Un grupo de científicos británicos liderados por David Nutt, investigador do Imperial College de Londres, descubriu unha substancia sintética que imitaría os efectos embriagadores do alcol pero que non intoxicaría o organismo. O ‘alcosynth’, como o denominan os seus creadores, reproduciría a mesma sensación de bebedeira que causa o etanol, pero sen os seus efectos adversos. É dicir, non máis resacas, non máis enfermidades do fígado ou do corazón, non máis problemas psicolóxicos.
O mencionado ‘alcosynth’ estaría baseado nunha benzodiazepina, un psicotrópico que xa se emprega en medicina para tratar a ansiedade, o insomnio e outras doenzas semellantes. Non en tanto, ante as implicacións económicas que tería este descubrimento para a industria das bebidas alcohólicas, o investigador mantén o máximo segredo sobre a súa fórmula. Polo de agora, haberá que esperar para probala, porque non estará no mercado ata dentro duns anos.
Porén, e ante as críticas sobre os riscos de adicción a este composto, Nutt sinala que o ‘alcosynth’ non actúa cos receptores nerviosos que xeran condutas de adicción. “Coñecemos en que parte do cerebro se manifestan os bos efectos do alcol, e podemos imitalos. E se non tocamos as partes onde se experimentan eses malos efectos, non os teremos”, declarou Nutt a The Independent.
Este científico sostén que o seu invento contribuiría a paliar os problemas de saúde pública causados polo consumo de alcol. Segundo a OMS, o consumo nocivo desta droga legal está detrás de 3,3 millóns de mortes cada ano en todo o mundo. O ‘alcosynth’, según Nutt, reduciría esta cifra e, amais, podería ser unha ferramenta moi efectiva nos tratamentos de rehabilitación de alcolismo.
Amais desta substancia, David Nutt e o seu equipo tamén traballan na elaboración dunha pílula chamada chaperona, que limitaría os efectos deste alcol sintético co fin de previr situacións de posible malestar físico.
Non é a primeira vez que Nutt se sitúa no centro da controversia pola súa opinión sobre o alcol. No ano 2009, foi destituído como asesor do goberno británico en asuntos de drogodependencia tras publicar un estudo no que argumentaba que o éxtase era menos perigoso que montar a cabalo e que o alcol.