Publicidade
Mércores 14 Maio 2025
Publicidade

Un estudo identifica 41 variantes xenéticas asociadas ás persoas zurdas

A maior análise realizada neste sentido, con datos de 1,7 millóns de persoas, detecta outras sete variantes atribuídas a persoas ambidextras

As razóns que explicaron ao longo da historia por que unha pequena parte das persoas son zurdas foron moitas e variadas. Ata non hai moito tempo, o dominio da man esquerda sobre a dereita considerábase un erro que debía ser corrixido. E a ciencia tamén leva tempo traballando para atopar motivos detrás desta característica: non hai moito tempo, un estudo apuntaba a que a zurdeira comezaba a configurarse durante a xestación. E unha nova investigación, a maior realizada neste sentido ata o momento, bota máis luz: unha análise xenómica de máis de 1,7 millóns de persoas, mediante un estudo de asociación do xenoma completo (Genome Wide Association Study, GWAS, en inglés) atopou 41 cambios nun par de bases do ADN que están relacionados cunha maior probabilidade de que as persoas sexan zurdas, e outros 7 loci asociáronse coas persoas ambidextras.

Con todo, advirten os autores do traballo, publicado en Nature Human Behaviour, estas variantes non explican todo. O equipo descubriu que estes cambios de pares de bases só confiren un 12% da variabilidade no uso dunha man sobre outra, o que significa que deben existir máis motivos que conforman esta característica, como a influencia do propio ambiente. Nun artigo publicado en The Conversation, dous dos autores da investigación, David Evans e Sarah Medland, moitas das rexións do xenoma asociadas ao uso da man esquerda “conteñen xenes que codifican para as proteínas asociadas a microtúbulos, que xogan un papel importante durante o desenvolvemento na migración das neuronas e na capacidade do cerebro para adaptarse aos cambios na contorna.

Publicidade

Outro dos achados, destacan Evans e Medland, foi que houbo “pouca superposición entre as rexións do xenoma asociadas ás persoas zurdas e as ambidextras”, o que suxire que este último trazo “é máis complicado de interpretar do que pensabamos anteriormente”. Os resultados, deste xeito, abren novas pistas para identificar posibles variantes que inflúen no uso dunha man ou outra, ou das dúas.

Entre as causas, Evans apunta a feitos triviais como ter unha lesión que obrigue a usar a man ‘menos boa’ ou a capacidade de usar instrumentos deportivos ou musicais que obriguen a manexar con destreza as dúas mans. Outro dos autores, Gabriel Cuéllar Partida, destaca que a ampla mostra de persoas estudadas achega un importante valor estatístico “para detectar o efecto dos xenes que teñen unha influencia incluso moi pequena no dominio dunha man sobre outra”.

Publicidade

Con todo, as incógnitas sobre os determinantes que rodean ás persoas zurdas mantéñense no mundo.

Infographic: The Countries With The Most Left-Handed People | Statista

Segundo datos compilados por Statista, a porcentaxe de persoas zurdas varía entre o 3,5% da China e o máis do 13% nos Países Baixos ou os Estados Unidos, o que, ademais de posibles determinantes xenéticos, podería explicarse pola influencia da contorna social.


Referencia: Genome-wide association study identifies 48 common genetic variants associated with handedness (Publicado en Nature Human Behaviour).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Si, as ostras están conectadas globalmente: así o demostra un estudo con selo galego

O artigo revela o protagonismo dunha rexión xaponesa na orixe da subministración mundial do molusco e na propagación doutras especies

Volveu da extinción o lobo xigante? “Absolutamente non, é un lobo Frankestein”

A comunidade científica advirte da "perversión" de investir en revivir especies cando 40.000 están hoxe en risco de desaparecer

O tabaquismo pasivo na infancia deixa pegada no ADN dos nenos

As alteracións epixenéticas pola exposición infantil ao fume do tabaco poderían influír no desenvolvemento de enfermidades no futuro

Investigadores galegos identifican un xene que podería predicir a obesidade

Os niveis de expresión de PTK2B serían un biomarcador capaz de axudar na prevención dos trastornos metabólicos na infancia