Os homes len en galego 27 palabras máis por minuto que as mulleres

A filóloga Carme Hermida cre que elas son menos veloces porque practican unha lectura máis atenta ca eles

Imaxine este escenario: un home e unha muller len en silencio un texto en galego. El é máis rápido ca ela. Concretamente, le 27 palabras máis por minuto. Esta é unha das principais conclusións que extrae a filóloga Carme Hermida Gulías nun estudo que acaba de ser publicado en Cadernos da Lingua, a revista da Real Academia Galega. A súa investigación, pioneira en Galicia, trata de determinar a velocidade de lectura en galego, tanto mental como oral. O sexo dos lectores está entre as variables a estudo, revelando que na lectura silenciosa os homes len un promedio de 258 palabras, mentres que as mulleres acadan as 231. Porén, esta fenda non é extrapolable á lectura oral, onde a diferenza entre ambos sexos “non é significativa”: os homes seguen a ser máis rápidos, pero tan só dúas palabras máis por minuto que as mulleres.

O estudo non ofrece unha explicación a esta fenda entre xéneros. A súa autora recoñece que non dispón dos datos suficientes como para elaborar unha teoría ao respecto, aínda que si baralla unha hipótese: as mulleres len con máis atención os textos, e por iso teñen unha velocidade de lectura menor que os homes. Hermida apoia esta suposición ao comparar os datos de lectura silenciosa e lectura en voz alta. Mentres que na primeira hai unha gran diferenza entre sexos, na segunda a fenda é practicamente imperceptible. Por iso, a filóloga cre que o motivo que apoia esta diverxencia nos datos está, precisamente, na atención que presta cada un dos sexos á lectura. “Insisto en que os datos non son suficientes, pero pódese traballar con esa hipótese”, sostén Hermida.

Publicidade

Ata o de agora, ningún estudo establecera a velocidade de lectura dos textos en galego. Na súa investigación, que contou coa participación de 28 persoas, Hermida determinou un promedio de 243 palabras por minuto para a lectura silenciosa e de 167 para a lectura oral: unhas cifras que colocan o galego nunha posición intermedia respecto doutras linguas. Por exemplo, a lingua que máis rápido se le é o italiano, con 285 palabras por minuto en lectura silenciosa. Porén, o español supérao en lectura oral, con 191 palabras lidas por minuto. Entre os idiomas que se sitúan por debaixo do galego e, polo tanto, se len máis lentamente, está o árabe, con 181 palabras en lectura mental e 142 en oral. O motivo polo que uns idiomas se len máis rápido ca outros non está claro, pero Hermida defende a seguinte hipótese: “Non ten tanto que ver coa lonxitude das palabras como co carácter dos falantes da lingua, da súa cultura social; hai pobos que len moito máis amodo e outros máis rápido”.

Formación, idade e tipo de texto: as outras variables

O sexo non é a única variable que analizou Hermida, tamén investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Entre os factores que poden influír na velocidade de lectura está o nivel formativo.”A velocidade de lectura, tanto oral como mentalmente, aumenta segundo o faga a formación e a titulación académica”, sostén Hermida no seu artigo. Amais disto, as persoas con estudos universitarios “fixeron unha lectura con pausas máis demoradas, con entoación máis marcada, con focalizacións máis acentuadas e con menos erros na identificación das palabras da lectura”. Con todo, a maior diferenza entre a lectura máis rápida e máis lenta dáse, precisamente, na categoría universitaria: un dos participantes leu 185 termos por minuto, fronte aos 391 da persoa máis veloz. Hermida cre que a fenda entre ambos pode deberse á intencionalidade coa que se leu o texto. Un puido apostar por unha lectura máis reflexiva e outro por unha de tipo recreativo.

Publicidade

Outras variables a estudo son a idade e o tipo de texto. No que respecta ao primeiro factor, a década de idades na que se leron máis palabras por minuto foi a de 50 a 59 anos, con datos relacionados á lectura silenciosa. As máis lentas foron as persoas entre os 60 e os 69 anos, que leron un promedio de 204 palabras por minuto, en contraposición ás 262 da década anterior. Porén, estes resultados non son aplicables á lectura oral, dado que a década máis rápida foi a comprendida entre os 30 e os 39 anos, con 189 palabras por minuto; seguida da situada entre os 20 e os 29, con 180 termos. As máis lentas correspóndense tamén coas persoas participantes de maior idade, sendo a máis lenta a de 60 a 69, seguida das persoas entre 70 e 79 anos.

