Venres 29 Marzo 2024

Os clixés de xénero sobre a intelixencia comezan a xestarse aos seis anos

A unha idade tan temperá como os seis anos, as nenas vólvense menos propensas a asociar a brillantez intelectual co seu propio sexo e tenden a evitar as actividades que se cre son para nenos “moi intelixentes”, indica un estudo das universidades de New York, Illinois e Princeton que se publica esta semana na revista Science. Os investigadores advirten que se trata dunha tendencia preocupante, xa que as aspiracións profesionais das mulleres ven moldeadas polos estereotipos sociais de xénero.

Segundo explica Lin Bian, investigadora de Psicoloxía da Universidade de Illinois e unha das líderes do traballo, “os estereotipos que outorgan unha maior habilidade intelectual aos nenos que ás nenas emerxen moi pronto e teñen un impacto sobre as aspiracións profesionais das mulleres”.

Publicidade

Para probar a que idade empezan a desenvolverse estas ideas, os investigadores levaron a cabo varios experimentos con nenos e nenas de entre 5 e 7 anos. Nun deles, fíxoselles  escoitar unha historia sobre unha persoa que era “moi intelixente” e logo pedíuselles que adiviñasen cal de catro adultos descoñecidos (dous homes e dúas mulleres) era o protagonista. Tamén se lles dixo que elixisen cal dos adultos nunha serie de pares de diferentes xéneros era “moi, moi intelixente”.

Nos experimentos, as nenas asignaban aos homes unha maior habilidade intelectual

Aínda que os resultados mostraron que tanto os nenos como as nenas de 5 anos vían ao seu xénero de maneira positiva, as nenas de 6 e 7 anos eran moito menos propensas a asociar a brillantez co seu propio xénero. Estas diferenzas de idade foron moi similares entre participantes de contextos socioeconómicos e étnicos diversos.

Nunha proba posterior, a un grupo diferente de nenos e nenas de 6 e 7 anos convidóuselle a participar en dous xogos, un para nenos “realmente intelixentes” e o outro para os que “traballan moi duro”. As nenas estiveron moito menos interesadas que os nenos no xogo para intelixentes. Con todo, non houbo diferenza entre uns e outras na elección do xogo para os traballadores.

Un experimento final comparou o interese dos nenos e nenas de 5 e 6 anos polos xogos para nenos intelixentes. Os resultados non mostraron diferenzas significativas nos nenos e nenas de 5 anos; con todo, a inclinación das nenas de 6 anos por esta actividade foi, de novo, inferior á que mostraron os nenos.

Sara-Jane Leslie, investigadora de Filosofía da Universidade de Princeton e outra das autoras, lembra as conclusións dun traballo anterior, no que analizaron como o estereotipo do xénero limita as carreiras das científicas.

“As mulleres son menos propensas a cursar títulos superiores en campos que, segundo a crenza establecida, requiren brillantez intelectual. Estes novos achados amosan que estes estereotipos empezan a afectar as decisións das nenas nunha idade incriblemente temperá”, destaca.

En opinión de Lin Bian, “se queremos cambiar as mentes dos mozos e facer que o mundo sexa máis equitativo, necesitamos saber cando comezan a xurdir estes estereotipos para poder intervir e evitar estas consecuencias negativas sobre as decisións educativas das nenas e as súas futuras opcións de carreira”.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desigualdade de xénero na ciencia: “En Galicia somos pioneiras pero nunca o puxemos en valor”

As investigadoras Montserrat Díaz-Raviña e Cristina Caruncho denuncian a falta de diversidade, sobre todo no eido da edafoloxía

A fenda salarial de xénero, unha realidade na UVigo

A Unidade de Igualdade evidencia os efectos da segregación vertical entre o persoal docente e investigador do campus vigués

O galego no laboratorio do Nobel: “MacMillan é unha persoa fantástica”

O químico lucense David Fernández relata como é o traballo no proxecto do novo premiado, co que colabora na Universidade de Princeton

Un científico lucense no equipo do novo Nobel de Química

David F. Fernández, doutor en Química pola USC, traballa como investigador posdoutoral no laboratorio de David MacMillan, en Princeton