Biblioterapia: o poder dun libro sobre o teu cerebro

Biblioterapia: o poder dun libro sobre o teu cerebro.
Biblioterapia: o poder dun libro sobre o teu cerebro.

Unha reportaxe de Jesús Méndez/SINC

“A vida é demasiado curta como para ler un mal libro”.

“Pero tendo en conta que se publica un novo libro cada trinta segundos, pode ser difícil saber por onde empezar”.

A primeira frase díxoa, ao parecer, James Joyce. A segunda é a forma de completala que teñen en The School of Life, unha iniciativa creada en Inglaterra polo filósofo Alain de Botton e que, baixo a aparencia dunha librería, ofrece toda unha batería de servizos (cursos, talleres, charlas) para educar no que “non se ten en conta na escola ou na universidade”, isto é: “Como deberiamos vivir ben”.

Un deses servizos fíxose particularmente famoso, e o seu nome é xa de seu explicativo. Chámano biblioterapia. A idea é simple: usar os libros para axudar á xente.

O termo biblioterapia semella estrearse en 1916 nun artigo publicado na revista The Atlantic Monthly. Nel fálase dun tal doutor Bangster, que receita libros a quen os puidese necesitar. Isto era o que dicía sobre eles: “Un libro pode ser un estimulante, un tranquilizante, un irritante ou un soporífero. A cuestión é que debe ter un efecto, e ti tes que saber cal é. Un libro pode ser da natureza dun xarope calmante ou pode ser unha cataplasma de mostaza irritante”.

‘Receitaban’ libros a soldados con tensión postraumática tras da I Guerra Mundial

O uso da biblioterapia empezou a estenderse despois da I Guerra Mundial, sobre todo nos Estados Unidos. Alí, varias iniciativas comezaron a recomendar libros aos soldados que retornaban, moitos deles con tensión postraumática, nun intento por mellorar a súa convalecencia.

Hoxe en día, guías clínicas como as desenvolvidas no Reino Unido polo National Institute and Care Excellence (NICE) recomendan a biblioterapia en casos de depresión ou trastornos de ansiedade. Defíneno como un tipo de terapia cognitiva de baixa intensidade que pode axudar en casos leves, pero non é exactamente o mesmo ao que se refería Bangster.

Estas recomendacións baséanse en libros de autoaxuda axeitadamente seleccionados a través de iniciativas para prescribir só aqueles considerados de “alta calidade”. O que Bangster propoñía (e o que en The School of Life fan) é estender e enriquecer a prescrición: as súas recomendacións baséanse en libros de ficción.

Novelas que levantan o ánimo

A sección de biblioterapia de The School of Life depende de Susan Elderkin e Ela Berthoud, dúas licenciadas en Literatura inglesa pola Universidade de Cambridge. Segundo comenta Elderkin, así xurdiu a idea: “Ela e máis eu empezamos a pasarnos libros cun propósito terapéutico cando eramos estudantes na universidade e viviamos en habitacións contiguas. Ás veces chegabamos a casa e atopabámonos unha novela na porta: unha novela pensada para subirnos o ánimo cando o tiñamos baixo ou, moitas veces, para nos espabilar e nos botar un rapapolvo”.

“A literatura pode abrir portas e axudar a cambiar de perspectiva”

“En 2008 empezamos a mesma idea como servizo en The School of Life e máis tarde publicamos o libro The Novel Cure.  Xurdiu de ver a literatura como un recurso, algo que pode abrir portas cando nos sentimos atrancados e axudar a cambiar de perspectiva. Creo que moita xente experimentou este poder, pero normalmente é algo que sucede por casualidade, tropezando co libro adecuado no momento adecuado case por accidente. Nós quixemos organizar a literatura para que non dependese do azar, para que calquera que necesitase un recordatorio de que non estaba só no mundo puidese atopar un libro cando o necesitase”.

Susan Elderkin e Ela Berthoud comezaron en 2008 a prestar servizos de biblioterapia en The Schoolof Life. Máis tarde publicaron o libro The Novel Cure, no que falan da literatura como estímulo para afrontar os problemas.
Susan Elderkin e Ela Berthoud publicaron o libro The Novel Cure, no que falan da literatura como estímulo para afrontar os problemas.

