Só e posible aguantar uns minutos fronte ao Pozo de Darvaza debido á intensa calor. Foto: Tormod Sandtorv / CC BY-SA 2.0.
Só e posible aguantar uns minutos fronte ao Pozo de Darvaza debido á intensa calor. Foto: Tormod Sandtorv / CC BY-SA 2.0.

Pozo de Darvaza: a ‘porta do inferno’ que leva ardendo medio século

A comezos dos anos 70 – non se sabe exactamente cando aconteceu- uns científicos da Unión Soviética traballaban no deserto de Karakum, un inhóspito lugar de Asia Central, que hoxe forma parte da república de Turcomenistán. Mentres facían prospeccións para atopar gas, un anaco do deserto derrubouse, levando consigo o equipamento dos xeólogos. Para evitar que saíran á superficie posibles gases nocivos, decidiron (sempre segundo o que se conta) prenderlle lume ao lugar para extinguir o posible gas metano acumulado na zona. Porén, tanto gas había que hoxe, medio século despois, segue ardendo. O lugar, coñecido como Pozo de Darvaza ou “Porta do Inferno”, é un gran atractivo turístico para persoas de todo o mundo, que chegan por milleiros cada ano.

Panorámica do Pozo de Darvaza. Foto: Stefan Krasowski / CC BY 2.0.
Panorámica do Pozo de Darvaza. Foto: Stefan Krasowski / CC BY 2.0.

O interior do Pozo de Darvaza acada temperaturas de 400º C, e os ventos que moven a calor ao seu arredor provocan que só sexa posible permanecer na zona durante uns minutos. Porén, en 2013, un explorador, George Korounis, decidiu meterse cun traxe térmico de kevlar no lugar para comprobar de preto como eran as “portas do inferno”. National Geographic cubriu a expedición e contou nunha reportaxe a aventura de Korounis.

Para Korounis, meterse no Pozo de Darvaza foi como entrar nunha película de ciencia ficción. “Era como un coliseo de lume”, dixo. Nas proximidades do cráter escóitase tamén como arde o interior da terra. “Ruxe como un motor de avión, e non hai fume, arde, pero de forma moi limpa”.

Vida no Pozo de Darvaza

Nesta mesma expedición, un dos obxectivos era observar se había algún tipo de vida no interior do cráter. E así foi. “Atopamos algunhas bacterias vivindo no lugar, adaptadas ás altas temperaturas”.

Para Turcomenistán, o lugar é un dos exemplos da súa riqueza enerxética. O país posúe unha das maiores reservas de gas natural do planeta, nunha superficie semellante á de España pero que só alberga cinco millóns de habitantes.

 Lugares semellantes

A pesar do espectacular que é o Pozo de Darvaza, non é o único lugar destas características que existe no planeta. Noutros puntos de Asia con depósitos de gas, como o Monte Quimera (Turquía), Baba Gurgur (Iraq) ou Yanar Dag (Acerbaixán), hai fenómenos semellantes debido a infiltración do gas ata a superficie a través de rochas porosas, e outros producidos pola acción humana, como a mina de Centralia (Estados Unidos) ou a de Jhara (India).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.