Velocidade media de lectura en distintas linguas.

Finalmente, no estudo traballouse con textos literarios e de divulgación. Dentro destes últimos incluíronse dúas reportaxes publicadas en Gciencia. Por unha banda, unha peza sobre a hemolacria, unha raro fenómeno médico que provoca bágoas de sangue. O segundo, un perfil de López de Guadalupe, o doutor galego dos reis e dos papas do século XV. Xunto a estes dous textos, tamén se incluíron pezas literarias, con fragmentos de A lingua das bolboretas, de Manolo Rivas, e de Memorias dun neno labrego, entre outros clásicos da literatura galega. ´Da súa análise, Hermida conclúe que os textos divulgativos lense máis lentamente que os textos literarios. De feito, na lectura silenciosa o abano de palabras lidas nuns textos e noutros é moi amplo: na ficción sitúase entre as 139 e as 396 por minuto; e na non ficción entre as 125 e as 385.

Os subtítulos e as audioguías

“Hai xente universitaria moi formada a todos os niveis e que ten grandes carencias na lectura oral”, di Carme Hermida, explicando cales foron as motivacións para realizar este estudo. Segundo explica, os consellos para ler máis rápido aplícanse á lectura oral, aínda que sexa inicialmente concibidos para a lectura silenciosa. Como resultado, a investigadora detecta que o emisor non fai pausas, non ten entoación e le a distintas velocidades. “A xente pensa que canto máis rápido le mellor o fai”, apunta Hermida. A investigadora enfatiza que a lectura oral supón “o dobre de traballo” que a lectura silenciosa, e coñecer a velocidade á que lemos é imprescindible para as profesións que traballan coa oralidade, como o xornalismo de radio e televisión. “Ás veces escóitanse noticias que están locutadas nun minuto cando en realidade precisaban tres. É unha cuestión de velocidade de lectura”, di Hermida.

A investigadora tamén destaca que o seu é un estudo pioneiro, dado que ata a data non se investigara este parámetro en poboación adulta. De todos modos, isto non só lle acontece ao galego, senón que é unha eiva xeral para todas as linguas. As investigacións que máis afondan neste ámbito proveñen fundamentalmente da psicoloxía e adoitan centrarse en nenos en idade escolar. “Na xente adulta non había ningún. É a primeira vez que se publica en galego”, subliña Hermida. A investigadora enfatiza a importancia de determinar a velocidade de lectura do galego, dado que é un coñecemento necesario para que o subtitulado das obras audoviduais e as audioguías se adapten da mellor maneira posible ao seu público receptor.

Ler rápido… Comprender tamén?

A velocidade de lectura determina o rápido e o lento que unha persoa é capaz de ler en galego. Este é o eixe central do traballo elaborado por Carme Hermida, que non determina o grao de comprensión. Precisamente este podería ser o seguinte paso para darlle continuidade a unha investigación pioneira no galego. De todos modos, a investigadora recoñece que non lle parece un traballo doado de levar a cabo e que precisa matizar pormenorizadamente a metodoloxía para poder desenvolvelo. A falta de traballos neste ámbito e, polo tanto, a ausencia de referencias nas que apoiarse, non favorece a situación. “Estou matinando, barallando opcións. A previsión é investigar sobre a comprensión para poder pechar o círculo, pero non sei cando”, conclúe a autora.


Referencia: A velocidade de lectura en lingua galega. Unha aproximación (Publicado en Cadernos de lingua)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. E non será tamén consecuencia da cultura machista, onde os homes por non ocuparse (por norma xeral) das tarefas de coidados, casa, fill@s, pais…, teñen a cachola máis ‘lixeira’ pra desenvolver estas ‘tarefas intelectuais’?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cantos topónimos coñeces na túa parroquia? Compróbao neste xogo de ‘Galicia Nomeada’

A aplicación busca dar a coñecer o patrimonio inmaterial a través dunha dinámica que deixa adiviñar ata 20 nomes no seu modo máis completo

Galicia é a cuarta comunidade autónoma con maior nivel de comprensión lectora

Un estudo contempla o uso moderado de internet como un factor favorable na alfabetización da mocidade

A historia do topónimo Cualedro: o seu significado único relacionado coa abelá

O filólogo Vicente Feijoo e o académico Gonzalo Navaza recuperan a hipótese que relaciona o nome deste municipio cun fitotopónimo antigo

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización