Non teñen tanta actividade como o esqueleto protagonista de ‘Un ollo de vidro ‘, o inmortal relato de Castelao . Pero unha nova investigación apunta que os mortos non sempre descansan en paz. Durante máis dun ano despois da morte, os cadáveres móvense “significativamente”, e este achado podería ser importante para as investigacións forenses.
O traballo de campo foi realizado nunha instalación de investigación sobre a descomposición dos corpos con sede en Australia , coñecida coloquialmente como “granxa de corpos “, un termo que algúns científicos consideran pouco respectuoso. Os investigadores usaron cámaras de lapso de tempo para filmar cadáveres en descomposición. Durante 17 meses, unha cámara na Instalación Australiana para a Investigación Experimental Tafonómica estivo tomando imaxes aéreas dun cadáver cada 30 minutos durante as horas do día. E durante toda a gravación, o cadáver continuou movéndose.
Publicidade
“O que descubrimos foi que os brazos se movían significativamente, polo que comezaban á beira do corpo e remataban separados completamente”, dixo á televisión pública australiana a científica médica Alyson Wilson , da Universidade Central de Queensland .
Explicou que se esperaba algún movemento post-mortem nas primeiras etapas de descomposición, pero o feito de que continuase durante toda a rodaxe foi unha completa sorpresa. “Cremos que os movementos se relacionan co proceso de descomposición, xa que o corpo se momifica e os ligamentos chegan a secarse” , dixo: “Este coñecemento podería ser significativo en investigacións de mortes inexplicables “.
Publicidade
Agora queren ampliar o estudo para atopar patróns de movemento que sirvan en escenas do crime
De feito, os novos datos poderían cambiar a forma en que os científicos analizan e interpretan as escenas do crime , particularmente cando os restos humanos levan máis dun ano enterrados. Ata o de agora, a menos que houbese evidencia de que un corpo fora removido, xa sexa por animais ou persoas, os científicos forenses xeralmente asumirían que a posición dun corpo descuberto é a posición no momento da morte.
Dado que a investigación de Wilson é o primeiro uso dunha cámara de lapso de tempo para estudar a descomposición humana, esta é tamén a primeira evidencia de que a suposición sobre a posición do corpo ao morrer pode non ser certa.
Xa en traballos anteriores, publicados en Forensic Science International, Wilson e os seus colegas utilizaron unha cámara de lapso de tempo para rastrexar a descomposición dun cadáver durante seis meses. As imaxes resultantes confirmaron o movemento do corpo durante o proceso de descomposición. Ademais, os resultados do equipo validaron a utilidade das cámaras de lapso de tempo na investigación forense.
Agora, con base a estes achados, o obxectivo é repetir a investigación para xerar datos estatísticos sobre o movemento post mortem . Ese coñecemento podería usarse para analizar escenas do crime con maior precisión no futuro. Dita base de datos proporcionaría información sobre as formas en que é probable que as persoas se movan, o que á súa vez podería permitir aos científicos forenses reconstruír a posición do corpo no momento da morte . Á súa vez, iso podería axudar a descubrir que sucedeu.
Así que poida que esteamos ante un cambio na medicina forense . E tamén no xeito no que razoan os policías nas series e filmes cando se atopan nunha escena do crime.