Venres 19 Abril 2024

Sete cousas que tes que saber sobre a túa pel

A dermatóloga Sara J. Brown analiza algunhas das crenzas arredor da saúde cutánea: acné, eccema, alimentación, hidratación, sol...

A pel é un órgano enorme e clave para a nosa saúde. As alteracións que poden aparecer nela indican, ás veces, a presenza doutros problemas que non se ven. É habitual tamén que circulen mitos e crenzas que non sempre teñen moito do certo. Neste senso, a profesora de dermatoloxía molecular e xenética da universidade de Dundee Sara J. Brown publicou un artigo sobre algunha destas crenzas máis comúns, que che contamos aquí.

1. A pel renóvase constantemente

Certo. A pel é, como todos sabemos, unha barreira entre o interior do noso corpo e o mundo exterior. Os queratinocitos na epiderme (a capa exterior da pel) están dividíndose constantemente para producir un subministro de células que se moven a través desta capa e se desprenden da súa superficie. É por iso que a pel é unha fonte de células nai con capacidade de dividirse e renovarse.

Publicidade

2. Beber dous litros de auga ao día para ter unha pel sa

Falso. A cantidade de auga que bebemos non afecta directamente á pel. A auga é subministrada pola sangue que flúe a través da derme, a capa interna. A auga pérdesde a través da epiderme, especialmente nos ambientes secos. Así, a auga é precisa para manter a hidratación da pel, e cando se deshidrata, está opaca e menos elástica. Nunha persoa sa, os órganos internos, como o ril, o corazón e os vasos sanguíneos, controlan a cantidade de auga que chega á pel.

Non hai, por tanto, un volume determinado de auga que se precise beber: só depende das cantidades que se estean usando e perdendo.

3. O estrés pode danar a pel

Certo. Hai moitos problemas de saúde na actualidade que atribuímos ao estrés. E varios estudos científicos demostraron que varias afeccións cutáneas empeoran por situacións que experimentamos na vida diaria. É posible que as hormonas relacionadas co estrés, como o cortisol, teñan que ver con isto.

Hai exemplos notables, como a alopecia areata, unha doenza autoinmune que provoca a caída do cabelo ao atacar os folículos pilosos; a psoríase ou o eccema, que causan descamación e inflamación.

O estudo afonda nas causas de que sintamos proído de xeito habitual. Imaxe: Adobe Photostock.

4. Comer chocolate causa acné

Falso. O acné non é cousa só de adolescentes, xa que pode persistir ata os 30 ou 40 anos, e en realidade prodúcese pola interacción entre as hormonas e as glándulas de graxa cutáneas, ademais da resposta inmune aos poros que están bloqueados e aos microbios que viven na pel.

Unha dieta alta en graxas non é saudable por moitas razóns, pero non causa acné. De feito, subliñan os expertos, algúns produtos indicados para o acné severo, como a isotretinoína, absórbense mellor cando as pílulas se acompañan dunha comida con graxas (e iso inclúe o chocolate).

5.O deterxente en po causa eccema

Falso. Poden empeoralo, pero non causalo. O eccema provoca que a pel estea seca e vermella e sintamos molestias. Está causada pola interacción de factores xenéticos e ambientais. O xabón, os deterxentes e outros produtos de lavado poden irritar a epiderme e contribuír a que estea seca, xa que eliminan o aceite da pel do mesmo xeito que eliminan a graxa da louza.

Así, os deterxentes en po conteñen enzimas que descompoñen as graxas e outras proteínas para eliminar as manchas, e poden irritar a pel sensible, e empeorar así o problema existente. É importante, neste senso, retirar todo trazo de deterxente en po da roupa antes de poñela, para evitar a irritación.

6. As manchas brancas nas unllas significan deficiencia de calcio

Falso. As unllas desenvólvense deste unha área baixo a pel no bordo superior do dedo. Se esta zona sufre un golpe, ou é mordida, aparece unha especie de irregularidade na unlla que medra e o aire pode quedar atrapado. Iso é o que aparece como unha mancha branca a medida que medra. O calcio é importante para as unllas, os ósos e os dentes, pero estas marcas non significan que haxa carencia del.

7. O sol é bo para a pel

Certo, e falso. É habitual que teñamos a sensación de sentirnos mellor nos días soleados, pero a luz do sol ten efectos bos e malos. Inclúe unha mestura de diferentes lonxitudes de onda, algunhas visibles e outras invisibles, como o infravermello ou o ultravioleta, e cada unha con diferentes efectos sobre a pel.

Por exemplo, utilizamos a luz ultravioleta de tipo B para fabricar vitamina D, esencial para a saúde dos ósos. Sen esta luz, debemos obter a vitamina da dieta. E os dermatólogos utilizan lonxitudes de onda específicas de luz ultravioleta A e B en doses controladas para tratar algunhas afeccións da pel.

Pero cando estamos expostos a demasiados raios desta lonxitude, poden chegar a danar o ADN das células da pel, causando un crecemento descontrolado, e posiblemente un cancro. Así que, como noutras cousas, o sol é bo na súa xusta medida.

En conclusión, a dermatóloga Sara J. Brown conclúe que os principios básicos para unha pel sa son os de sentido común. Hai que lavar a pel de forma regular para eliminar a suciedade, pero non tanto como para eliminar a humidade esencial e as substancias impermeables. É recomendable usar crema hidratante se a pel se seca; e no caso de ter acné, aconséllase usar unha crema de base non graxa. E se é posible, cómpre evitar o estrés, seguir unha dieta saudable e tomar auga cando haxa sed. E cando faga moito sol, hai que protexerse cunha gorra ou sombreiro e protector solar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

‘Skincare’, cuestión de saúde? : “Hai que diferenciar entre dermatoloxía e cosmética"

O experto Juan García Gavín apunta que aínda unha gran parte da poboación cre que o coidado da pel provén do mero interés estético

Os pacientes con psoríase grave teñen maior risco cardiovascular

Unha investigación detectou disfunción microvascular coronaria en doentes con esta enfermidade cutánea autoinmune

O bronceado protexe do sol, as cremas non caducan e outros mitos arredor dos protectores solares

Os expertos da pel insisten en que todas as persoas, independentemente do seu ton, deben aplicarse estes produtos durante todo o ano

Tes acne? Estes son os pros e contras dos tratamentos actuais

Aínda que é unha enfermidade sen cura, existe un arsenal terapéutico para paliar os casos máis graves ou que non remiten