Como funciona a atracción? Os latexos sincronízanse cando che gusta alguén

Un estudo determina que a frecuencia cardíaca e a transpiración da pel dan máis información sobre o desexo ca outros xestos físicos, como os sorrisos

Súdanche as mans e acelérase o teu pulso. Pero é unha sensación agradable. Fronte a ti, outra persoa. Non a coñeces de nada, pero gústache como sorrí e como entorna os ollos. Non sabes o seu nome porque estás nunha cita a cegas. E todo un equipo de científicos detrás, tratando de entender como funciona a atracción. Unha situación semellante viviron os participantes nun experimento realizado nos Países Baixos, cuxos resultados acaban de ser publicados en Nature Human Behaviour e desenvolvidos pola Universidade de Leiden.“Descubrimos que se as parellas se sentían atraídas pola súa parella, a frecuencia cardíaca sincronizábase”, apuntan no estudo.

Tamén ocorreu o mesmo cos cambios na transpiración da pel, capaces de seguir o mesmo patrón de sincronización entre as dúas persoas atraídas. O curioso é que algúns dos xestos máis explícitos, como os sorrisos, non funcionaban dunha maneira tan coordinada. Así é que o equipo de investigadores salienta a importancia desa sincronización fisiolóxica, a todas luces insconsciente, que vai da man da atracción romántica. É dicir, que a sudoración das mans pode dar máis datos sobre o teu desexo cara á outra persoa que calquera outro xesto físico.

Publicidade

O experimento

Para o desenvolvemento deste experimento, os participantes foron emparellados nunha cita a cegas que transcorría nunha cabina pechada. Alí estaban en funcionamento unha serie de sensores que lle permitiron aos investigadores analizar toda a dinámica fisiolóxica dos participantes. Por exemplo, uns anteollos de seguimento ocular con cámaras integradas, que permitían medir que miraba cada un dos membros da parella en cada momento. Así mesmo, tamén se controlaba a frecuencia cardíaca e a actividade electródermica, co obxectivo de medir a transpiración da pel. Querían saber como de vinculada estaba a excitación psicolóxica coa fisiolóxica.

Ao principio, os investigadores pensaban que habería moitos comportamentos sincronizados, moitos deles relacionados con expresións físicas como os sorrisos ou os asentimentos. Non obstante, “ningún destes sinais prediciu ata que punto unha persoa se sentía atraída pola outra”, apuntan no estudo. “Son os signos internos invisibles, como a frecuencia cardíaca e a condutancia da pel, os que o determinan”, sinala a investigadora Eliska Prochazkova.

Publicidade

Unha mesa e unha barreira

Máis polo miúdo, cada unha das parellas de participantes foron sentadas aos lados opostos dunha mesa cunha barra entre eles. Esta barra levantouse, eles puidéronse ver uns segundos e logo volveuse pechar. Aí fíxose a primeira cualificación de como de atraídos se sentían o un polo outro. Despois a barreira volveuse abrir e eles puideron falar libremente durante uns minutos e, logo, tiveron que mirarse entre si sen falar durante outros dous minutos. Cando rematou cada unha destas probas tamén se fixo unha medición, grazas aos sensores.

De todos xeitos, os investigadores son cautos e sinalan que aínda queda moito por coñecer acerca deste fenómeno. De feito, non están seguros de que é o que causa cada que. É a sincronía a que desenvolve a atracción ou é a atracción a que desenvolve a sincronía? O único que ata o momento teñen claro é que a coordinación existe cando dúas persoas se senten atraídas. Todo o demais queda aínda po descubrir.


Referencia: Physiological synchrony is associated with attraction in a blind date setting(Publicado en Nature Human Behaviour).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Yolanda Prezado: “O Centro de Protonterapia situará Galicia nunha situación privilexiada para investigar”

A física galega, premiada co Wonenburger 2026, consolidou a súa traxectoria en Francia e regresou en 2024 a Galicia para crear escola no eido da radiobioloxía

Unha recreación en 3D recupera a desaparecida casa de baños La Concha de Arosa

O CIAG crea unha visualización dixital dun edificio de finais do XIX que funcionou como polo turístico e centro do lecer aristocrático da época ata o seu peche tras a Guerra Civil

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

O valor da amabilidade ou por que os lobos teñen problemas de extinción e os cans, non

A prosociabilidade evolutiva decisiva para cans e humanos. Por Jonathan Benito Sipos