os datos posibles que creen un contexto axeitado, válense de fotografías ou imaxes que achegan outros medios —nomeadamente, os helicópteros ou os drons—. No seu sistema tamén reciben información sobre as balizas de posicionamento, dado que tanto as ambulancias, os coches patrulla, os avións e outros medios de transporte, sexan ou non para emerxencias, están dotados deste método identificativo. Desta maneira, ao recibir información sobre a súa posición, dende Beagle Technologies son capaces de colocalos en directo sobre o vídeo, creando unha cartografía rica do terreo no que se está a actuar. “Isto denomínase conciencia situacional. É moi importante porque vai máis alá da imaxe. Nós informamos da distancia que hai entre un punto ou outro, onde está colocado un coche patrulla…”, enumera Barreiro, describindo as funcionalidades do seu software.

Malia que un dos exemplos máis claros para entender o funcionamento da ferramenta de Beagle Technologies sexan os incendios, o seu fundador enumera outros exemplos de uso. Por exemplo, a utilización de drons para a vixilancia de praias —como, exemplo, durante as multitudinarias fogueiras do San Xoán— ou as operacións de control nas estradas. “No Levante, por exemplo, hai un concello que usa drons para vixiar as praias, facendo uso do software de Beagle. Utílizao, entre outros casos, para controlar que a distancia das motos de auga en relación á costa cumpre a normativa”, explica o fundador da empresa galega. Fai fincapé na importancia desta actuación, dado que xa se deron casos nesa zona do Levante do facelemento de varias persoas que chocaron con motos de auga.

Publicidade

O software de Beagle tamén se usa para a vixilancia de praias e as operacións de control nas estradas

Máis en detalle, Barreiro puntualiza que en Beagle traballan con tecnoloxía propia. A meirande parte das imaxes que reciben para crear as cartografías tridimensionais proveñen dos drons, pero o seu uso é moi limitado nalgúns contextos, como os incendios. Por iso, tamén reciben material de helicópteros e, incluso, de avións de coordinación. A partir destes recursos, fundamentais para montar as imaxes 3D, crean “un sistema de proxección tridimensional moi preciso” que montan nunha nube pública, nun centro de datos de Google ou nunha nube privada. “Hai casos nos que os clientes non queren traballar con conexión de ningún tipo, como é o caso das maletas blindadas que van nos camións de bombeiros”, apunta Barreiro. De feito, xa estiveron validando o seu sistema para que poida usalo a Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Retos de futuro

“Beagle Technologies acaba de nacer e aínda temos moitos retos de futuro”, sostén o seu fundador. Arrincaron a súa actividade en setembro de 2022, ao abeiro da aceleradora BFAero, promovida pola Xunta de Galicia. “Tiñamos unha idea de produto bastante avanzada pero aínda non estaba na rúa con cliente final. De feito, na aceleradora reorientamos algúns aspectos da empresa”, lembra Barreiro, retrotraéndose aos inicios de Beagle. As ganas de seguir medrando levan ao seu fundador a confirmar que, de cara aos próximos meses, lanzarán unha serie de novidades. “Estamos barallando crear un produto para un usuario máis masivo porque, de momento, o noso produto é moi especializado, máis para un cliente institucional, como a administración pública, ou os servizos de extinción”, conclúe Barreiro, que tamén pon na lista de desexos seguir ampliando mercado, saír de España e expandirse tanto cara a Europa como ao continente americano.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo pioneiro desvela como responden as aves ao primeiro megaincendio rexistrado en Galicia

A intensidade das lapas reduciu a diversidade, mentres que a presenza de áreas con distinto nivel de afectación favoreceu a recuperación ecolóxica

A volta das lapas

As consecuencias dos incendios do verán de 2025 e o primeiro gran lume de 2026. Por Andrea Veiga

A falta de retención dos solos tras os incendios de 2025 agravou as riadas de Ourense

O edafólogo Agustín Merino vincula as escorreduras do 17 de xuño coa escasa revexetación durante o inverno e a ausencia de actuacións de restauración

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación