Martes 16 Abril 2024

Indíxenas do Amazonas forman bandas de cuñados para facer a guerra

Semella unha nova de humor, pero é un estudo científico publicado nunha das grandes revistas de referencia mundial. Antropólogos das universidades de Utah e Misuri, nos Estados Unidos, veñen de publicar o seu estudo na prestixiosa revista PNAS. E achegan novos datos sobre cooperación e violencia en sociedades humanas pequenas a partir de datos do pobo yanomami, asentado no sur de Venezuela e o norte de Brasil. Tras analizar as relacións entre 118 guerreiros, teñen visto que para pelexar prefiren aliarse con homes doutros pobos de idades semellantes, e casar coas súas irmás e fillas. É o que denominan a ‘guerra de cuñados’.
Os antropólogos determinaron que existe unha interesante relación de cooperación e violencia nas sociedades humanas a pequena escala, como a yanomami. Algo do que non había precedentes. Segundo os investigadores, as principais alianzas de guerra fórmanse con homes doutros pobos de idades semellantes e non cos parentes próximos como pais, fillos ou primos que viven na mesma comunidade. O seu botín de guerra non é tomar as terras das súas vítimas e ás súas mulleres, senón casar coas irmás e fillas dos seus aliados e afianzar así os seus vínculos. Deste modo, forman asociacións de guerra a longo prazo cos seus cuñados. É un xeito de facer a guerra, pero non destruir totalmente o territorio e aos seus veciños. Digamos que hai guerra, pero os yanomami garanten a súa supervivencia futura dun xeito racional.

“É un caso de cooperación e violencia non visto noutros organismos”

Shane J. Macfarlan, autor principal do artigo publicado en PNAS, precisa que os investigadores esperaran encontrar que os yanomami loitaban en bandas de parentes próximos, como irmáns, pais, fillos e primos. Así sucede nas pelexas de chimpancés, os únicos simios, ademais dos seres humanos, que forman coalicións para loitar e matar. Sen embargo, unha descrición máis axeitada indica que pelexaban como bandas de cuñados, ao casar coas parentes femininas dos seus aliados. Neste modelo, “van obter socios e unha alianza a longo prazo con outros rapaces nos que poden confiar para facer as cousas, e que a cambio están a recibir oportunidades de matrimonio” que mantengan a súa cultura no futuro. Despois de matar xuntos, fórmase un enlace, cásanse coas fillas ou irmás de cada guerreiro e móvense de aldea, ou mesmo forman un novo pobo.
“Demóstrase unha relación entre a cooperación e a violencia a un nivel non visto noutros organismos. Iso pode parecer obvio para os países aliados nas guerras modernas, pero nós estamos a dicir que isto se produce mesmo en sociedades de pequena escala, como é neste caso,” conclúe Macfarlan.

Publicidade

O artigo completo pode consultarse
neste enlace de Proccedings of the National Academy of Sciences (PNAS)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O renacer do Entroido: “Hai un desexo de diferenciación e xorden festas novas”

O antropólogo Rafael Quintía apunta que nalgúns lugares recibe o nome de ‘Entruido’ ou ‘Antroido’ e que é unha festa fundamentalmente rura

Arqueoloxía para reconstruír os campos de concentración franquistas en Galicia

O CSIC leva a cabo un estudo da represión e violencia fascista durante a Guerra Civil e a Ditadura no Estado español

A humanidade xa camiñaba ergueita hai sete millóns de anos

Un estudo publicado en 'Nature' revela que 'Sahelanthropus' practicaba o bipedismo habitual

Os humanos evolucionaron para ser fisicamente activos na vellez

Un novo estudo pretende dar unha explicación evolutiva definitiva a como a actividade física, sobre todo nas idades avanzadas, promove a saúde