O funcionamento é sinxelo. Consiste en encher un cuestionario con preguntas sobre hábitos e preferencias de lectura xunto con outras máis persoais, como o tipo de vida, as principais preocupacións e ilusións ou o que uno espera estar a facer dentro de dez anos. Despois fixan unha entrevista que pode ser mesmo por teléfono ou Skype e ao final un recibe unha listaxe con seis ou sete libros recomendados. A biblioterapia funciona como unha sorte de libreiro emocional, que algún podería ver como un escalafón superior, ou simplemente diferente ao do libreiro tradicional.

Tamén se recomendan libros de non ficción, pero segundo Elderkin “preferimos prescribir novelas”. Algunhas que adoitan recomendar, segundo a persoa e a situación, son O Evanxeo segundo Xesucristo, de José Saramago; Henderson, o Rei da Choiva, de Saul Bellow; Siddharta, de Herman Hesse ou Un home afortunado, de John Berger.

Para Elderkin, “despois de todo, hai poucas cousas que poidas experimentar que non teña vivido antes un personaxe de ficción. Na miña opinión, Matar un Reiseñor é un marabilloso estímulo para facer o que un dos mellores libros de autoaxuda nos dixo: sentir o medo e facelo de todas as maneiras”.

Recheas un cuestionario, fas unha entrevista e prescríbeche libros de ficción

Polo momento non existen bos estudos que proben o valor deste tipo de biblioterapia na saúde, pero cada vez hai máis evidencias do que si pode provocar a lectura no noso interior.

Que lle pasa ao cerebro cando le?

Se ao ler nos transportamos e entramos no que o libro nos conta, se nos imaxinamos e dalgunha maneira vivimos a historia dos seus personaxes aínda pechados na nosa habitación, algo debe suceder nos nosos cerebros que o permita. O mellor xeito de saber que é o que ten lugar é mediante probas de neuroimaxe, técnicas que discriminan as áreas cerebrais que se activan cando lemos o que lemos. Dende hai uns anos se sucederon os experimentos do máis simple a procesos máis complexos. Isto é algo do que observaron:

No ano 2006, investigadores españois na universidade Jaume I de Castellón deron a ler diversas palabras a unha serie de voluntarios mentres lles practicaban unha resoancia cerebral. Algunhas desas palabras evocaban cheiros intensos, eran palabras como allo, canela ou xasmín. Outras eran palabras neutras, sen ningún tipo de cheiro asociado. O que viron foi que, ao ler, todas elas activaban as áreas cerebrais responsables da linguaxe, pero as primeiras facían traballar ademais ás áreas olfativas, as responsables de cheirar na realidade.

Investigacións similares parecían certificar algo que por outra banda semelle que se pode concluír de forma intuitiva: ao ler, dalgunha (cerebral) maneira, reproducimos o que as palabras evocan do mundo real. Por exemplo, cando lemos palabras como chuchar, agarrar ou pegar unha patada, se activan respectivamente as áreas da cortiza premotora relacionadas coa cara, os brazos e as pernas.

En certa forma é o que fan os saltadores de altura, que pechan os ollos e mesmo ladean a cabeza antes de cada salto visualizando cada un dos seus movementos. Esa visualización activa algunhas das áreas que logo lles permitirán elevarse. Así son adestradas e aumenta a súa eficacia.

De aí a seguinte suposición: se ao ler reproducimos o que sería a historia na realidade, e se son tantas as variantes ás que podemos acceder, podería dalgunha maneira a lectura adestrarnos para a vida real?

Historias e personaxes que adestran a empatía

A empatía pode definirse como a capacidade para captar as emocións e poñerse no lugar doutro. É un concepto amplo que engloba o que se coñece como teoría da mente, e é unha das bases que permiten a vida en sociedade. Algúns experimentos xa amosaran que, polo menos de forma temporal, ler pasaxes dun libro de Chejov alteraban os trazos de personalidade dos lectores respecto de se lían a mesma historia pero non contada como literatura, senón de forma neutra, en estilo documental.

