Sentímolo pola NASA: Svetlana deu o primeiro paseo espacial en 1984

A axencia espacial e os medios de Estados Unidos obvian a historia da rusa ao vender que este mes haberá "o primeiro paseo espacial de mulleres"

“Un gran paso para as mulleres”, escribía o xornal The Washington Post na súa edición de hoxe. A nova era “o primeiro paseo espacial para mulleres”, que a NASA anunciou para o vindeiro 29 de marzo. Dúas astronautas a bordo da Estación Espacial Internacional, Anne McClain e Christina Koch, van aventurarse xuntas a uns 400 quilómetros sobre a Terra. “E farán historia”, conclúe o Post. A propia axencia espacial publicou unha nota anunciando a feliz nova “que ademais se vai producir durante o Mes da Historia da Muller“. Pero hai un pequeno problema con todo isto… Porque non vai ser o primeiro paseo espacial para a muller, nin de lonxe: chega 35 anos máis tarde que o que protagonizou a cosmonauta rusa  Svetlana Savítskaya en 1984 dende a estación espacial Saliut 7.

Svetlana Savitskaya.

O anuncio da NASA era moi fermoso, pero oculta a verdadeira historia da conquista do espazo e do papel da muller nela. Porque Svetlana Yevguénievna Savitskaya (nada en Moscova o 8 de agosto de 1948) se converteu na segunda muller en saír ao espazo ao tripular a Soyuz T-7 en 1982, 19 anos despois do voo de Valentina Tereshkova. Posteriormente tripularía tamén a Soyuz T-12.

Publicidade

Durante a súa estadía na estación espacial Saliut 7, o 25 de xullo de 1984, a cosmonauta Savitskaya converteuse na primeira muller en dar un paseo espacial. Permaneceu fóra da estación durante 3 horas e 35 minutos.

Por este éxito, Svetlana recibiu a medalla de Heroe da Unión Soviética. E actualmente e parlamentaria na Duma rusa. Hai 35 anos daquel fito histórico, que a NASA silencia no seu anuncio de hoxe.

Publicidade

McClain tamén ten programada unha camiñada espacial co astronauta Nick Hague o 22 de marzo. A astronauta atópase actualmente a bordo da Estación Espacial, onde a acompaña un simpático peluche que representa o planeta Terra e co que fai fotos dende o módulo Cúpula. Koch, enxeñeira eléctrica, unirase a ela o 14 de marzo no que será o seu primeiro voo espacial, segundo a NASA.

A estación espacial Saliut 7.

Pero, aínda que todos semellen querer esquecelo, NON protagonizarán o primeiro paseo espacial de mulleres. A rusa Svetlana Savítskaya xa lles leva unha vantaxe de 35 anos.

Posteriormente, varias mulleres deron paseos espaciais con normalidade, como a estadounidense Peggy Whitson, a primeira muller en comandar a Estación Espacial Internacional, que completou oito. Sunita Williams, veterana en tres voos espaciais en naves norteamericanas e rusas e catro expedicións á Estación, con máis de 300 días de estancia na órbita, tamén protagonizou varios paseos espaciais. Considerar dúas mulleres nun paseo espacial “un gran paso para as mulleres” que “farán historia”… semella máis ben unha operación de mercadotecnia, por non dicir pura propaganda…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como escribe a Terra o teu nome? Descúbreo con esta ferramenta da NASA

O programa Landsat conta co espazo “Your name in Landsat”, que recolle unha galería de imaxes satelitais que amosan accidentes xeográficos en forma de letras.

Conta atrás para o regreso de Artemis II: calor extrema, silencio e amaraxe no Pacífico

A tripulación da nave Orión revisa os protocolos finais e prevé o descenso fronte á cidade de San Diego na madrugada do sábado, hora española

De Apolo a Artemis: cincuenta anos de misións lunares a través das súas imaxes

As fotografías tomadas polas tripulacións da NASA ao longo do tempo documentan os primeiros sobrevoos do satélite

Como se ve a Vía Láctea dende o espazo? A NASA publica unha imaxe única dende a nave Orión

A tripulación de Artemis II ten previsto completar a súa amaraxe no océano Pacífico tras o reingreso atmosférico na madrugada do 11 de abril, en horario español