A boa literatura mellora a empatía porque é un simulador da realidade

David Comer Kidd e Emanuele Castano, investigadores na New School for Social Research en Nova York, foron un paso máis aló. Nun artigo en Science amosaron que ler a considerada como alta literatura (os seus exemplos eran Don DeLillo ou Alice Munro, entre outros) melloraba de forma lixeira pero evidente as puntuacións dos participantes cando se sometían a tests de empatía, algo que non sucedía coa considerada baixa literatura, como as novelas románticas de Danielle Steel, ou cos libros de non ficción.

Un estudo afirma que ler novelas de Harry Potter axuda a superar prexuízos cara a grupos discriminados. Imaxe: Alonis, Flickr.
Un estudo afirma que ler novelas de Harry Potter axuda a superar prexuízos cara a grupos discriminados. Imaxe: Alonis, Flickr.

Aínda que o estudo recibiu algunhas críticas, son xa varios os traballos que apuntan na mesma dirección. “Nós cremos -explica Castano– que a complexidade dos personaxes, que se rebelan a ser estereotipados, obrigan ao lector a facer un esforzo para entendelos como individuos únicos, e iso é probablemente a causa dos resultados que atopamos”.

Dalgunha maneira a literatura (a boa literatura) funcionaría como un simulador da realidade: un campo de probas sen risco onde se poden dar e practicar condicións particulares e extremas ás que normalmente non accedemos con asiduidade.

Incluso un estudo de 2014 sostiña que ler as novelas de Harry Potter facía que os estudantes mellorasen a súa actitude respecto de grupos estigmatizados como inmigrantes ou refuxiados.

Algunhas conclusións xornalísticas destas investigacións afirmaron, extrapolando estes efectos, que ler ficción pode facernos mellores persoas. Parece unha extensión esaxerada, pero Castano non a rexeita: “Eu creo que a empatía é unha compoñente clave do comportamento social e da moralidade en xeral. Para min si, a empatía faiche unha mellor persoa”.

Os beneficios da non ficción

A maioría dos estudos previos baseábanse en novelas ou contos, pero a literatura de non ficción tamén acolle a promesa de múltiples beneficios. O principal deles parece ser -ademais da propia bagaxe cultural que achegan- o aumento da reserva cognitiva, unha especie de colchón neuronal que protexe de desenvolver síntomas como os asociados ás demencias.

Por exemplo, en enfermos de esclerose múltiple canto maior era o hábito de lectura á idade de vinte anos -tanto de ficción como de revistas, xornais ou ensaios-, maior é o tamaño do hipocampo aínda co avance da enfermidade, o cal se relaciona tamén cunha mellor memoria. Curiosamente, esta asociación non aparecía con outros hobbies como tocar un instrumento, nin sequera co nivel educativo alcanzado.

A literatura de non ficción protexe de síntomas asociados ás demencias

Noutro traballo, o chamado estudo das monxas, tívose acceso aos diarios de mocidade de 678 relixiosas que doaran o seu corpo á ciencia. Tras os estudos patolóxicos os científicos observaron que aquelas cunha linguaxe máis rica aos vinte anos -moi probablemente obtida a través de maiores e mellores lecturas de todo tipo- mostraban moitos menos signos de demencia.

Estes datos están lonxe aínda de ser definitivos e concluíntes, pero psicólogos como Castano se amosan convencidos: “Ler non ficción ten cheas de beneficios, tanto en termos do desenvolvemento cognitivo como do seu mantemento, así como polo que aprendes ao ler”

A terapia e o pracer

Entón, ten sentido a biblioterapia? Pode desempeñar un papel no cerebro? “Si, creo que pode”, sostén Castano. “Son beneficios diferentes aos que as miñas investigacións estudan, pero ao cabo ler ficción é unha parte do que nos fai humanos”.

E se non, e independentemente, sempre nos quedará a experiencia da lectura. “Onde, senón é na ficción, podemos experimentar o que é ser alguén doutro xénero, ou vivir noutra época, ou nacer nalgún país afastado?, pregúntase Elderkin. Logo engade o seguinte: “As novelas ofrecen unha narrativa ampliada, con múltiples capas; requiren tempo e atención sostida para ler e entender e gozar. Entrar nunha historia deste xeito é tremendamente relaxante para os nosos cerebros fragmentados”.

Iso xa parece dabondo.

1 comentario

  1. me parece muy interesante lo expuesto en el artículo,quisiera saber más del tema como listas de libros y si hay también literatura infantil

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.